luns, 13 de xuño de 2016

Montrebei. Paret de Catalunya: Cassiopea

Ruta de categoría da galaxia Montrebei. Era un día calquera cando recibo unha mensaxe de Chavi, convídame a acompañalo por unha vía que me soaba pero da que non tiña referencias claras, o primeiro que pensei foi que a este fanático de Montrebei non lle deben quedar moitas cousas humanas que facer nesta parede (creo que me dixo que levaba 116?... arredor 100 máis ca min, ha ha), vaites! -penso eu- "Chavi enganándome para unha maldade", segundo procuro info a vía vaise facendo querer e cando volvo falar con Chavi xa estou namorado. Uns días despois estamos onde o Montsec agocha os seus "horrores", todo foi como estaba previsto menos a volta a casa na que un pinchazo nos deixou tirados, agora hai que estudar para cambiar unha roda!... mais esa é outra historia...
A Cassiopea é un rutón que percorre un sistema de fendas e diedros ben bonito, auténtico Montrebei 100%, con rocha aceptable en xeral, sabendo onde estamos e que o normal é que apareza algunha zona na que hai que andar con ollo. Cómpre felicitar aos aperturistas Panyella e Camacho pola visión e a escalada en 1984, hoxe en día mantén o compromiso, trátase dunha ascensión laboriosa debido a un equipamento bastante obsoleto e que tampouco é moi xeneroso, porén permite meter material a saco... mais non a infravaloredes, o grao aquí non é o máis importante, a vía é apretona e cómpre ter oficio para non sair demasiado humillado dalgúns longos; sen pitonar é unha xesta para cabezas moi ben asentadas. Estupendo bosquexo en Montrebei vertical que se pode complementar co de Albert Castellet. Tamén podedes ver a piada de Chavi nos caracoles majaras. Para quen vaia repetila ocórrenseme algunhas observacións que poden servir como complemento ao topo:
* Nós botamos 12h, pode facerse en menos tempo pero non é unha vía para correr. Por outra banda, se non te moves rápido podes pillar!
* Enlazar L1+L2 non nos pareceu boa idea, demasiadas voltas e a R1 é decente e refórzase facilmente.
* Saltamos as reunións que sinala o bosquexo como optativas (excepto a R1), tamén saltamos a última e fomos directamente á árbore enorme que está mesmo na saída. Penso que é a mellor estratexía!
* Coido que con 4-5 pitóns variados é suficiente, dúas V (curta e longa), unha U, un universal e un plano. Nós cravamos en 5 longos, iso permíteche salvar algún paso difícil ou protexer outros onde o material aguantaría malamente o teu peso, nin imaxino unha caída; porén no L7 paréceme difícil pasar sen cravar algo, é un longo para sacar o oficio... hai que admirar e recoñecer a clase dos escaladores que pola súa condición física e mental poden realizar estas xestas sen pitonar!
* Material para mindundis: alén dos cravos... dous xogos de totems (do azul ao vermello), un xogo de aliens ata os máis pequenos, un 2 e un 3 de camalot, un xogo de entaladores e estribeiras para o L7 se sodes humanos.
* O grao da vía en xeral pareceunos apretado, particularmente eu vin algo así como 6b/A2... salientar o L5 e o L9 porque son dous longos realmente preciosos, dúas xoias para os sentidos co selo do lugar!!
As fotos non son nada do outro mundo mais tiñamos abondo con subir, he he.
Chavi aproximándose aos "horrores". Ao fondo a padede de Aragón co ceo cuberto que rapidamente despexaría
O meu compi chegando á R1. Os primeiros catro longos xa os coñecía dun intento anterior no que entraron tarde por unha avaria no vehículo!
Comezando o L2, un pouco por riba sepárase da Marquises e vaise á dereita, mesmo onde hai un pasiño ben fino de equilibrio.
A fenda dos pitóns cutres do L3, algún paso de decisión sobre unha ferralla inmunda fíxome meter unha V para protexer un pouco o meu traseiro! tamén se pode meter un C3 mais... hai pasiño!
Chavi currándose unha flor de clavos para saír desa placa apretona do L4
O inicio do L6 era bonito, maís enriba a cousa mudaba!
Rematando o fantástico L9... Chavi intentando respirar, ha ha.
Niño do voitre colgado espectacular, reu cómoda a reforzar, como case todas! Chavi refrescando os pés no precipicio... mais hai que ver como o puxo todo de branco!!!!! he he.
A última reu nosa, uns 15 mts por riba da que marca o bosquexo e á que se chega sen problemas.
Precioso o Noguera e o contorno!!
Un pracer titán!!

2 comentarios:

  1. Vaya cara terminando L9, iba fundido! he, he,

    Chavi

    ResponderEliminar
  2. Ha ha, te pillaría diciendo algo! pero yo tb terminé ese largo machacao!!!

    ResponderEliminar