domingo, 12 de abril de 2020

O Recuncho de pensar: ESCALAR NO CENTRO COMERCIAL (ou a voltas co presente continuo deste deporte...)

Retomo algunhas reflexións sobre as que desbarrara hai tempo e, despois dun repaso, incorporo o texto ao Recuncho de Pensar… para os/as que o lestes penso que tampouco aporta nada novo mais, podedes dar outra volta,  pois facer que reflexionemos segue sendo o seu obxectivo... aí o vai... outra chapa desde o confinamento, he he!!!
O título intenta ser conscientemente impertinente mais só ten o obxectivo de chamar a atención, porén concentra os alicerces das cuestións que nos perseguen como escaladores/as, algunhas delas escollidas en certas preguntas: Temos na natureza unha das razóns para practicar este deporte de risco... ou non? talvez haxa quen prefire só instalacións cubertas? (agora dinlle indoor?), e pregúntome se realmente estamos diante dun deporte de risco? talvez haxa que redefinilo pero o certo é que os accidentes suceden... hai masificación na escalada actualmente? mudaron os valores ao tempo que a sociedade tamén na escalada? quen establece os parámetros polos que vai camiñando este deporte? Imos facer o esforzo de desbarrar sobre estas cuestións, que nos atanguen a tod@s, a ver se chegamos a tirar algunha conclusión interesante... só por iso de continuar coas "conquistas inútiles".
Masificación en Second Pullout (Red Rocks). Zona á sombra no deserto de Las Vegas, como para porse ao sol!!
Hai tempo lía un artigo interesante en rocanbolt.com sobre canta xente escalaba no mundo, á marxe das cifras orientativas, que poden estar perfectamente instruídas por intereses de todo tipo, o certo é que 35 millóns son moitos aínda sendo un dato especulativo, porque, como dicía o artigo, a quen nos referimos: deportivos, clásicos, alpinistas, bloqueiros... alén de que é imposible establecer unha etiqueta de escalador/a, hai quen leva un cartel na fronte pero actualmente a escalada é un deporte con moitos practicantes ocasionais e/ou puntuais, utilizada tamén como método de diversión e xogo, realizado maioritariamente en instalacións similares a calquera outra instalación deportiva, situadas en pavillóns ou ximnaxios, e con fórmulas de participación moi parecidas. As etiquetas son fáciles de colocar pero enganosas, deste xeito poderiamos considerarnos nadadores por ir á piscina unha vez á semana? non, non se trata de cuantificar nin de etiquetar! Pode que me equivoque pero coido que este é un erro propio dunha sociedade consumista e alonxada do ritmo natural das cousas, a masificación existe actualmenete na escalada, e hai que ser conscientes porque nos afecta, mais non perder a perspectiva: a ollada cara o tema debería ser cualitativa se non queremos convertirnos noutra actividade máis do centro comercial. Cómpre puntualizar que a Galiza aínda non chegou esta masificación, neste caso temos a "sorte" de ser discretos na cantidade de rocha e termos un clima atlántico e húmido que dificulta planificar as escaladas nalgúns períodos do ano. 
Os Rochódromos... futuro deportivo e de ocio?
A masificación é un problema que debería ser tratado segundo cada circunstancia. Que a xente escale e teña instalacións onde facelo é bo para a escalada e para as persoas, isto é a alma dun deporte, o xogo, a diversión e a superación, neste sentido non hai dúbida de que a escalada está tendo éxito como actividade, mais iso tamén fai que haxa máis xente na natureza e que se multipliquen os lugares onde poder escalar, comeza a haber zonas que precisan regulación, tamén debería valorarse moito o interese dunha zona para a escalada antes de comezar a condicionala, non podemos xogar coa natureza que xa está bastante "resentida" pola man humana. Pero non esquezamos que este é un problema puntual dalgunhas zonas e practicamente dunha única modalidade de escalada: a deportiva. Deus sive natura que diría Spinoza, e debemos respectalo ata as últimas consecuencias: o impacto mínimo no medio debe ser o noso primeiro obxectivo. A masificación de zonas naturais privilexiadas é un problema ecolóxico, e por moito que nos prexudique, a min o primeiro, non debemos esquecer que unha das motivacións fundamentais da práctica da escalada sempre foi o contacto coa natureza desde o respecto e a conservación. Se hai que regular, ou prohibir algunha zona, debemos respectalo e defendelo... do mesmo xeito que non se pode restrinxir a escalada en lugares onde o impacto ecolóxico é mínimo, aos que non chegou a masificación e, onde, infelizmente, se permiten outras actividades humanas explotadoras, ou de "ocio", moito máis degradantes para o medio e os seus habitantes.
