domingo, 13 de setembro de 2020

Ordesa: Géminis

Beleza e compromiso. Nunca deixa de sorprenderme a aventura de escalar en Ordesa, é como unha atracción emocional, un amor que flúe entre o perigo e a paixón, alén dos riscos que intúes en cada tramo de rocha, engánchaste ás cores, ás formas únicas e aos movementos atléticos desta rocha que agocha a máxia da caliza e a arenisca, onde non sabes se no seguinte longo vas facer un Indian Creek por unha fenda de man fina ou un Rodellar de cazo en cazo por un desplome, e talvez sexan as dúas cousas ao tempo, pero sempre rematas no cumio ben servido. Como un amor salvaxe, aquel que, alén de todas as barreiras, mana como fonte de gozo inagotable e percorre os teus sentidos ata encherte...

Hai case 30 anos que subira a trepar a Ordesa por primeira vez, fuxindo dos veráns húmidos do Chamonix dun tempo nos que podia chover 15 dias seguidos, con escala nas Gorges du Verdon que daquela estaba de moda, e chegamos coa Ford Transit destartalada de Tino á pradeira de Ordesa para facer a Brujas. Subimos durmir ao vivac do Tozal e esa noite choveu, daquela non tiñamos meteo por internet, nin lameteoqueviene, mais isto non nos impediu gozar do vivac, algo mollados e con algún que outro "cigarriño". E metímonos na parede ao día seguinte cun topo de Desnivel moi bonito pero bastante deficiente, fixemos varios longos que non identificabamos no bosquexo, Tino aplicouse a fondo por riba miña, e nin falar de atopar o diedro característico... eran as 14h cando decidimos baixarnos daquel tetris onde andabamos rozando o límite. Aló quedaron uns cordinos e en dous rápeles regresamos ao chan co rabo entre as pernas. Esa vez aprendimos que Ordesa non era un lugar máis... era un terreo de máxia insondable, como navegar no Cabo de Fornos, sempre hai marexada... o intelixente sería non volver percorrer eses mares de rocha, cheos de piratas que che moven os bloques e ameazan ás túas cordas con coitelos afiados, máis esa é a alegría e a incertidume do navegante.

A Geminis é unha liña natural á que sería raro que Gálvez non lle botase o ollo, excelente apertura dos que "chegaron ao reparto no seu momento" como diría o propio Gálvez. Continua e atlética ata nos longos máis fáciles, onde facer bo uso das múltiples fendas deseñadas para protexerte. Beleza en conxunto, cunha primeira parte preciosa e esixente e unha segunda algo máis comprometida e que non deixa de ser física. Clásica brutal que  deberiamos gozar en conxunto, tanto a Edelweis como a Geminis se defenden por separado e merecen a pena cada unha por si mesmas (alén de que a combinación non deixe de ser unha marabilla). Como non nos enamorarou ningún dos bosquexos que levamos fixen un que creo que pode axudar a repetila. Déixovos cunha reportaxe de fotos completa!!
Martin no diedro onde comeza a vía! Vº, e hai que ir a modo que a rocha está delicada nalgures! O grao segue sendo ao modo Gálvez, moito máis duro do que di o papel!

O L2 é o máis fácil con diferenza da rota, IV+.

O longo do off-width, 6b+ duro duro, aínda que eu non lle vin cor e fixen máis A0 ca outra cousa.

O off-width visto desde o interior. Martín na reunión.

O L4 é brutal, 6a, comeza nun paso a bloque no que mola ter pernas longas!

O nicho da R5... e como se sae de aqui??

Martin chegando ao nicho, é o L5, V+.

Sáese por aquí... desplome con canto e algo de morro, 6a+.

Case todas as reus necesitan reforzarse... e algunhas montalas. Todo o conxunto bloqueado nesta R6 que montei embaixo da fenda de 6b (fenda moi dura) que nos leva ata o xardín intermedio.

O meu compi comezando a segunda parte despois do xardín, V+

Este é o L9, seguimos o diedro para comezar a travesía por embaixo do teito onde está Martin, IV+.

No mesmo longo chegando á reu, e hai que descubrir o peculiar emprazamento. Será un longo de IV+ pero hai que ir con todos os sentidos!!

Comezando o L10, V+, que nos deixa mesmo embaixo do teito de A2.

Colgado do A2, levade un estribo que se non está moi duro o tema!!

O L12 lévanos ao lado malo da rocha e agarraremos terra e herba, he he!!

O último e saes á pradeira. Con Martin da gusto... Ordesa sempre te satisface!!

Coido que este bosquexo contén todo o necesario para dubidar o menos posible! Espero que vos sirva!

 

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario