martes, 26 de febreiro de 2019

Patagonia 2019: adaptando obxectivos e aprendendo!!

Había tres anos que pisaramos estas montañas salvaxes con bastante boa sorte en canto á méteo e ás condicións, desta vez foi todo o contrario e, porén, non paramos de movernos e de aprender que é isto do alpinismo cada día. A Patagonia segue sendo un terreo para non infravalorar, un lugar onde aprender de cada experiencia, onde as marxes son pequenas e os erros pasan facturas. Un luxo poder compartir estas xornadas con Diego e Manu. 
Como case sempre, ti saes da casa cun obxectivo... o noso era, desta vez, a Ferrari ao Cerro Torre. Segundo puxemos os pés no Chalten saímos para Niponino a recoñecer o terreo e, talvez, deixar un depósito; foi unha pequena paliza que nos deixou claro que se non viña unha boa ventá que limpase a montaña aquilo pintaba moi mal: pouco xeo (Exocet non estaba formada), moitísima escarcha (enormes merengues) e a rocha cuberta por unha fina capa de escarcha que pintaba a tempo bruto bruto!! De volta para o Chaltén adaptamos os obxectivos e, de momento, só nos quedaba aproveitar algunha pequena venta para facer outras escaladas e esperar a que viñera unha boa para retomar a nosa idea inicial.
Finalmente poderíamos dicir que non paramos... conseguimos facer tres actividades preciosas, algunhas con máis éxito ca outras pero todas de enorme sabor a alpinismo auténtico. Déixovos con algunas fotos de cada actividade e outras do noso paso polo Chalten e dos períodos de "folganza". Se queredes ver máis tedes un relato pormenorizado de Manu e uns vídeos ben chulos no seu blog, da Poincenot, da Volta ao Xeo e da "S". Vexamos algunas fotos organizadas por acticidades!!

O CHALTEN: A VIDA OLLANDO PARA O MONTE E PARA O METEOBLUE:
Vai haber que agradecerlle a Donald Trump que pechase o NOAA (seica non compensa economicamente ter un servizo meteorolóxico para inmigrantes...) porque o Meteoblue púxose as pilas e daba unha predición perfecta; e así iamos pasando o tempo entre asados, recoñecemento do terreo, deportiva ou bloque e concertos dos Siete Venas, un luxo que se vai saboreando cando a montaña non che permite achegarte...
A planta do Calafate, quen come os seus froitos... regresa á Patagonia!!!
Equipaso!! blocando na Vaca Muerta!!
Na parede dos condores tamén se pode facer deportica de calidade!
Mais o sector do Gran Diedro é dos mellores do Chaltén sen dúbida!!
Local de ensaio dos Siete Venas... baixo terra!!!
Niponino... sempre sopla neste lugar!!!
O estado da cuestión...
Imos para embaixo... hai que esperar a que se limpe algo o Torre!
Ese cordeiro estaba de morte!!!
A nosa casa no Chaltén... cortesía de Jerry e Mariana!!!
INTENTO Á POINCENOT:
Preciosa agulla que nos permitiu darlle un ataque en condicións case invernais. Finalmente non chegamos a facer cumio porque nos perdemos nos longos "fáciles" da parte superior e andivemos dando voltas coma principiantes... realmente morremos de éxito, nin nos fixamos na parte superior... como puña 6 longos de 4º/5+ non lle demos moita importancia e, con neve recén caída, non só tiñan importancia senón que foron cruciais. Realmente pringamos por sobraos e por non ternos fixado noutros bosquexos e variantes... pero a montaña ten estas cousas!! Aínda así toda unha experiencia!!
Preciosa estampa da S.E. do Fitz Roy e da cara E. da ^Poincenot!! Condicións invernais!
A nosa tenda na Laguna de los Tres superior!
A travesía de entrada no corredor Whillans-Cochrane
No tomate!
Primeiras dificultades
Manu se comeu todo o corredor!!
Alucinante coas primeiras luces, ía frio!!
Ambiente de cara norte!!
Comezando os mixtos, crux da rota!!
Esta cheminea era cabrona!
E na saída... nervos de aceiro, he he!!
Aí vai Manu!!
A luz nesta parte do planeta é brutal
Diego gozando... parecia que a tiñamos dominada, he he!!
...e comezamos a perdernos e dar voltas coma capullos... o Cerro Torre detrás, sempre presente!!
Longo tras longo, nada fáciles e con posibilidade de darte cunha repisa!!
Sempre gancheando e rañando os crampóns!!
e o tempo pasando longo a longo...
Ata que, sabéndonos perdidos e como a 70/80 mts do cumio sen dar cunha línea, decidimos baixarnos antes de que nos pillase a noite rapelando. 23h que foron unha boa experiencia!!