Ordesa (Zaratustra) onde sempre hai aventura!
Mais antes falaba da perspectiva cualitativa... talvez a mellor ferramenta para poder reaccionar como seres sociais sexa a educación, superando as pautas dunha sociedade que nos prepara para sermos individuos de consumo, grazas a ela podemos valorar explicacións máis complexas, e achegadas, que a simpleza trapalleira que nos envolve con cantos de serea, e centrarnos no común, no que nos atinxe a tod@s. A escalada como deporte xeralizado está estourando moi de présa e de nós depende que explosione adecuadamente, por iso penso que hai que introducir elementos no discurso que impriman valores, o simbolismo da nosa linguaxe debería engadir, alén de comunidade e sociabilidade, certa intersubxectividade dos valores da escalada que se van perdendo: palabras como tecnificación, aventura, alpinismo, viaxes, exploración ou evolución persoal deberían ser o noso catecismo. Non se trata de demonizar unha modalidade de escalada como a deportiva, talvez a máis importante e significativa actualmente, o tema é que a escalada está quedando varada nesa modalidade que, curiosamente, naceu co obxectivo de entrenar para empresas maiores e que, desde o punto de vista cualitativo, reduce o universo da escalada a unha galaxia moi pequena. A especialización dos modelos de escalada fixo posible acadar cotas deportivas impensables hai pouco tempo, permite que cadaquén procure aquela modalidade da que máis goste, facilita a práctica, o entrenamento e a evolución do deportista, porén os exemplos de transversalidade desas experiencias son poucos. Nesta sociedade, obsesionada pola seguridade, a  aventura é unha quimera dificil de defender, porén parece que ten algo que ver coa esencia mesma deste deporte. Non credes?
O alpinismo de dificultade segue sendo case o de sempre... non chegan as modas!
Acho que hai un erro de concepto nesa aparente seguridade, talvez non sexa tan real. A escalada é un deporte de risco no que hai que saber o que se fai e estar moi atento, de feito os accidentes ocorren habitualmente en zonas "seguras" aparentemente, lugares tamén máis masificados e onde nos relaxamos polos hábitos comúns, alén de descoidar a nosa formación para abranguer problemas que se nos poden presentar, convertíndonos en repetidores habituais das mesmas operacións e facéndonos vulnerables ao adverso, que sempre aparece. Temos percibido a inseguridade da maioría das vias ferratas? Tamén nos rochódromos hai altura e tamén accidentes, cómpre estar formados e preparados técnicamente para gañar experiencia e coñecer métodos que nos poidan salvar a vida. Por esta razón falo de transversalidade... probablemente a modalidade de escalada que dea máis tablas e seguridade nun mesmo sexa a escalada artificial, case desprezada na actualidade, basicamente porque non é rápida, non é simple e non é completamente segura, hai incerteza, aventura, risco... pasemos en libre pero non esquezamos que a esencia mesma da escalada é multidisplinar, transversal a varias prácticas que hoxe se separan dándolle prioridade absoluta a unha delas, que está ben, que é a principal talvez... pero non é suficiente en valores nin en certas capacidades!
Competicións e empresa...  o que vén cada vez con máis forza!!
A profesionaliación que está a experimentar a escalada nos últimos anos tamén está bastante relacionada coa maneira de entendelo e co camiño que esta a seguindo a este deporte, para ben e para mal. Era tan necesaria e cubre tanta demanda que nos pillou algo a contrapé, con escolas de diversa indole, públicas e privadas, nalgúns casos con relativas facilidades para a profesionalización e deseñadas case ao gusto das necesidades do momento. Probablemente cos anos camiñemos cara unha formación máis próxima ao que sempre marcou a escola de referencia do país veciño ENSA, algo que no caso da formación de Alta Montaña xa parece ser un feito (debido á desaparición do TD2). A profesionalización é necesaria mais, como me dicia un experimentado guía hai máis de 10 anos, "tal e como están saíndo técnicos todos os anos imos ter que inventarnos o curro porque non hai para todos", e isto tamén se está notando na multiplicación, diversificación e calidade dalgunhas actividades. Os profesionais son os que teñen que establecer que parámetros deportivos debe seguir este deporte, libremente, sen intereses creados polas economias de cadaquén ou polas plataformas empresariais... aínda cómpre que se asente esta profesionalización e parece que iso vai influír no futuro inmediato de forma clara.
Amanecer (Tozal de Levante), cantos beneficios dá o artificial!

