As cousas non son
sempre o que parecen… este podería ser o comezo dunha novela ou a sentenza intriga
dunha peli na que o final muda todo sorprendentemente. Eis o que me ocorreu a min
con esta pequena parede de arenisca sita no contorno de Arguis... quedei con
Pablo e Jorge que andaban esquiando coas familias, tamén se apuntou Martín que me acompañou por esta preciosa vía, os catro gozando da curiosa arenisca da parede de Bonés. Era a miña segunda incursión nesta parede e quedoume claro que ás veces unha primeira impresión non é suficiente. Daquela propuxérame tardar en volver mais todo
mudou esta vez... esta vez foi un pracer. Pode que fose a vía que me gustou moito ou a aproximación que
pasou de ser unha xabarinada a unha cómoda pateada, prostituída cun
aerosol de pintura verde que nos indica que non aprenderemos nunca... en todo caso unha vía excelente de rocha alucinante, nunha paraxe magnífica e cunha compaña inmellorable, máis non se pode!
Monsanto la muerte, alén de ser
a que inaugura a parede, é unha vía preciosa (unha pena que non tivese 500 mts,
he he), co toque Ravier/Serger pero cos seguros necesarios e co percorrido
lóxico das rutas naturais, aínda así a cousa está animada e cómpre botarlle gañas de cando en vez, unha gozada de vía; non deixedes nin os totems
nin os aliens na casa. Uns metros foron pisados por Areneska, así que mellor levade o bosquexo de korkuerika que
está actualizado.
O nome da ruta é
unha denuncia da política das empresas transnacionais químicas que se dedican
aos tranxénicos, unha das máis destrutivas chámase Monsanto, mais entre seis
empresas repártense o control das sementes do mundo, son Syngenta, DuPont, Dow,
Bayer, BASF, alén da nomeada Monsanto, venden produtos patentados que ninguén
controla e que están ligados aos seus tóxicos como fertilizantes, herbicidas...
non é máis, nin menos, ca o intento de control dos alimentos a nivel mundial e con produtos
perigosos para a biodiverdidade, a seguridade alimentaria e a saúde, tanto das
persoas coma dos animais. Os países que, como España, ceden a súa soberanía
alimentaria e permiten a distribución e plantacións tranxénicas non fan máis, nin menos, ca
contribuír a un crime organizado, dándolle legalidade no seu territorio. O de
case sempre pero esta vez é máis grave por tratarse dos alimentos, son esas
cousas que se comen, cómenas os/as nosos/as fillos/as e son as que poden acabar coa fame no
mundo!
|
Martin no L1 de Monsanto la muerte, o comezo está animado! |
|
O L2 ten unha preciosa travesía, a rocha é alucinante! |
|
Ao noso carón Pablo enlazando longos por Areneska. |
|
E Jorge seguíndoo incansablemente, subian incendiados como bos mestres pedriceros da adherencia! |
|
Martin comezando o L3 de Monsanto la muerte, aquí é onde a ruta foi pisada durante uns metros por Areneska. |
|
Pablo tamén se achega a ese tramo común. Precioso este Val. |
|
O último longo é unha xoia, a saída da reu é coma un empotre que non vimos pero o longo enteiro é precioso! |
|
Ao baixar fomos rematar o día, Martín e eu por Blue velvet e Pablo e Jorge por Con coco e alicates, na foto os dous superando o teito que parte as rutas pola metade! Corria auga polas fendas, he he! |
|
Sodes grandes camaradas!! un grande pracer!! |
Ningún comentario:
Publicar un comentario