martes, 20 de setembro de 2022

Graofilia: matemáticas puras para definir a metafísica

Voume meter na lama. Falar de grao hoxe en día é algo delicado, non sei cómo vou saír desta sen levar unhas calucadas, seguro que merecidas, mais... como este é o Recuncho de Pensar, imos ver como andamos o colectivo "escalador" e o colectivo "muros que se escalan" na nosa relación, no coñecemento mutuo e nas -filias (simpatías) ou -fobias (temores) que se establecen entre nós. Finalmente temos que entender que o grao non é máis ca lectura dun esforzo e dunha habilidade, codificada nunha linguaxe que todos poidamos entender, non é máis... nin menos!!

Para un escalador/a as vías teñen alma na sua beleza intrinseca mais ,principalmente, a singularidade reside no tipo de movementos que nos obrigan a facer, ou na forma de protexernos (principalmente nas vías de aventura)... porén o produto final chamado VÍA ten un proceso complexo, como se fose viño, hai que plantar a cepa, sempre segundo o tipo de chan e a varieade máis adecuada, decidir o momento da vendima e darlle os cariños propios de fermentado, trasego e embotellado de cada quen... iso sen esquecer que nas empresas vinícolas o "químico" é un dos traballadores máis importantes. Aínda que non deberá ser así, a realidade é que, alén do muro onde se atope unha vía, o resultado final depende do terreo, e debería respectar a cultura propia de cada zona, pero tamén pode estar afectado polo equipador/a e a súa visión de como resolver a seguridade e as secuencias que a súa imaxinación e o seu coñecemento lle permitiron ver. Como co viño, o "sabor" depende de moitos factores!

A que sabe unha escalada? pois a nada! Pero percibimos detalles que nos chegan a través do sentidos, o tipo de agarres, a súa disposición e os movementos que executamos, o esforzo físico, a pericidade na economía dese esforzo e na destreza de cada un/unha, o que chamaremos intelixencia técnica e/ou experiencia, e outro tipo de factores como o escenario e a seguridade percibida, estes últimos afectan a un condicionante que ás veces se esquece en escalada: o factor mental. Sabemos que é outro aspecto fundamental e, pórén, obviamolo en moitas ocasións, talvez pola simple razón de que é moi dificil aceptar compartir o medo; baixámonos dunha vía porque non estamos preparados mentalmente para realizala, pero compartir ese tempo íntimo de debilidade co compañeiro/a de cordada é un exercicio de humildade para o que esta sociedade non está, en xeral, preparada. Só a experiencia nos permite tomar estas decisións en equipo, coa seguridade de coñecer múltiples terreos e de ter múltiples experiencias próximas ou similares.

E por qué solto todo este rollo? para que sexamos conscientes de que unha VÍA é un produto que ten unha feitura (a súa beldade ou "sabor") que depende de multiples factores, algúns intrinsecos e outros construídos pola man do/a aperturista ou equipador/a. O grao é unha destas creacións, talvez a que ten os cimentos máis febles, e porén é a que consideramos máis importante. Sabemos que o grao dunha vía é unha percepción subxectiva, relaciónase co esforzo físico e co tipo de movementos ou cantos, pero traduce iso todo a un número que está valorando un momento e un estado fisico e mental, está pois no ámbito da especulación do escalador, como se nos poidese dar todo o coñecemento da vía, iso en filosofía chámase metafísica. 

O grao é importante para coñecer os nosos límites, motivarnos e, principalmente, para ter unha referencia de onde imos meternos, pero é enormemente subsectivo. Escalamos en placa, desplome, fenda, en granito ou caliza, os seguros están lonxe ou cerca, eres alto para chegar a un canto ou non sabes onde meter as pernas longas nun paso concentrado... as variables son tan grandes para abranguelas coa simpleza das matematicas que resulta imposible separar o grao do ámbito da especulación, aínda habendo consenso sobre a proposta de grao sempre estaremos no círculo que sobrepasa os límites do obxectivo. A realidade é que escalar é un deporte, un xogo valorado na destreza fisica e técnica, é imposible darlle valor real ao terreo onde xogamos cunha simplificación coma o grao. Pero esa parte insondable do noso deporte é unha caracteristica propia, necesaria para salientar a beleza da aventura que supón cada via e cada sección de movementos.

Necesitamos codificar e simplificar nun número, mais temos que saber que só é a nosa experiencia misturada coa nosa creatividade a que define o grao, movidos polo exceso ou defecto da nosa vanidade, ou por outros condicionantes menos confesables aínda. Gocemos das VÍAS e da súa beldade, e vaiamos a modo, gañemos a experiencia para escalar en todos os medios, crezamos en destreza mental e tomemos os números como unha referencia, así atinxiremos maior realidade nas referencias de grao, e salvémolo de egos porque nalgúns casos nos pode levar a confusións indesexables e perigosas. A honestidade é o mellor coñecemento, o grao é un elemento imprescindible que usado adecuadamente nos pode salvar dos perigos, porén se só o vemos como un número (ou sexa, un valor estable) o risco está garantido e, infelizmente, parece o camiño que nos están sinalando.
 
Non intentemos pórlle un grao á beleza nin ao "salvaxe" porque, por moito que atinemos, unicamente poderemos facer unha referencia aproximada. Só gañar experiencia e educar a mente achegaranos  á realidade, aínda que sexa de forma expeculativa. O demais són matematicas puras para definir a metafísica!!






Ningún comentario:

Publicar un comentario