venres, 18 de xullo de 2025

TAGHIA: Entre2aguas e Zebda

Recupero este outono en Taghia, no que me pararei a facer algunhas entradas de diferentes vías. Escapada co Equipo de Nov@s Alpinistas Galeg@s (ENAG) para rematar os dous anos de tecnificación, onde alén de antigos membros dos Equipos fomos outros colegas, tamén veu Miguel (do que non me despeguei estes días), finalmente coido que eramos dezasete aventureiros e aventureiras con vontade de trepar e de pegarnos risas. Volver a Taghia case 10 anos despois achegoume á raiz, escalada relaxada pola fácil estratexia e a cómoda estancia pero certa aventura nas vías e no terreo, onde hai que prever choivas e descensos, un lugar máxico con vías creadas nos soños de rocha máis eróticos. Agora chegan vehículos a Taghia, moito mellor para os habitantes, aínda que xa comezan a chegar camiñantes e a multiplicarse as gites, chegará a "hojarasca" da que falaba García Márquez, espero que lle vaia ben aos da aldea e que a masa non chegue para rebentalo todo, ao modo consumo valores porque podo pagalos, ou monten un resort neonazista ao modo do geto de Gaza, porque podo pagalo ou teño "armas" para impoñelo!

Comezamos a nosa andaina con estas dúas vías ben bonitas, eran dias de ameaza de auga así que fomos escollendo algunhas das que era fácil baixarnos. Entre2aguas estaba pendente desde que a abriron algúns amigos do EJAM en 2018, unha vía interesantísima e con algún longo precioso, situada no contraforte do Tagoujimt n´Tsouiannt (á dereita da parede de Babel). Parte dunha cova evidente e o nome fai referencia a que sobe un piarciño que polos lados parece ter caída de auga cando chove, porén a vía parere segura. Bosquexo e historia completa da vía no blog de Pablo. A Zebda é unha clásica entre as clásicas da parede das Sources, cerca da aldea con posible retirada cómoda. A vía pareceume boísima, pouco máis que decir! 

Toda a banda antes de "embarcar" o día de chegada 

Miguel comezando Entre2aguas, xusto saíndo da cova onde comeza. L1, 6b+

Miguel  no L3, 6a

O L4 era precioso, só este longo xustifica a visita, 7a

Xogamos na Zebda, con cordadas variadas nas Sources porque ameazaba auga, aínda que despois respectounos, O L1 é moi bo pero ten un bloque ao final inhumano, 7b+. A cordada que está por riba fixo unha reunión intermedia que non é recomendable, a persoa colgada do lado dereito esta na chorreira onde o paso a bloque.

Miguel no L4, fantástico, 7b.

O L5 é outra xoia, de novo Miguel en acción, 7a

Co meu compi na base da vía, sempre gozando!

Ningún comentario:

Publicar un comentario