luns, 14 de agosto de 2023

ESCALADA, ESPAZOS NATURAIS E ECOLOXÍA

A escalada está de moda e non vai parar de estalo, cada día somos máis. O montañismo, o sendeirismo e os lugares naturais que atraen turismo están de moda. A ferratas, tirolinas, camiños fabricados e pasarelas en zonas naturais excepcionais están de moda, e masificadas ata un extremo insostible.

Tamén hai escolas de escalada deportiva masificadas, desenvólvense actividades de ocio na natureza nun marco de seguridade, institucións que xestionan o tempo libre, empresas que facilitan a nosa “aventura”, multinacionais que crean novos materiais cada día… é o crecemento habitual de calquera ámbito sectorial tocado pola man humana, crecemento sostible chámanlle… en moitos casos o único sostible son as apariencias documentais para continuar co negocio.

Rodellar, exemplo de masificación e cultura de escalada con desenvolvemento rural

Vou meterme de novo na lama e intentar traer algo de luz a este problema de actualidade, é un tema complexo que presisa reflexión, con moita moderación pero tamén con determinación porque, posiblemente, estemos nun punto crucial de mudanza dos principios básicos deste deporte. Reflexionar para descubrir que está pasando en realidade, pero non de xeito caprichoso ou arbitrario, senón de maneira racional e crítica, coñecer a realidade explicando, e destruindo, as apareiencias enganosas que incluso reciben o apelativo de científicas. Falamos de ecoloxía e da influencia do ser humano sobre a mesma, e en todo este desenvolvemento sempre hai discordancias, actores, intereses e, como diría un profesor de historia que tiven no bacharelato, “¿fáltanos un factor para explicar este conflicto? un que sempre está presente: o factor económico”.

Cuenca, moitos escaladores/as ao pé da cidade, con cultura de escalada e convivencia coa natureza

O movemento ecoloxísta sempre tivo como obxectivo a preservación da natureza, para isto desde hai moitos anos dedicouse a EDUCAR á cidadanía para que cada un de nós respectásemos o medio, foi un traballo ben feito, actualmente é unha realidade a conciencia xeral da poboación, temos organismos e institucións que defenden o medio e dotámonos de ferramentas para contaminar o menos posible, e ninguén discute a necesidade de todo isto, está asumido pola maioría, e cómpre seguir educando e avanzando na radical conciencia ecolóxica da cidadanía. Porén atopámonos nunha contradición, porque nunca tivemos tanta contaminación, tanta destrución de espazos naturais nin tan profunda emerxencia climática. Teremos que preguntarnos por qué falamos dun movemento social con notable éxito, nos medios que se propuxo, e con tan malos resultados nos obxectivos finais... hai algún factor negativo que está participando e que parece que non vemos. E, por suposto, non critico con isto ao movemento ecoloxista, estouno loando en todo ese traballo de educacíón porque o principal labor dun movemento social é cambiar a conciencia da sociedade.

Petrocoptis grandiflora, cómpre coñecela e conservala, tamén nos camiños, nas pistas e nas canteiras.

Agora falemos dos espazos protexidos. A realidade é que a xestión destes espazos ten moita regulación pero pouca protección, con obxectivos pouco definidos ou pouco ambiciosos, alén de que non se aplica en moitos casos. Entramos no ámbito da política, tan importante que xestiona as nosas vidas e aínda que queiramos pasar dela non podemos. A Rede Natura é unha realidade que nos inflúe como cidadáns e como escaladores/as, está desenvolvida por plans de uso e xestión que se realizan segundo directivas que proceden dos nosos responsables, axentes sociais e políticos que, como en outros ámbitos, responden a intereses múltiples e actuan na medida ideoloxica e estratexica do partido, do colectivo, da empresa ou da simpatía polo interlocutor, iso no mellor dos casos, sen confesar outras comenencias particulares.

