Equipamos esta vía antes das
calores horribilis deste verán abrasador, outras obrigas, e algo de nugalla,
fixeron que non nos coincidise irlle dar uns pegues e saneala un pouco ata o
outono, mais aquí está preparada para que lle vaiades dar unhas apretadas,
espero que vos goste e que a gocedes. A vía é moi interesante porque ten de
todo, comeza por un diedro precioso, cruza o teito polo débil pero pedaleando,
ten panzas apretonas e muros de continuidade alucinantes; a rocha é bastante
boa en xeral, con algunhas seccións mediocres, mais iso é o costume da rocha do
lugar mentres non pasen cordadas abondo para que se vaia saneando.
No canto esquerdo do Mallo la
Calva, o pano de rocha entre a Make e
a Terrazas herbosas é o noso obxectivo,
para meternos na vía faremos uso do diedro de Pantano No (I. Cinto) e do teito de Vacio existencial (Ch. Agustín e M. Carasol), dúas boas vías de
corte deportivo que agora teñen unha maior relación. O grao que nós vimos é
7a/Ae, con algunhas panzas en A0 que se poderían liberar mais estando realmente
fortes e motivados, grao ogrigado arredor do 6b; para repetila cómpre levar 16
cintas (algunha longa pode vir ben) e estribos (dous mellor ca un). O descenso
pola vía só con dobre corda, cunha corda de 70m o descenso máis próximo é o de Aliana, e a opción máis segura pola
ferrata. Queremos agradecerlle a Manolo e David que viñeran probar a vía e
testar algúns cantos, a seguir fago unha descrición por longos para que teñades
info fresca de cada un:
L1.- 6b/A0, preciosa escalada en
diedro pola vía Pantano No, a nosa
reunión está como 5m por riba na comodidade dunha repisa, onde remata o diedro.
A sección de A0 –previa á R1- foi liberada atacando primeiro pola dereita da
reunión de Pantano No e logo volvendo
ao diedro, sae unha sección a bloque como de 7a para quen queira probala. Rocha
moi boa
L2.- Ae/6b, saimos en libre cara
a esquerda e enlazamos co teito de Vacio
existencial que pasaremos pedaleando (en libre din que 8a) , ao saír do
teito deixamos á dereita a reunión desta vía e continuamos por uns metros de 6b
ata a nosa R2 supercómoda. Rocha mediocre ao saír do teito
L3.- 6c/A0, bonito longo que
comeza en diagonal esquerda e supera unha panza en A0, continúa por unha escalada
bonita e xenerosa en cantos ata outra panza-diedro que se supera pola esquerda.
Rocha boa en conxunto.
L4.- 6b+/A0, volvemos saír en
diagonal esquerda superando varias panzas que se negocian ben, aínda que
aparentan máis carácter, afrontamos logo un muro bastante vertical, con rocha
dubidosa, que nos leva á panza final que superamos, inicialmente, en A0. Rocha
mediocre en conxunto.
L5.- 7a, excepcional muro de
continuidade con boa rocha en xeral. Longo precioso.
L6.- 6b, superamos a panza que
temos sobre nós (paso a bloque de 6b) e, por riba, enlazamos coas chapas de
saída da Terrazas herbosas (IV).
Rocha boa.
Rápel bestial na procura da ruta adecuada! |
No precioso L1, 6b/A0, practicamente común con Pantano No. |
David saíndo do teito no L2, Ae/6b |
O L4, talvez o de rocha máis dubidosa, cunha panza antes da reu que se podería liberar máis sae dura, 6b+/A0 |
O L5 é a xoia da coroa! muro de rocha bastante boa e cos cantos precisos para pasar sen saír un grao excesivo, 7a. |
Outra toma deste excepcional longo! |
Toño no cumio do Mallo la Calva, preparándonos para outro día de curro!!! |
O bosquexo... esperamos que vos guste!! |
Enhorabuena Xose!! Abra que ir a repetirla ahora que apetece sol!!!!
ResponderEliminarHabra que catarla un dia de estos...norabuena
ResponderEliminarVenga... darle estopa que alguien tiene que "colorear" los cantos buenos, he he... Gracias titanes!!!
ResponderEliminar