mércores, 2 de febreiro de 2011

Punta Jean Santé: corredor Pombie-Suzon

Eu xa fixera este corredor hai anos pero as condicións eran excelentes e a David apetecíalle facelo... así que... era un sábado conxelado e madrugamos (as 6:00 en Sabiñanigo o coche marcaba -11) ademais ía un vento notable co que a sensación térmica era dunha friaxe máis propia dos Alpes que dos Pireneos, porén o corredor vale a pena, ademais había moita neve polo que, exceptuando o resalte principal, todo o corredor se facía case en ensamble.

No Portalet xa había uns cantos coches de franceses que ían con esquís, a aproximación estaba dura e o vento respectounos ata chegar á loma desde a que se domina o refuxio, a vira de entrada estaba seca coma sempre e, como había pegadas de cordadas anteriores, localizamos a baixada perfectamente. A outra vez que o fixera o resalte principal era un diedro de rocha que daba moito traballo, case non había pitóns e tivemos que meter algúns, ademais diso non atopamos a baixada e pasamos tempo e traballo baixando polas viras, en fin... esta vez foi todo o contrario, rápidos e directos, 8h de coche a coche, non metimos ningún pitón porque había abondo, con levar micros, un par de friends medianos e empotradores é suficiente. Vexamos unhas fotos.

David comezando a vira de entrada ao corredor, dous longos secos que non pasan de IIIº, logo algo de neve fácil e entramos na canle de entrada ao corredor

A entrada ao corredor é unha canle duns 100 mts de 45/50º

David no primeiro resalte, estaba para pasar correndo pero como non o sabiamos montamos unha boa reu, he he.

Este é o resalte principal, como vedes había neve porque ese pequeno corredor pode ser case un diedro de rocha cun fio de xeo no fondo, na foto metendo o empotrador máis pequeno para protexer a saída.

David nos resaltes superiores, ía vento e moito frío, tanto que eu subín coa chupa de primalof posta todo o corredor

Saíndo doutro resalte máis, só ver a foto cólleme o frío, he he.

Un dos últimos estreitamentos, este era cómodo, porén o xeo estaba algo podrido e non daba boas sensacións

Últimas rampas antes da brecha Jean Santé

Nesta foto vese a pegada que vai cara a dereita, detrás dese espolonciño de neve hai un pequeno corredor duns 8 mts que se descende e, agachada detrás dunha rocha, atopamos o primeiro rápel

Aquí vese o corredorciño que hai que destrepar e onde está agachado o primeiro rápel de baixada do corredor Pombie-Peyreget, con pegada todo é fácil pero con menos neve e sen pegadas que che mostren o camiño pódeste embarcar.











1 comentario:

  1. Niño el dia que suba corriendo por aquí como tu, seré yo el que deje de ser un matao.... (por cierto el montaje lo hace un programita soliplas... no hice nada solo poner las fotos y la musica). Un abrazote, guapa actividad. Me la apunto para cuando suba y haya condiciones.

    ResponderEliminar