xoves, 26 de marzo de 2020

O recuncho de pensar: ALPINISMO EXTREMO de Mark F. Twight

Organízome para resistir, desde un canto da memoria recupero do tempo este, para min, libro imprescindible... ao meu rollo e cun toque moi persoal... será o encerro!. Hai xa 20 anos e parece que foi onte, daquela abríronse cancelas que non sabía que existían. Hai máis de 35 anos que escalo, antes de ALPINISMO EXTREMO a montaña encantábame, formábame, evolucionaba e gañaba experiencia, mais non chegaba a entendela completamente, era como ter sexo con quen tiña a cabeza noutro sitio, si… era magnífico, pero faltaba sincronización. Pola razón que fose este libro mostroume como sincronizar, plantoume un ostión no momento adecuado e tiroume a tontería esa de seguir teimando no mesmo; busca a túa maneira e escolle ben quen ten acompaña, alén de estar... hai que sentir!
Isto non é fusilar un libro… imaxino que a maioria xa o lestes pero sempre se pode volver, he he. Cando o lin por primeira vez entrei noutra dimensión… aquelas loucuras podian facerse? Co tempo souben que non só se podian facer senón que, nalgúns casos, eran estratexias máis “seguras”. Sempre vou subliñando o que me motiva de cada texto e mesmo escribo nun folio notas que logo quedan metidas entre as follas, este é o texto daquelas follas que recupero e comparto, notas feitas hai 20 anos que, humildemente, non son máis ca un resumo ao meu rollo dalgunhas ensinanzas deste manual que, para min, supuxo un antes e un despois. Se non o lestes e queredes ser alpinistas fáltavos unha lectura mais,  como di o mesmo libro: non é un manual para principiantes!!
APRENDE E EDUCATE: A estratexia está máis alá da técnica, a técnica está máis alá do equipo… A experiencia non ten atallos e necesitámola para construír un sexto sentido que nos permita saber ata onde forzar, con intuición e prestando atención aos detalles, neste sentido temos que coñecernos a nós mesmos/as, a nosa personadidade é a que nos ten que salvar do autoengano. Todo está na mente e as boas leccións só se aprenden dos propios erros.
A velocidade é sinónimo de seguridade: en montaña a máxima é “non deixes de moverte”. A experiencia daranos confianza en nós mesmos/as, e presisamola para abranguer os nosos retos máis duros. Os fracasos son os grandes amigos da experiencia, son problemas que solucionar mentres nos retiramos e temos que comprendelos cando estamos na casa.
A MANEIRA DE ENTENDELO: na montaña actuamos como un enxeñeiro/a ou como un/unha artista? Hai que ter algo dos dous, planificar matematicamente todas as variables como fai o enxeñeiro e ter a capacidade de improvisar e recoñecer intuitivamente por onde vai a vía, dun só vistazo, creando a cada instante como o artista. Nunca o poderemos controlar todo, temos que aceptar iso, loitar contra a cesión do control nalgúns casos só nos pode levar ao medo, e se non asumes o medo ás veces entrarás en pánico, se chegas a isto, se non podes pensar, estás morto!
A diferencia entre os alpinistas soe ser a vontade de cada un, as grandes vontades se forxan tendo experiencias duras e aceptando que o sufrimento é parte do xogo. A experiencia sempre será a nosa mellor defensa, danos unha serie de ingredientes que van desde detectar problemas a imaxinar solucións, creando un instinto ou intuición que non se pode aprender en ningún manual, un instinto que nos axude a diferenciar entre as situacións nas que tivemos sorte e aqueloutras nas que solucionamos os problemas con capacidade.
Precisamos confianza, sen ela non hai futuro. A montaña intimida ata aos escaladores máis fortes, sexamos homestos nas nosas ambicións... e entendamos e traballemos as nosas debilidades. Hai que aprender a fracasar antes de quedar sen recursos, e non renunciemos ao autocontrol, aínda que non sempre está na nosa man, nestes casos usaremos os nosos reflexos, e a intuición, para tomar decisións.
ENTRENA: a nosa mente é quen goberna ao corpo. Entrena o teu corpo para que a mente estea saudable, están moi relacionados; a montaña porá a proba as mentes e os corpos máis preparados. Entrena a forza e a resistencia, e crea as túas estratexias para beber e comer adecuadamente.
CONSTRÚE O TEU MÉTODO, repasa e revisa tópicos, aínda hoxe en funcionamento, sobre o equipo, aprende a vestirte para cada empresa e leva só o material adecuado respectando a lixeireza, faite co teu sistema e aprende da experiencia a rexeitar todas as capas e os artificios que non che aportan nada durante as escaladas.
A TÉCNICA ten como finalidade que sigamos vivos. A velocidade é seguridade, cómpre ser maduro/a, manter a atención e saber de autorrescate, primeiros auxilios, aclimatación á altura e ao territorio, o alpinismo é perigoso e para poder ter algo de seguridade cómpre manter un equilibrio de todos os coñecementos e experiencias… e hai que estar atento para que ese equilibrio non se rompa. E para mantelo, algo fundamental é o compañeiro/a, o éxito ou a supervivencia son a suma das vontades da cordada. Nunca arruinedes unha vía por ir cun mal compañeiro/a, as vibracións boas, e as malas, transmítense pola corda, cando o cansancio e a incertidume nubra a nosa capacidade de toma de decisións, permanecede atentos ao voso/a compañeiro/a, isto aumentará a seguridade e a produtividade da cordada, o egoismo e individualismo transmítese e réstanos eficacia, hai que ter madurez e deixar a pubertade en casa!!
SUBIDE con seguridade pero facédeo ás presas, usade todos os trucos que saibades para ir rápido. O autor ensinanos uns cantos recursos que ás veces só agudiza o enxeño, os vivacs son parte do xogo, por iso tamén nos conta certas experiencias que nos poden axudar. BAIXAR desgasta moitisimo, por iso tamén cómpre ter todos os argumentos e trucos para destrepar ou rapelar con seguridade, principalmente cando imos cansos, cómpre dominar todo tipo de ancoraxes e saber manexarte coas cordas. Se te podes baixar de calquera lugar terás un trunfo sempre na man, pero isto é algo moi complexo nalgunhas montañas!
Usade as montañas para crecer como persoas e propoñédevos unha evolución, non deixedes de aprender de vós mesmas/os, madurade, evolucionade e sede honestos convosco, gozade dun mundo novo porque NON TEN QUE SER DIVERTIDO PARA QUE SEXA DIVERTIDO!!!

Mark F. Twight

2 comentarios:

  1. La Biblia Xosé, tal cual. Ánimo en el encierro, seguro estarás maquinando las siguientes salidas!
    Un saludo

    ResponderEliminar
  2. Siiii, hay que hacer algo para pasar el encierro... mucho ánimo también para ti y a maquinar maldades que tenemos tiempo!! un abrazo!

    ResponderEliminar