VOLTA AO CAMPO DE XEO:
Realmente falamos da volta ao macizo do Chaltén cruzando, durante dúas xornadas, o Xeo Continental Sur. Unha experiencia de catro días moi interesante e que pon a proba a nosa resistencia posto que, alén das horas de cada xornada, cómpre que leves a casa a costas e atender ao clima, as gretas, tirolinas e orientación... en conxunto unha camiñada bastante alpina actualmente (cómpre ir pola Laguna de los 14 porque o Paso Marconi está impracticable polo retroceso do glaciar), e o percorrido polo Campo de Xeo é unha experiencia case polar, bestial!! Moi recomendable!!
Saímos da ponte do Rio Eléctrico... aquí cruzando a lagoa previa ao camiño que sobe cara ao glaciar Pollone, xa bastante por riba de Piedra del Fraile!!
A Playita... campamento ao final da lagoa!!
Nós continuamos ata a Laguna de los 14, na foto ao día seguinte por riba da lagoa... Guillaumet, Mermoz e Fitz Roy detrás!!
Brutal panorama: Guillaumet, Mermoz e Fitz Roy pola esquerda, logo a Agulla Pollone e o Cerro Pollone ao seu lado a parede bestial do Cerro Piergiorgio e pegadiño á dereita o Cerro Torre. Tres dos máis codiciados obxectivos da Patagonia!!
Perfecta vista da cara norte do Fitz Roy, podemos ver case toda a Supercanaleta, principalmente a parte superior e toda a aresta. Tamén se aprecia a inmensidade do Piar Goretta.
Seguimos ao noso... buscando acceso ao Campo de Xeo
A inmensidade branca!!
Por moito que camiñes parece que non te desprazas!!
Xa podemos ver o noso obxectivo para esa noite!!
Entrando no Circo dos Altares a protexernos do vento... e montar a tenda!
Ao día seguinte continuamos polo mar branco... camiño do Paso del Viento
O merengue!! moitísima escarcha! Case albiscamos os tubos da Ferrari!!
Esta inmensidade branca está chea de gretas, talvez unha cordiña non estivese mal!
Saíndo do Campo de Xeo na cola do Glaciar de Biedma. Habia algunha rimaia que podía tragar un tren de mercadorías!!
Na vida vira un glaciar tan enorme, e isto é só unha pequena parte da cola do glaciar!!
Cruzando o Paso del Viento!
Despois de toda a baixada e a tirolina... no campamento Toro, ese dia forán 12h ou máis. Aínda nos quedaban 4/5h ao día seguinte para chegar ao Chaltén!
A AGULLA DA "S", FINALMENTE FACEMOS CUMIO:
O noso único cumio patagonico este ano, e sabe moi ben ainda tratándose dun plan B. O noso obxectivo principal era facer a Rafael Juárez convinando a Luthi-Domínguez coa aresta final da Anglo-Americana... porén xa desde a Laguna Sucia se vían moitas gretas para chegar ata esta agulla. Saimos de madrugada, pero non moi cedo, para poder botarlle un ollo ao glaciar xa de día... alí confirmamos que era un suicidio cruzar ese glaciar, coido que por iso non se repite moito esta vía sendo bastante evidente. Finalmente funcionou o plan B, recomendados por Diego e os colegas italianos, fomos á agulla da "S" e fixemos a Cara Este, bonita, completa, con sabor patagónico e rápida... isto último importante porque pola tarde-noite daban marrón, con ventos de máis de 100 km/h e neve. Habia que ser rápidos e saír pitando para o Chalten, subimos e baixamos en 11h pero recoller e seguir ata o Chaltén sumou ata 21h. Esa noite tres mozos quedaron no Fitz Roy e ao día seguinte acontecía o accidente de Susi intentando un rescate agónico... moi triste!! o que temos claro é que non podemos nunca infravalorar a montaña... e non hai cumio que valla unha vida!!
Precioso cordal de agullas desde a Laguna Sucia!
Cruzando gretas desde o primeiro momento. Glaciares abertos e coas gretas tapadas pola neve recén caída!!
Comezamos escalando polos diedros vermellos, precioso!
Os primeiros longos os mellores penso!!
Para protexer mellor cousas pequenas!
Precioso lugar cun día excepcional!
...e seguimos!!
Unha vía pracer!
O Terreo vai tumbando!
E a escalada faixe máis cómoda antes de pornos en modo botas!
Ata chegar á aresta onde volves mudar a modo gatos...
...e enfiar o dous últimos longos!
Que son unha gozada... e as mochilas xa quedan embaixo!!
Manu chegando ao cumio!
Do lado de Niponino sempre moito vento!!
Lliahhhh, cumio!! contentos... o Cerro Torre sempre detrás!!
...e para embaixo a toda ostia que pola tarde entraba o marrón!!

4 comentarios:

  1. Qué bueno Xosé! Pena la Poincenot, pero con todo, qué gran actividad! Saludos

    ResponderEliminar
  2. Mal tiempo pero la vedad es que no paramos, este anó conocí las montañas del Chaltén más que nunca, escalamos bastante, aventura de mucho curro y palizas de "treking extremo" no faltaron... he he. un abrazo!!

    ResponderEliminar
  3. Te estas faciendo un pstagoniano, asi que disteis la gran pateada al hielo, asi ya viste la Ferrari desde donde hay que verla pa que no meta miedo jejejejeje, pa la siguiente cae.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Ha ha, ya se dejará ella cuando le salga de los .... o no!!!!! he he. Abracito animal!!!

      Eliminar