xoves, 24 de maio de 2018

Roques del Masmut: Danuta Lato + Barrufets

Retomo o tempus fugit da pascua pasada para contar uns días de viaxe con Manu e Toño na procura de actividade invernal, ou primaveral, ou... en fin... na procura de actividade! Neste ano de climatoloxía atípica, e moitísima neve, comezamos a pascua buscando de algo de xeo que non estivese enterrado e un pouco de esquí. Despois de darlle á cabeza, empezando pola inventiva creativa ata chegar ao realismo máxico, coa intención de atopar algo de xeo vertical que non estivese tapado pola enorme cantidade de neve... acabamos no clásico tunel de Bielsa, he he, e fuxindo das nevadas primaverais chegamos ata Benasque. Finalmente o mal tempo foinos levando cara a rocha e acabamos en Els Ports e Masmut, na liña que separa administrativamente, que non culturalmente, Aragón e Catalunya. Demos voltas máis fomos trunfando e facendo actividade todos os días. Tamén lle podedes botar unha ollada a damegravedad.
As vías que catamos en Masmut coido que son dous bos modelos do que podemos encontrar neste lugar... rocha mediocre por momentos e algo de aventura para alimentar o espírito. A Danuta Lato sitúase en El Sombreret, na parte inferior de Masmut, co selo de denominación de autor inconfundible e humanizada pola calidade dos seguros desde o reequipamento, aínda así mantén certo carácter, principalmente ao final do L1, moi recomendable. Bosquexo por cortesía de Armand Ballart.
A Barrufets é fantástica, via de fendas continuas para gozar se che gusta este tipo de escalada. Clásica por dereito situada na Proa de Masmut, dentro da colección das barrufets abertas por todo Catalunya e con denominación de orixe nun conxunto de excelentes alpinistas que, durante os anos oitenta, marcaron gran parte do ritmo da escalada en rocha nestes anos de evolución e aventura. Magnifica, hai un pitón no L2 que precisa unha maza urxentemente... bo bosquexo de Korkuerika.
En Bielsa, Manu dándolle unha polea á Princesa... a Dorada tapada pola neve estaba toda podrida... case o mellor que habia para escalar era a esta vía, pero habia neve como para tapar a primeira chapa!!
Toño en Ardonés, sacando brillo ao que, naquel momento, era un xeo xeneroso para o que había pola zona
En Masmut, comezando Danuta Lato. Os meus compis no L1, 6b.
Manu iniciando a enorme trave do L2, V+.
Manu sacounos a corda e seguiu facendo travesía no L3, IV+.
Bonita fenda no L4, e había que darlle!!! V+.
O L5 dá bastantes voltas para sair por unha panza inmunda cun párabolt "santísimo" colocado no seu sitio!! 6b.
Xogamos na Barrufets... Toño quentando músculo na fenda de inicio, 6a+. Moito vento, pasamos un frio do carallo ao inicio da vía!!
O L2 comeza cun A1 moi desplomado (cun pitón solto apoiado por palanca que precisa unha maza caritativa) e segue por unha fenda de 6a caralluda, levade os pedais!!
Toño segue agarrado á corda neste terceiro longo de V+
Precioso o L4, comezamos aceirando nun paso bruto pero logo unha fenda de 6a faranos gozar a gusto.
O L5 percorre unha cheminea de libro caralluda, V+
Ao día seguinte fomos a Les Moles del Don, en Els Estrets, Manu plaqueando en Obsessió Continua, grao ben apretado!!!
Ao baixar fixemos o diedro de Sam Belluga, moi bonito porén a parte final, alén de rota, resultoume difícil e de colocarse moito. Unha foto desde o camiño, cunha cordada comezando o diedro mestres eu espero polos meus compis!!

2 comentarios: