mércores, 9 de febreiro de 2011

Norte do Taillón

A finais de xaneiro decidimos marchar un par de días a Gavarnie, o xeo non abundaba pero se nalgún sitio podía haber algo con ese frío intenso era nese magnífico circo. O primeiro día aproximámonos ata o primeiro muro porque desde lonxe parecía haber liñas escalables, pero segundo nos iamos achegando a nosa ilusíón iase esvaendo... había algunas cascadas que tiñan xeo en todo o percorrido pero non daba para protexer, o xeo non pasaba, nos mellores casos, duns 10 cm e víase a rocha embaixo, o noso gozo nun pozo... había que buscar un plan B!!

Despois de falar co Olivier (o garda da Gite Le Gypaète) decidimos que, se tiña xeo a cascada de inicio, o Corredor Central da O. do Taillón sería un bo plan B. Ao día seguinte subimos polas pistas da estación de esquí e ao chegar á base da norte do Taillón vimos claramente que non había xeo nin no Corredor Central nin por ningún lado, porém diante de nós estaba esa magnífica clásica de 700 mts chamándonos descaradamente. Non sei se a Norte do Taillón foi finalmente un plan C. ou se era a vía para a que estabamos predestinados, o caso é que gozamos a súa ascensión aínda que a neve estaba nunhas condicións patéticas; a rota non é difícil pero hai que ter algo de precaución porque é relativamente exposta, polo menos nas condicións na que nós a atopamos, é raro atopar xeo e a rocha está completamente fracturada, progrésase facilmente pero hai resaltes e non podes descoidarte un momento porque, de facelo, chegarías ata Gavarnie en voo directo. Mostremos algunhas fotos:

Martin aproximándose ao corredor de inicio

Nas primeiras rampas, a neve estaba perfecta na parte inferior así que a corda á espalda era o máis rápido e seguro

Mais para enriba a cousa mudou, unha capa de costra dura pero asquerosa, con neve polvo embaixo, dábanos bastante inseguridade, ademais nos resaltes a neve polvo non nos deixaba achegarnos á rocha e non había case ningún xeo

Despois dalgun reslate exposto nesas condicións decidimos tirar a corda, os seguros eran relativamente precarios pero... a sensación da corda mola e sigues a todo trapo, he he.

Martin noutro realte da parte intermedia, aínda que a neve estaba cotrosa fomos bastante rápido

De novo Martin, outro resalte máis, iamos buscando a zona máis evidente e de mellor neve

Na parte superior pillamos un corredor que nos levaría ás rampas cimeiras, os seguros seguían sendo malos pero ao haber máis rocha metiámolos con máis facilidade.

Marin aparece ao final da corda, agora xa nas rampas superiores

Un té, aínda quente, na cima do Taillón; un pracer que hai que vivir para poder saborear!

A baixada xa non foi ningún gozo... a neve costra estivo sempre presente facendo o destrepe polo glaciar dos Gabiétous un suplicio e algo perigoso. Como vedes a Goulotte Quintana parece que ten algo pero a entrada ao Corredor Central está bastante seca no segundo longo e o primeiro era para ir con gatos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario