sábado, 9 de xullo de 2016

Midi d´Ossau: Flipp Matinal

Outra aventura rápida na procura do frescor do Pireneo. Este "cancho" fronteirizo nunca defrauda e sempre te agasalla con algunha ración do mellor lacón con grelos en versión diedro ou fenda de granito, alén de que non hai vía pequena neste universo caótico onde o demiurgo creador perdeu o coñecemento e estragou o carreiro. Tirar un bosquexo decente dalgunhas vías resulta un problema matemático de envergadura... e sen un bo mapa cómpre aplicarse na procura dos camiños do labirinto!
Estou seguro de que a Flipp Matinal non é a mellor vía do Midi, mesmo diría que lle falta homoxeneidade e non "constrúe" unha linea natural ao estilo do lugar, porén o conxunto é atraínte ao tempo que intimidante, belido ao tempo que salvaxe e asequible pero intenso. Algúns longos son ben bonitos e outros hai que facelos e descubrir o camiño... e normalmente co grao na túa contra. Como levamos varios bosquexos e ningún nos enamorou, mais todos aportaron e agradecidos lles estamos, fixen outro que penso contribuírá a descubrir o percorrido... para que nos dediquemos a escalar e gocemos do pracer destas fendas cheas de meigas e meigallos.

Rematando o L1, a rimaia estaba imposible e entramos pola esquerda (L´air du temps) para pillar a vira.
Toño asoma o pucho rematando o diedro que o deixa na R3
O L4 hai que percibilo,  vai por entre os dous teitiños que se intúen... e onde parece que non hai van aparecendo cousas, he he.
Precioso o refu e o seu contorno!!
A parte superior do longo, saíndo dos escalóns desplomados e camiño da R4. 
Toño chegando á R6, onde rematan as dificuldades para acceder ás Virettes.

Penso que este bosquexo mellora algo os que nós levabamos, coido que así xa é difícil perderse!
Foto clásica de rigor, o Midi nunca defrauda!

Ningún comentario:

Publicar un comentario