Finalmente temos que preguntarnos se todo vai ben ou se debemos parar para continuar... preparando a seguinte secuencia de movementos, reflexionando un pouco, mesmo pode que todo corra segundo certos intereseses, que sempre hai, e o ritmo que levamos nolo estean dando feito. Patrocinadores de todo tipo, administracións, tendas, revistas, editoriais... todos queren "estar" e que a situación lles sexa proveitosa, que os escaladores/as camiñen na súa onda. Se queres ser algo tes que saír ao público, eles promocionante, patrocinan aos/ás mellores e dirixenos cara un modelo de actividade que é o que precisan para mostrarse eles mesmos e os seus produtos, e se non te promocionan basicamente non estás. Neste mundo o mercado está inventado e funciona como funciona, vivimos nunha época de "domesticación das necesidades" polos aparatos culturais e simbólicos da sociedade de consumo, onde non existe o "consumidor libre" senón aqueloutro controlado e dirixido cara os intereses impostos por ese mercado, e iso non é fácil de cambiar, precisanse patrocinadores e difusores da actividade máis iso non debería ser a cambio da des-orientación do deporte de base, da fin dalgúns valores fundamentais nin da morte da transversalidade deportiva, debemos manter os piares que fixeron grande a escalada, reivindicar a historia, os Ravier, Rabadá-Navarro... pero tamén os Galvez, Picazo, Murcia, Gallego, Cobo, Ballart... e tantos outros descoñecidos totalmente pola maioría, que nunca figuraron e que teñen vías que intimidan aínda hoxe, pero principalmente debemos reivindicar o que facian, a intrahistoria desas escaladas era construír unha aventura en cada actividade, o obxectivo era romper as barreiras do imposible con creatividade e tenacidade
Chez Lulu (Telera), a travesía de mixto... moito que aportar!!
Co tempo liberamos estas vías e iso está xenial, é unha proeza e é evolución, pero pregúntome por qué comezamos a ter éxito como deporte e iso só incide nunha única modalidade? Particulamente reivindico a liberdade e penso nunha montaña libre de ataduras onde cadaquén faga a actividade que lle apeteza, mais tamén creo que non se pode levar o modelo da escalada deportiva ás grandes paredes nin á alta montaña (cousa que está acontecendo con reequipamentos e aperturas en terreos de aventura) priorizando unha seguridade aparente a base de múltiples expansivos, mudando os marcos dalgunhas regras e valores non escritos. Curiosamente son esas vías as que tamén se masifican, a quen non lle gusta a comodidade nunha zona de aventura? mais isto ten consecuencias sobre a seguridade cando mudamos de territorio e de vía. Definitivamente extendemos a cultura indoor como se fose o normal e debemos percibir que non o é, lembro agora á personaxe principal de A Caverna (Saramago) cando pasa de vivir na aldea a un gran centro comercial onde "hai de todo" (metafórica e ironicamente): campos de tiro, de golf, fiordos, ceos con nubes brancas, cabalos de troia, pelotóns de execución, satelites de comunicacións.... e di "nin oitenta anos de vida ociosa serían suficientes para gozalos con proveito, mesmo tendo nacido no Centro e ser saír nunca ao mundo exterior". Non mixturemos estes planos por favor (o natural e o artificial)... Saramago sabe que non é posible!!!
Montrebei...lugar dalgúns "horrores..."  normalmente catro gatos! e tan cerca da casa!
Talvez falte aventura na vida, e teñamos que buscala na escalada... aventura controlada? aventura segura? As contradicións entre o concepto aventureiro da escalada e as prácticas sociais actuais son tamén ben coñecidas polo capital, o mercado ponse de perfil porque precisa salvar ese conflito valorando o salientable deportivamente e defendendo as iconas referenciais da aventura, mais os "fetiches" son os mesmos de calquera gran comercio moderno, comezando pola individualización, a competición e a separación conceptual das distintas modalidades deportivas. Pode que este sexa o produto do mercado, pode que si haxa alguén que pense por nós... cómpre que escale moita xente e para iso hai que construír seguridade en todas partes, tamén onde non é posible que a haxa, e nós asumimos o discurso e facémoslle o traballo gratuítamente. Probablemente non pensen máis ca situarse no posto de saida para chegar antes ao centro comercial e facer o seu negocio. Definitivamente a escalada precisa diversificarse e gañar valores que sitúen a referencia á aventura persoal no miolo conceptual da actividade, este é un deporte de risco e descubrimento, desvelemos as súas múltiples posibilidades e permanezamos unidos porque todos e todas constituímos unha comunidade.
A esta foto non me puiden resistir... con Wanda, cando aínda era nova e asustadiza, e facíamos deportiva sen multitudes nos sectores de moda!!

2 comentarios:

  1. Que buenas reflexiones amigo! Y que buenas sesiones nos pegabamos en el monte. Acuérdate
    de nuestra experiencia vivida en el spigolo sur de Ansaber o en la brujas Franco española hace unos seis años, subrealista en ese momento pero que nos dio un vuelco brutal al cerebro en la dirección que hablas. Me encanta la foto última con guanda. Gracias

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Julin Martin cuantas aventuras titán... buscando fotos vi esta de Guanda y me toco una tecla... aún nos quedan cartuchos que quemar bicho!!!! Abrazo enorme!!

      Eliminar