mércores, 14 de outubro de 2026

Parede da Negra Sombra. Cantis do Limo. Ortegal.

Rocha, mar e nordés. Coma unha viaxe insondable navegando cantigueiros de sereas, a odisea arraiana das conversas co azul e o seu rumor miudiño de treboada. Coma un deserto bravo de area preta, postulante ousado das vangardas. Coma se non fose, asoballando xuízos, paixasista da fenda sibilante, besta do angulo perfecto, lenzo de camiñantes sobre as nubes de conversas indoeuropeas, marabilla indolente, presente en litixio, en nós, en cadaquén que saiba desfollalo.

A parede da Negra Sombra foi unha revelación deste verán. Aí estaba, máis había que ir buscala. Un traballo enorme de Alfonso e colegas que lle temos que agradecer, alén do traballo, porque sitúa este penedo na cúspide da aventura en Galiza, dun xeito moi peculiar debido á súa situación e ás particularidades da rocha. Consultade o tempo, principalmente o vento, e nunca infravaloredes a parede. Bosquexos e toda a info necesaria, e que cómpre ler, no PDF golgado en blokopedia.

As vías actuais constan dunha parte inferior e dunha superior, divididas por unha gran repisa herbosa denominada Niño de Cabras. A PARTE INFERIOR soe ser un pouco máis patinosa, talvez lle inflúe máis o salitre, máis segue sendo brutal. A PARTE SUPERIOR, talvez máis venteada, soe ter unha rocha con mellor tacto e moitos longos de gran beleza. Para chegar a esta repisa intermedia (Niño de Cabras) existen dúas liñas: o Gran Diedro Inferior e a Vía Ártabra. Desde o Niño de Cabras a parte superior ten catro liñas xerais, con variantes, para saír polo cumio. De esquerda a dereita: Jinetes del Nordés, o Gran Diedro Superior, a Vía Artabra e a Rapa das Bestas. Esperemos a aparición de novas aventuras... Déixovos unha fotogalería completa que coido mostra bastante info, pero non esquezades ler o PDF e ir a modiño.

Manu comezando o Gran Diedro Inferior (7a)
 
Adri rematando o L2 do Gran Diedro Inferior (7b)

Á dereita do Gran Diedro Inferior comeza a Vía Ártabra, Manu en acción (6a, pola Vte. esquerda)

Manu rematando o L2 da Vía Ártabra (7b?), hai que apretar!

Manu no L3 da Vía Ártabra (6b) que dá acceso ao Niño de Cabras

A Vte. da dereita é o Diedro Charol, o nome xa impón... e nós non fomos capaces de saber como se escalaba, escorrega moito... máis segundo os entendidos do lugar hai que facer como cheminea co corpo e os xeonllos... Adrí en acción (7a/+), para nós A0/6b, e non está fácil acerar, he he.

Estamos na parte superior, saíndo do Niño de Cabras pola súa esquerda, este é o precioso diedro de inicio de Jinetes del Nordés, 6c+.

Alfonso e Manu comezando o L2 de Jinetes... (6b+), outra marabilla.

Manu colleu a corda para sacarnos da parede, L3 de Jinetes... (6b+), viaxando de bocado fino a arroz con lumbrigante.... iso si, cargados de friends!

Manu buscando a saída do último longo de Jinetes... (6a+)

Agora xogamos no Gran Diedro Superior, Alfonso no seu L1 (6a+). Ás súas costas a repisa herbosa que chamamos Niño de Cabras.

De novo o meu anfitrión no L2 do Gran Diedro Superior (GDS), un 6a+ magnífico.

Seguimos no GDS, este é o L3 (6b+) outra marabilla.

Alfonso na Vte Dta dese longo do GDS (6c). Preciosa!

Alfonso de novo, agora no último longo, L4, do GDS (7a)

Detalle do GDS cunha variante nova na que acompañei a Alfonso na primeira ascensión. A Vte. (en vermello) percolle unha fenda ben chula que sae da R2 do GDS e chega á R3 da Jinetes del Nordés (á espera do que conten outras repeticións ándará por ese grao) paga a pena por sí mesma ou para buscar unha saída diferente ao teito final do GDS.

Adri encadena de segundo a variante Diagonal Bizarra, 7b, un longo bastante obrigado, aínda que Alfonso lle meteu algunha chapa máis!! A reunión deste longo serve de acceso á ao inicio da Rapa das Bestas e coincide coa R4 da Vía Ártabra

Manu no L4 orixinal da Vía Ártabra, 6b. Esta reunión é a mesma que a da Diagonal Bizarra e desde aquí podese continuar a Vía Ártabra ou iniciar a Rapa das Bestas. Embaixo de Manu vemos perfectamente a repisa herbosa do Niño de Cabras.

