sábado, 4 de marzo de 2017

Nova vía en Peña Ubiña (cara norte): Segis

Despois de moito tempo co proxecto adormecido presentouse o momento. Para percorrer este eslabón perdido da norte de Ubiña tiveron que pasar anos... outros proxectos, frustracións polas condicións e falta de tempo... mais a montaña non se move do seu sitio e sempre haberá persoas coa motivación necesaria para seguir abrindo vías novas, repetindo outras e gozando de cada proposta de escalada e das peculiares condicións ás que nos entregamos nesta preciosa xoia natural da cordilleira Cantábrica. Segis é o que sempre está, os valores que se perden, o compañeiro, o amigo...

 

Outra vez compartindo corda con Manu (damegravedad.blog), enorme compañeiro e gran escalador… alén de que nos coñecemos ben e iso motiva nestas vías laboriosas e de paciencia. Este ano non é o mellor para as condicións da montaña, a neve non dá transformado no norte (e hai moita), tampouco vai frío abondo e o pouco xeo que atopamos estaba podre polo contacto coa neve. Abrimos a vía en dous ataques: o 30 de decembro, en condicións secas, subimos coa intención de escalar o primeiro longo e deixalo preparado para un segundo impulso con mellores condicións, así foi, porén tivemos que esperar ata o 27 de febreiro para a ascensión definitiva, escalamos o longo que tiñamos equipado (L2), que considerábamos o máis laborioso, e continuamos ata a cima atopando dificultades nada despreciables no seguinte longo (L3). Pensamos que as condicións serían mellores e había que aproveitar antes da seguinte nevada anunciada; equivocámonos coas condicións da montaña... mais estabamos aló e era o momento de subir. Agradecerlle a Miguel (Aviño) que nos acompañase ata pé de vía con ese día de cans!

DESCRICIÓN DA ROTA:

O primeiro é subliñar que nós contamos a nosa experiencia segundo as condicións que atopamos, seguramente con mellor neve e con máis xeo a cousa poida mudar significativamente, por iso esperamos que nos contedes que vos pareceu a vía e cal foi a vosa experiencia.

- O L1 é común coa Norte Directa, en seco ponse divertido (M3) mais cando hai neve sóbese moi rápido. Ten unha variante pola esquerda algo máis difícil, en condicións secas esta variante ten unha panza onde cómpre levar pitóns (M4).

- O L2 é o primeiro que abrimos (M7/A0), terá uns 35 mts e está practicamente equipado pero, dependendo das condicións e da habilidade de cadaquén, podemos precisar algúns friends ou cravos para chegar á reunión. O longo comeza nunha pequena cova onde equipamos unha reu de bolts (o de embaixo pode quedar enterrado na neve -atopamos moita no segundo ataque, debeu subir uns tres metros-), desde aquí xogas nun desplome intenso de bos gancheos e pés moi finos, ata chegar baixo unha ponte de rocha (a segunda que hai) no que un invertido nos pode axudar a dar un paso longo a outro gancheo bo, son pasos duros. Despois do cravo hai unha chapa que pode quedar enterrada baixo unha pequena plancha de neve/xeo (se é así hai que subir a unha repisiña e limpar enriba dun pitonciño de rocha que nos queda á esquerda, onde comeza unha pequena vira -sen esta chapa é unha sección expo-) seguir esa viriña que nos leva cara a esquerda e logo continuamos na vertical con algo de xeo, neve e herba; ao saír do máis duro, xa sobre neve, iremos algo a dereita á procura dun corredorciño, bastante roto, que nos leva ata a R2 (bolts). No comezo dese corredor (o día do ataque ao cume) metimos un spit porque nos pareceu que quedaba algo exposta a saída sobre neve sen transformar para acceder á reu, a esta R2 costa chegar pero queda moi protexida de todo o que nos caia de enriba. Haberá que volver con alguén máis forte a ver se podemos encadealo... pensamos que é posible que non baixe de M9.

- O L3 terá uns 45 mts e tamén ten miolo, saír da reu nas condicións que nós atopamos xa daba traballo, pouco despois chegamos a un paso precioso (M5), desplomado e con xeo por riba para pinchar a gusto, logo hai unha pequena campa de neve que remata á esquerda nun muro de verglás onde cómpre botarlle carácter e oficio (M6) -cremos que en anos mellores este muro podería formarse completo de xeo-, desde aquí saímos á grande campa de neve, onde montaremos a R3 nunha fenda á esquerda. Este longo quedou limpo de material.

- O resto da vía é máis humano (e tampouco deixamos nada na parede). Continuamos pola campa de neve para pasar entre dous xendarmes enormes, ata chegar a un espolonciño de neve evidente (sobre o xendarme da dereita) que continuado por un corredor encaixonado nos leva a outra pequena campa e con algún resalte máis ata a arista. Se seguimos a arista durante 5/10 minutos chegamos ao cumio. 

Podedes ver a piada de Manu en damegravedad, alén dun estupendo VIDEO sobre a apertura. Dalgún xeito tamén é a nosa lembranza do colega e dos valores auténticos, un xeito de homenaxe e recoñecemento do ALPINISTA, do compañeiro... do amigo que se foi!!! Reportaxe fotográfica completa...

Norte de Ubiña o 30 de decembro, case seca!

Abrindo o muro desplomado.

Abrindo o desplome two... versión sobe como poidas!!

Realmente o muro ten bos gancheos pero é difícil meter un pitón!

Xogamos no ataque definitivo... vaites como mudou a cousa!! L1, común coa Norte directa

Na cova, con moitísima neve... e preparaos pa matá!!

Entrando no L2 (M7/A0), a neve case chega ata a primeira chapa!!

Manu saíndo dese longo, estopa ata o final!!

Seguimos coa sección fotográfica de Manu

E outra máis!

O meu compi comezando o noso L3 (M6), duro e laborioso! Pena que non o vise desde a reu!

Saindo do muro de M6 á grande campa de neve

A gran campa! A Segis vai entre eses enormes xendarmes (tamén se mostra a entrada ao corredor da Variante das luvas)

Manu entrando no corredor encaixonado por riba do xendarme!

Non paraban de caerlle coladas de neve polvo!!

Nos últimos resaltes que nos depositan na arista!

No cumio de Ubiña! Felices!! mais pendentes da baixada pola falta de visibilidade e polos refachos de vento patagónico!!

Bosquexo panorámico das vías desta parte da parede!!
O bosquexo!! e desexando que a gocedes!

5 comentarios: