venres, 23 de novembro de 2012

Cienfuéns: Totem va!

Xa tiña gaña de voltar a Cienfuéns, con isto da regulación da escalada entre xullo e decembro cando te queres dar conta xa se pasou o arroz, principalmente valorando que escalar aquí en verán é imposible, pareceríase a acender a calefacción as dúas da tarde en xullo dentro dunha sauna. Porén Cienfuens é unha xoia, terreo de aventura total onde sempre atoparemos longos nos que teremos que orientarnos, anticiparnos ao movemento, traballar a protección e despregar todos os nosos recursos creativos para descubrir a escalada na súa máxima expresión.
Preciosa vía a Totem va! o mellor que teño escalado en Cienfuéns, que tampouco é moito, mais penso que con estas rotas o realmente alucinante é poder escalar practicamente só neste precioso e isolado lugar. Son preto de 200 mts en seis longos magníficos (excepto o terceiro que cruza o xardín da metade da parede) mais o diedro do primeiro longo é realmente a salientar. Tedes un bosquexo moi bo, como soen ser todos os que fai, no Blog de korkuerika. Hai van unhas fotos.

Comezando a vía, o primeiro longo pode collerte frío mais gozarás da súa calor porque é precioso, 7a
Este diedro do L1 recórdache aquilo da Arte de Escalar

Toño comeza o L2, placa fina na procura de cumprir a primeira regra do manual: meter un seguro! he he, 6b.

Toño segue plaqueando ese L2, na procura da segunda regra do manual: meter outro seguro! Precioso Cienfuéns!

Despois de cruzar o bosque nun longo de IV, que mellor esquecer, continuamos cara o diedro que marca o cuarto longo, 6b+.

O L5 é curto pero duro, unha travesía baixo un desplome cun paso ben cabrón, grazas que está ben protexido, 6c+.

O último longo é outra xoia, comeza nunhas chorreras finas que semellan uns tubos de órgano e continúa por un diedro para saír ao cumio, do plano vertical ao plano horizontal nun pis-pas, 6c.

Recollendo o material ao pé do refuxio, para ir desde o Salto do Roldán, pola pista do refu, case se precisa un todoterreo porque está bastante mal, porén cando chegas ao cumio é un pracer ter aló o vehículo, he he, está vez triunfamos!

Ningún comentario:

Publicar un comentario