Manu no L5 da Vía Ártabra, 6b+ (pola variante dereita). Boísimo

Aquí Alfonso rematando ese mesmo L5 pero pola variante esquerda, 6c. Boísimo tamén

Manu no último longo da Via Ártabra, un 6a excepcional.

Adri comezando a Rapa das Bestas, 6c+. Desde a R4 da Vía Ártabra iniciamos esta ruta se seguimos os diedros.

O L2 da Rapa... é curtiño pero hai que escalar, 6b.

Este é o ultimo londo da Rapa... 7a+, (variante esquerda) nesta parte da parede o aire pode ser demasiado, mellor días de pouco vento porque se volve patagónico e rebéntache os miolos.

Traballo enorme de Alfonso, e colegas, nesta parede. Grazas por deixarnos estas aventuras norteñas, para todo o ano e tan perto da casa.



mércores, 29 de xullo de 2026

Bujaruelo. Pared de la Colmena: Kumité de expertos

Novamente diante dun ordenador, como se do pelotón de fusilamento se tratase, lembraremos aquelas mañás frescas de verán infernal onde parecería que alguén nos levara a coñecer o xeo. Si, o mesmo xeo que vai escaseando cada inverno e que os nosos descendentes albiscarán como unha realidade máxica de historias de mundos en nacemento e/ou descomposición, como un leito de ovos prehistóricos extendido ao longo dun río de augas diáfanas. Na parede da Colmena hai realismo e hai maxía para gozar de boas historias.

Esta vez tócalle a Kumité de expertos, edificada por Edu e colegas, e con bos piares. A ruta é boa, con algún longo antolóxico e algún outro de ler ben lido ou pinchazo de neumático asegurado. A parede está bastante limpa, segundo acostuman estas vías, pero con excelentes posibilidades de protección en fendas e diedros. Para nós o mellor foi o L4 e o que se nos resistiu bastante foi o inicio do L5. A vía é altamente recomendable, unhas fotos.
 
O segundo longo ten a súa maior dificuldade no inicio do diedro desplomado (7a) para min foi un A0 descarado pero, negociando moi ben cos pés, parece humano. Miguel fixolle a foto á corda, he he.

O L3 sobre unhas laxes que parecen resistir (6b), tamén ben bonito.

Miguel no L4 (6c), unha marabilla.

O L5 ten un inicio que parece o que non é, he he (6c)

No último longo... comeza como en travesía por bloques pero remata por un diedro chulo (6a+)


sábado, 11 de xullo de 2026

Bujaruelo. Pared de la Colmena: Los Pisavías

Xuño, primeira onda de calor que percorre Europa facendo que por fin nos entendamos nalgo, a temperatura dos veráns imposibles vai ser o trazo común que nos defina. Despois de visitar o Azquena Rock Festival en Vitoria quedei con Miguel para facer algo de deportiva pola zona, se hai algo que pode matar o Rock&Roll vai ser o capitalismo, aínda así puidemos gozar dalgúns concertos inolvidables como o de Jason Isbell (marabilla) ou os canadianos Bywater Call, talvez sexa o mesmo capitalismo que pode rematar co pracer de ir á montaña! O tempo non permitía trepar sen suar o que non estaba escrito así que decidimos marchar para o Pirineo, a parede da Colmena (ou Apicultores?) parecía un dos lugares onde se podería escalar sen sufrir. Esta parede, á sombra ata as 14:30h, é unha marabilla para o verán. Descubrir e crear estas aventuras é algo que temos que agradecer a Edu e colegas, o valor destas paredes supón un esforzo e unha tenacidade que só está ao alcance dalgúns persoeiros incombustibles. Pola mañá escalar, pola tarde pozas no río e pola noite ben fresquiños para nin nos decatar da onda de calor, un luxo cando media Europa se retorcía de sufrimento nas brasas.

Os Pisavias é unha das fáciles máis non por iso menos interesante. O primeiro día na travesía do L2 confundímonos de reunión e acabamos pola Jumanji, que xa fixeramos, pero non nos demos conta ata que non ollamos para o bosquexo cando xa estabamos baixando, por algo non nos coincidían os graos... pois nada, ao día seguinte volvimos para facela por onde toca... tamén probamos a entrada directa porque vimos algunhas chapas pero Miguel sufriu o seu para chegar á terceira e tivo un susto no que un micro se levou parte da fendiña na que estaba e outro tivo a ben paralo para que o corazón non lle saíse do sitio, en fin... a entrada orixinal é un diedro precioso é pareceunos boa idea repetilo, he he. Bosquexos por internet.
 
