venres, 11 de setembro de 2015

Pico Abadías (Sur Maladetas): Directa ao piar central

Había moitos anos que estivera na sur do Abadías (pode que máis de 20), fuxindo dun verán alpino húmido. Daquela chegáramos a Benasque e subíramos por Cregüeña a durmir nese vivac-hotel que hai ao pé do lago, longa e dura subida... aquel ano escalaramos a Vía del Diedro e a Catalunya (foron os dous bosquexos que localizamos naquel canto do mundo agarimoso que era o bar dos guías) e saímos pitando cunha treboada que nos deixou enchoupados no camiño de descenso, que era tan longo e duro como a subida! Desta vez fomos por Coronas, din que é unha subida máis amable mais eu non lle vin tampouco moita amabilidade... vai ser que esta parede está lonxe vaias por onde vaias! alén de que o bus de Vallibierna é literalmente un atraco de 16 euros desde o Pla de Senarta (18-19 desde Benasque). A actividade é moi interesante porque estás nun lugar privilexiado, mais se tiras de calculadora sáenche o dobre de horas de pateo que de escalada... isto é o que se chama pireneismo?
Vale... cómpre gardar a calculadora porque non todo é cuantificable, principalmente se nos referimos ás vivencias na montaña, nunca sería un resultado positivo! A vía que fixemos desta vez foi a Directa, bonita, rápida e divertida ruta que ten como principal dificultade a entrada polo glaciar (se non levas crampóns) e o primeiro longo que te pilla frío e está xeado, alén de hai séculos que unha recua de "minios do xeo" o van pulindo inverno tras inverno para que teñas a sensación de estar subindo por mármol de Carrara. O conxunto é un auténtico día de montaña sobre terreo salvaxe no que te tes que mover con soltura, se a isto lle sumas a compañia de Pedro e Toño podes acabar cun sorriso na boca... porén e as pernas rematarán pedíndoche un masaxista. Levamos o bosquexo do Luichy e é excelente, como de costume. O descenso reequipouse con párabolts para baixar con dobre corda, mais no último rápel quedas como a 8 mts do chan (mal destrepe! lembrade o do mármol de Carrara) polo que cómpre dividilo en dous, facendo o derradeiro descenso desde os pitóns con maión da R1 da mesma vía, "todo ventajas". Unhas fotos...
A cara sur do Pico Abadías, uns 300 mts de granito de calidade!
Pedro fai unhas panorámicas de 360º co tlf que son unha pasada... logo ao pasalas a foto normal quedan algo deformadas mais son curiosas. Esta é a pé de vía pero sae o glaciar, o cordal todo desde o Collado de Cregüeña ata o Pico Maldito e o lago de Cregüeña, alén de que podemos ver o inicio da vía ata por riba do teito, curiosa perspectiva!

Toño e Pedro sufrindo os dedos fríos e os pés pulidos do primeiro longo, 6a que é polo menos 6b! Hai unha cordada que nos persegue!
Os meus compis no L2, V+, seguimos pasando friaxe pero a rocha mellora en tacto. Estes dous longos son comúns coa Vía del Diedro.

No L3 comeza a darnos o sol e regresamos á escalada pracer! Vº, neste longo a reunión fixémola a tope de corda, na parte baixa dun piar enorme, (e non onde pon o bosquexo) porque coincide cos dous parabolazos dos rápeles, de luxo!
Claro que, ata que nos dimos conta, tivemos que sacar a guía burros porque xa non nos coincidia a ruta! he he. Bonita visión do lago e o collado de Cregüeña
Outra das panorámicas de 360º que facia Pedro! son curiosas en foto pero vista no tlf alucinas!
Toño sacounos a corda e saiu disparado por ese diedro de 6a. Enriba albiscamos esa tecla de piano enorme á que nos conduce a vía
Agora é Pedro o que supera o diedriño!
Aló vai Toño na procura de subirse a ese grande xendarme deitado que forma un poleiro espectacular, neste longo a saída fixemola equivocada pola esquerda do penedo, coido que saímos pola Picazo ou por Territorio Comanche, había bastante lique e algúns bolts... pero era algo máis difícil do que puña o noso bosquexo.
Pedro saíndo pola "variante" equivocada! Había unha fenda algo sucia que non creo que baixara de 6b!
Toño fainos esta foto alucinante a Pedro e a min subidos a ese "trampolín dos deuses"! Desde aquí unha curta trepada lévate aos rápeles.
A visión do primeiro rápel pode situarnos para atopalos, aínda que se localizan sen problemas! Ese penedo é impresionante!

2 comentarios:

  1. Buah Xosé vaya pasada! Me ha encantado la entrada, me apunto el sitio, a ver si hay alguna vía de cuartetos!
    Un sañudo

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Realmente el lugar es alucinante Diego, eso si... está en casadios, pero la actividad mola. Con buen tiempo es muy interesante ir para varios días y haces varias vías, al lado del lago de cregüeña hay varios vivacs muy buenos, hay uno que es bestial, mejor que un refugio, he he, más o menos a una hora de la pared. Un saludo!

      Eliminar