A defensa do patrimonio natural sempre precisou asociacionismo reivindicativo

Por iso os espazos naturais en Galicia teñen unha xestión pauperrima, poñendo o acento na prohibición ou regulación de actividades puntuais de explotacións familiares ou sobre colectivos con pouco peso socio-político, e permitindo saltarse a lei de costas, creando explotación acuiculas en lugares protexidos, eólicos por todas partes, edificacións en lugares estraños, canteiras onde faga falla (a metade delas improdutivas e a monte), pistas por calquera razón (algunha ata o casoplón que apareceu no medio do monte, mesmo asfaltada), portos exteriores (con dragados inmensos sobre as nosas costas), desmontes (o territorio está cheo de “buratos” para construir que quedaron para o feismo) encauzamentos de rios (para gañarlle espazo ao río, ata desfacendo as ribeiras con paredes de hormigón), e tantos e tantos atentados contra o medio, algúns regulados con planificación de futuro e outros ad hoc, é dicir, pensados para un fin especifico nun momento dado.

Riglos, a maior tradición de escalada e de masificación, con liberdade case absoluta sobre as súas paredes e, ultimamente, limitando estacionamentos e pernoctas só para quen poida ou estea disposto a pagalo.

Sabemos pois que as regulacións teñen un proposito ás veces difuso, e outras mesmo contrario ao fin que se pretende. Na ecoloxía e na conservación de espazos naturais isto é algo común. Aquí é onde debemos pararnos, cómpre que haxa regulación, mesmo prohibición, de uso dos espazos naturais, pero se esa regulación non é boa, ou non incide nos problemas reais, estaremos educándonos toda a vida, teremos boas practicas pero non influiremos sobre o problema que nos ocupa, que é a conservación dos espazos naturais e a convivencia co resto das especies do planeta. Se non cuestionamos as malas planificacións, ou as malas regulacións, perdemos perspectiva e acabamos sendo un produto máis dun sistema creado por intereses contrarios aos fins pretendidos.

Rede Natura, normativas europeas financiadas con fondos da UE, principalmente fondos agrarios e estructurais. Galicia entre as peores CCAA na conservación da súas zonas "sensibles"

Os escaladores/as repercutimos no medio, non hai dúbida de que os rochedos son espazos naturais privilexiados e a práctica deste deporte ten, cada día máis, un impacto sobre o medio natural. Pero tamén é certo que a natureza sempre conviviu co ser humano, é o normal, senón teriamos que borrar do mapa algunhas aldeas, as zonas rurais precisan xerar actividades economicas pouco invasivas, tradicionais e/ou modernas, que lles permitan vivir dignamente e posibiliten medios para dinamizar a xestión respectuosa do seu contorno natural. Os escaladores/as tamén precisamos educarnos para ser respectuosos co medio, principalmente porque cada día somos máis e máis diversos, pero a nosa influencia sobre o espazo natural é limitada se a comparamos con outras actividades, altamente agresivas, que se permiten e se promocionan.

Rapaces como o Falcón Peregrino debemos respectalas no seu período reproductivo.

A tradición alpínistica mantén a escalada en zonas do máis alto valor ecolóxico, dentro do alpinismo inclúo a escalada tradicional, cunha cultura de boas prácticas e de respecto ao medio estas actividades non son de gran incidencia no medio, basicamente porque non hai masificación, pensar nas 4-6 cordadas que poden subir no primeiro bus de Ordesa é ridículo se o comparas cos milleiros de persoas diarios que camiñan polo val. En Picos, Montrebei, Cienfuéns, Monserrat, Ponoch, A Peneda, Vegacervera, Alcandoras, Peñas de Prao, Galayos… pasa o mesmo, con algunha excepción moi puntual. Non me vou parar nisto porque é unha evidencia, talvez habería que analizar o que está acontecendo coas vías ferratas e con algúns sendeiros, coido que isto precisa regularse e unha reflexión moi seria, pero como quen promociona estas actividades soe ser algún organismo a tormenta perfecta está elaborada. A montaña e a natureza sempre se defenderon soas, aínda que nalgúns casos hoxe precisan certa axuda, hai zonas que debemos regular e protexer, pero o principal é non facilitar o acceso con medios mecánicos ou camiños “creados” á natureza, por iso digo que se defende soa, se o esforzo de acceso é maior limitamos a masificación, non podemos pór un ascensor ou unha pasarela e logo regular a multitude que accede, e estase facendo. E algo parecido está acontecendo coas carreiras por montaña, masificación por percorridos de alto valor ecolóxico, co simple que sería levar os trazados por lugares menos sensibles e/ou limitar algúns aforos a cifras que baixen de miles de inscritos. Alguén debería pensar nisto pero coido que é imposible de arranxar, xa estamos mentalizados para aceptar este enfoque do ocio e de aventura cómoda, e se a maioría o acepta os organismos responsables xustificarán estes usos, e abusos.