Miguel probando a entrada directa aos Pisavías, ou algo interpretou mal ou parecía moi cabrón chegar ao terceiro bolt.
O L1 é ben chulo (6a+)

Miguel no L4 (6a+)

Agora no L5 (6b+)

Este creo que é o inicio do L6 (6b+)


mércores, 17 de xuño de 2026

Peñas de Prao. A BARRAGANA: Espolón Cubillas

Sempre que pasas por Cubillas de Arvas ollas inexorablemente para este espolón. Levaba moitos anos coa intención de escalalo e só coñecía un bosquexo do Desnivel nº 152 (xuño de 1999) que podedes ver nunha fotografía máis abaixo. O lugar sempre foi un recuncho bastante solitario, un privilexio para @s escalador@s máis coa ferrata e o turismo ábrense novas espectarivas de casas rurais e múltiples autocaravanas que lle deparan un futuro incerto e de sobra coñecido, alén disto nas paredes aínda podemos estar bastante isolados e gozar das pequenas épocas onde o clima nos permite unha aventura excepcional nesta preciosa paraxe.

O Espolón Cubillas dibúxase como un gran piar que cae sobre o val e que se recoñece perfectamente desde a vila. A vía, aberta en 1975 por José L. García e Candido Álvarez, foi "actualizada" con algúns pitóns nas reunións que se atopan en boas condicións, os que encontraremos nos longos seguen sendo os orixinais e teñen un estado bastante discutible pero friends e entaladores permitennos escalar con bastante seguridade. O acceso fixémolo por un diedro na parte esquerda do espolón (entrando ao mesmo por unha canle herbosa da parte dereita que se fai en zapatillas), o longo chave é o L3, con pitóns pola esquerda que se poden obviar se continuas polo offwidth protexéndote con friends grandes. Ao final do espolón hai como 100 mts andando para rematar facendo un ultimo longo de IIIº (en zapas) polo que accedes ao cumio, sen este longo parece dificil chegar á baixada que se fai continuando toda a aresta que nos deixa no val de subida.

Adri e mais eu escalando o L2 (IV+), precisoso lugar.
 

Adri colle a corda e coñeza o L3 (6a+ en fenda ancha)

Adri máis arriba antes de acceder ao offwidth

Os meus compis saindo á parte superior do espolón (Vº)

´Despois duns 100 mts andando hai que facer un longo de IIIº para acceder ao cumio.

Na cima da Barragana

O bosquexo que coñeciamos do artigo sobre Penas de Prao no Desnivel nº 152.

 

 

O bosquexo que fixemos.


 

mércores, 10 de xuño de 2026

Peña Ubiña. Cara Oeste: ESPOLÓN CENTRAL

O Espolón era evidente sempre que pasabas por diante e, uns anos antes, cando escalamos o Superespolón Oeste Directo, Josito e eu botámoslle uns bos vistazos. A primeiros de marzo, nun curso da EGAM, mostreillo a Adri e a Jaime, era maio cando escapamos para abrilo. Pero o noso gozo nun pozo, descoñeciamos que fose escalado previamente pero na parte superior atopamos ata 2 pitóns (en dous lugares onde tampouco eran necesarios), tampouco sabemos por onde accederon os que xa subiran antes por aí e decoñecíamos calquera referencia desta escalada previamente; se alguén quere contactar estaría xenial saber como a fixeron, por onde entraron no espolón e as posibles diferencias da escalada que mostramos neste bosquexo.

A vía resultounos ben bonita, con zonas onde andar con coidado polo lique, ou polo roto, pero en xeral bastante divertida e de aventura. Salientar o A1 do L3 onde cómpre levar un pitón (plano ou universal) e un pedal (o pitón puido quedar pero por erro finalmente levámolo connosco). Ao inicio do L4 metimos un bolt, nós pasamos sen el pero pareceunos un pouco expo e o último meteu este expansivo para sinalar a ruta e para salvar a caída á repisa (daquela aínda pensabamos que estabamos abrindo a vía). Parte do L4 e L5 non se ven no bosquexo, trátase un gran diedro de pouca dificultade onde andaremos rápido porque se protexe moi ben e ten cantos a esgalla, unha ponte de rocha sinala o acceso a este diedro. o L6 é o mellor sen dubida. Descenso polo Catoute andando (tamén se pode rapelar) ou continuar todo o Espolón Oeste ata a cima de Ubiña. Toda a info para repetila no bosquexo, vexamos unhas fotos.

 

Inicio do L3 (antes do A1). Adri pasou de segundo pola placa máis á dereita pero dixo que sería como 6a+/6b e bastante expo.

Adri no L4, subindo un pouco máis atoparemos a ponte de rocha que deixamos para sinalar o acceso ao diedro da parte dereita do espolón

Adri comezando o L5, saíndo do nicho.

Na parte superior do L6, o mellor sen dúbida.

Jaime comezando o L7

Detalle da parte inferior o espolón

Detalle da parte superior do espolón
 
O Bosquexo
 

Os tres na parte superior e Adri chegando á R6, con Torrebarrio detrás. Un pracer compañeiros!!