As reivindicacións do asociacionismo ecoloxista, sempre incómodas para as políticas económicas

A escalada deportiva é o suxeito principal cando nos referimos á pegada dos escaladores/as sobre o medio. O impacto ten que ver coa afluencia de xente que practica esta modalidade, coa apertura de novas zonas e cunha cultura competitiva alonxada dos valores tradicionais da escalada, e pasa o mesmo co bloque, aínda que con menos impacto, principalmente polos valores de escalada limpa e con moita menos influencia da cultura competitiva. Porén, exceptuando as zonas “famosas” ou as próximas a algunha cidade, tampouco vexo masificación na escalada deportiva. Se falamos de zonas “famosas” pensamos en Rodellar, Riglos, Siurana, Margalef, Chulilla, Albarracín, El Chorro, La Pedriza, son lugares nos que escalamos acompañados pero realmente hai moitos máis senderistas (ou barranquistas no caso de Guara) e turistas que escaladores/as, en algúns destes lugares a escalada serviu para o coñecemento e desenvolvemento da zona, os responsables públicos, observando o crecemento, diversificaron as actividades para máis xente (ferratas, barrancas, sendeiros preparados…) e cando veu a masificación (derivada dese coñecemento) viñeron as regulacións, que en moitos casos están alonxadas do espirito das normativas europeas, e todo o mundo comezou a pagar parking, a pernocta prohibiuse se non estás aloxado nun negocio da zona e as áreas proximas encheronse con campings, hostais e bares con terraza, cando non se ampliou a estrada para que o acceso en coche non fose tan arduo. Nestas zonas as regulacións son un lavado de cara para o business, realmente non se vai deixar de acceder porque a economia local depende desas actividades e hai moitos intereses empresariais e políticos en xogo. A niguén se lle escapa que se houbese un niño de quebrantahuesos en Rodellar (serra de Guara) non se pecharía media escola, ou o acceso á barrranca, como moito pecharán algunhas vías. Cienfuéns (tamén en Guara) está prohibido a maior parte do ano, pero aí suben a escalar como moito 20 ou 30 cordadas en toda a tempada, pouco interesante para os negocios! Nas zonas próximas a cidades tamén soe haber masificación de escaladores, moitos son lugares sen gran impacto ecolóxico, porén hai algúnhas zonas onde coido que cómpre regular para protexer a flora e a fauna. Realmente pasa algo parecido ao que aconteceu coas zonas “famosas”, a diversificación para diferentes prácticas de ocio fixo crecer economicamente a zona, “humanizouse” o contorno con pistas e áreas de comidas, convertironse en zonas de escape da cidade... ou onde acabar unha noite de copas... pero pernoctar segue estando prohibido!!!

Escalando en Penarubia (Espolón Fiz-Roi), sen presencia aparente de Petrocoptis.

A Galicia non chegou a masificación, nin as zonas de escalada deportiva nin á escalada en bloque. Se exceptuamos algúns días ao ano, e só en dúas ou tres escolas próximas a cidades, ou nalguna zona de bloque máis concurrida, normalmente escalas con algunha cordada próxima ou só cos teus colegas. Porén as regulacións e prohibicións están profundamente enquistadas, hai un montón de áreas afectadas e os coflictos de xestión da natureza soemos pagalos os escaladores e escaladoras que nos enteramos do asunto cando pasou o leiteiro, só nos queda a pataleta de bar ou a resignación, “éche o que hai”.

Escolas enormes con afluencia moderada, case 500 vías e en toda unha semana só apareceron tres franceses. Hai espazós menos "famosos"

Un dos lugares historicamente afectados é Covas, agora tamén regulada a zona leonesa. Non podo entender como se prohibe escalar na maior parte dos sectores, ou haxa que pedir un permiso adminisrativo para lugares xa arrasados polo “desenvolvemento” humano, nunha zona onde proliferan as canteiras, moitas abandonadas, hai un encoro altamente invasivo afectando a unha ribeira natural excepcional, tendidos eléctricos por todas partes, zonas de ocio próximas, desenvolvidas nos últimos anos (que inciden na proliferación de turistas, de momento aínda pequena, pero que incrementan o risco de incendios forestais de forma exponencial) novas pistas e estradas por todas partes… pero o problema son as actividades de ocio como a escalada, se os rochedos teñen unha biodiversidade importante cómpre estudar onde hai especies a protexer e regulalo, algunhas destas endémicas en Galicia simplemente porque non é territorio de calizas, outras que hai que conservar inequivocamente, pero íso é xestión. A nidificación de aves tamén afecta a áreas de escalada, o curioso é que se entenda máis invasivo o acceso de 10-20 persoas ao ano a unha área que unha canteira enorme a pleno rendemento ou unha estrada pola que pasan miles de vehículos, talvez cortando polo eslabón debil aparentemos unha xestión, ou unha planificación para xestionar, pero a realidade é que non a hai. O PORN (Plan de Ordenación dos Recursos Naturais) da Serra da Enciña da Lastra parece unha copia adaptada de calquera outra zona de características similares, ata establece, por prevención, actividades que practicamente non teñen presencia na área como parapente, actividades nauticas no encoro, descenso de canóns, voo de helicópteros turísticos… incrible! as canteiras sinálaas e advirte sobre o risco de novas canteiras, pero esquece propor a regulación do que hai que xa é altamente destructivo, como nas demais actividades de negocio, os que aprobaron o PORN xa sabían o que era posible e o que era flicción, así cortaron o posible, as 10 persoas ao ano que subían escalar a algún sector eran o eslabón débil. Estamos onde empezamos, moi mentalizados e moi educados, con prohibicións e regulacións pero a canteira segue acabando coa montaña.

As empresas altamente invasivas tamén saben dar o seu discurso, agora non son canteiras, agora son empresas extractivas; vaites coa linguaxe como se nominaliza, perdón privatiza, perdón externaliza... En Pena Trevinca á sostibilidade só lle falta inventar unha máquina que arrase todo e deixe a serra como a Terrachá.

O furuto é moi escuro, necesitamos xestión para conservar os espazos naturais, precisamos educarnos e que a natureza se defenda no posible por si mesma, e se hai que regular ten que ser de forma xeral e con coñecemento, con xestión para que as áreas rurais se desenvolvan con naturalidade e conserven as ribeiras e as zonas agrogandeiras, o crecemento sostible é unha palabra sen sentido cando o que debemos é conservar, e ás veces para conservar hai que decrecer. A influencia dos escaldores/as na Serra da Enciña da Lastra é moi pequena, e a regulación para esta actividade na zona moi grande.

Cienfuens, Guara case prohibido. Aínda así cando ias escalar e andaban 100 cans e 30 cazadores pegando tiros e a berro limpo a cousa púñase seria, para os humanos, os demais habitantes animais e vexetais xa tiñan asumido que os que lle molestaban en decembro eran os 4-6 escaladores.

Precisamos asociacionismo reivindicativo e organismos negociadores, alén de escaladores/as educados/as e coordinados, as accións de despacho só serven cando temos apoios para defendelas, porque os argumentos chocan contra os intereses e acaban no caixón do esquecemento. A FGM ten que facer o seu labor para que os espazos naturais en Galicia teñan a xestión precisa, e unha regulación realista, reflexionada e crítica, para a conservación da natureza e a evolución dos deportes que desenvolve e, máis ca nunca, os escaladores/as debemos harmonizarnos como colectivo e reivindicar unha xestión, e unha regulación, posibilista entre a práctica do noso deporte e a conservación dos espazos naturais. Neste sentido loar o traballo desenvolvido no Faro de Budiño coa prohibición de escalada dunha área pola nidificación do Falcón Peregrino, aí está o modelo, e probablemente nunha das zonas con maior masificación. A reflexión é por qué en Budiño pode haber 100 escaladores/as a 100 mts do niño dunha rapaz protexida e en Covas non podemos estar 4 escaladores/as a 500 mts doutra rapaz. Reflexión triste pensar en que probablemente sexa pola propia masificación (canta mais xente menos poder para regular, ou máis argumentos para defender a escalada) alén de por ser un lugar historico para a escalada galega. Se este tipo de entendemento é un modelo dos plans de xestión debemos reivindicar outros, o obxectivo é conservar, para iso a dinamización das zonas rurais é fundamental, nesas zonas todas as especies do habitat se entenden con humanos desde tempo atrás, non podemos ir desde os despachos a decirlles como facer, e menos cando lles prohibimos actividades de pouco impacto ecolóxico e desenvolvemos outras terribles como os eólicos ou as canteiras.

 

O diñeiro e o poder sempre tiveron como primeira regra o respecto e conservación da natureza, moito antes co negocio.

Sen actores que aglutinen ao colectivo escalador, nin organismos que defendan estas actividades nos despachos, nin políticos que xestionen a realidade dos espazos naturais… o futuro é un absurdo corta e pega de ordenador que remata nun documento oficial, e finalmente nunca se poderá desenvolver pola acción doutros intereses, normalmente económicos, e pola súa propia irrealidade sobre a área en cuestión, alén de que xestionar non remata nun documento, supón un esforzo humano e económico importante. E nós con moitos argumentos e sen ningún tipo de capacidade de acción, nin de presión, para incidir nin no que se aproba nin no que se fai. Así estamos!



6 comentarios:

  1. Ya lo dices tu. La escalada es el eslabón débil, para el ecologismo de ciertas administraciones. Interesados más en la imagen, que en buscar soluciones lógicas y consensuadas. Lo de Aragon es de risa. Que la regulación de zonas de escalada, dependa de personajes, con el título de "APN", que ni conocen la zona, ni tienen intención de hacerlo, es de chiste, y que la respuesta de la FAM, sea que te mires la regulación, ya ni te cuento. Al final la única solución que vemos algunos, es irnos más altos, más lejos, y más escondidos. Como los maquis que había por estas tierras no hace tanto. Pero a mí personalmente me jode, tener que esconderme, y tener que tragarme con este ecologismo de bazar. Un saludo. Agus.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Tienes mucha razón Agus, no creo que tenga solucción fácil este mamoneo, no nos podemos esconder, he he... tendriamos que hacernos más visibles y organizados pero este es un deporte de mucha libertad, es su esencia, aunque por este camino el burócrata, la papanatada del sistema y los intereses nos van a crear un mundo dificil de gestionar. Abrazo Agus!!

      Eliminar
  2. Muy interesantes reflexiones Xose. Comunes a tantos sitios. Se suma el aumento de densidad, a la ignorancia tanto de los particulares como de los que están en las administraciones. Y por supuesto al "poderoso caballero". En Asturias la prohibición es la salida rápida para casi todo. Hace unas semanas en la carretera de los Lagos un accidente de autobús de la empresa concesionaria que pudo ser tragedia, primera medida prohibición general de acceso. Esta semana hubo un accidente fatal en la ruta del Cares, no es descartable una nueva prohibición. Difícil solución, pero seguramente pase por movilizaciones organizadas. Activar a las Federaciones y revivir a los olvidados Clubes. Un abrazo

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Accesos en masa y con medios mecánicos mientras pagues, y cuando pasa algo pagamos los montañeros la mala gestión. en fin... un abrazooo

      Eliminar
  3. Soy pesimista con la capacidad de adaptación de las Administraciones
    y optimista con la voluntad de las personas, capaz de sobrevivir a la mayor parte de obstáculos

    Compartimos preocupación!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Estoy de acuerdo, yo tb creo en "la voluntad contra el destino" que decia A. Machado, he he, aunque la sociedad es cada vez mas compleja y la "voluntad" para controlar mentalidades cada vez tiene más capacidad. En Galicia, y creo que practicas parecidas llegarán a más sitios, hai poca tradición de escalada y tb poca roca, actualmente casi vivimos en terreno limite con la multa o el delito, para escalar o está prohibido o tenemos que pedir autorización admtva previa, practicamente en la mayor parte de los sectores, hasta en antiguas canteras!! Por eso creo que necesitamos voluntad para organizarnos y apretar...
      "El compromiso es un acto no una palabra" decía Sartre
      Compartimos preocupación, he he, un saludo!!!

      Eliminar