xoves, 3 de marzo de 2011

Xeo en Dolomitas

Entre finais de febreiro e primeiros de marzo escapamos uns días aos Dolomitas, había que probar o xeo desta zona de Alpes que nos queda algo lonxe, aínda que aproveitando que Diego nos abre as portas da súa terra todo resulta máis fácil, vive en Arten, unha vila ao pé de Freltre (nunha marxe da Val Belluna), así todo é moito máis fácil... Un voo a Treviso con Ryanair e nunha hora e cuarto estaba Diego recolléndonos a Martin e a min coa súa nova furgalla (de nome "Simon", e con personalidade propia!!), rápido e efectivo, ceamos cos pais do "Dolomiti" que nos tinan preparada unha pasta fantástica e ao día seguinte "Simon" diríxenos directamente ao noso destino: o xeo dolomítico.


A primeira parada foi en SOTTOGUDA, trátase dun canón pechado ao pé da Marmolada, con cascadas de dificuldade variada e a cinco minutos do coche, bo lugar para comezar a trepar en xeo mais tamén podemos escalar longos moi interesantes e difíciles, ese día fixemos Catedrale destra, e Excalibur, polo día subían bastante as temperaturas e eran as que parecían en mellores condicións. Co permiso de "Simon" durmimos no parking desde o que se accede a VAL TRAVENANZES e ao día seguinte visitamos este máxico lugar, probablemente a mellor zona de escalada en xeo de todos os Alpes Orientais, a zona principal é un muro duns 250 mts que se podería parecer á Gavarnie ou á Tête de Gramusat en Freissinières, os días moi fríos tamén poderemos escalar ao sol nas cascadas que se atopan na outra banda do val, escalamos Pilone centrale, probablemente do mellor deste muro (sen esquecer Sogno canadese que nos quedou para outra visita), cunha columna grandiosa no segundo longo.
Esa noite fomos festexar a excelente "cascatoni" á casa dunha amiga de Diego que estaba de aniversario, o limoncello e outras variedades decidiron por nós que ao día seguinte tocaba folgar. A partir de aquí os deuses xuntáronse e propuxéronse darnos caña, por un lado neva algo máis do esperado e nesta parte do mundo os portos (passos) son delicados, principalmente porque Simon ainda non está preparado con "pezuñas" de contacto, porén a nosa intención é visitar Colfosco, mais o divino meteulle a Diego un virus que o tirou con febres de 39/40º varios días e comezou esa noite. Para Martin e para min acabara a partida, aínda así estivo perfecta porque ese día fomos esquiar a San Martino e puidemos gozar dunha neve polvo pola que merece a pena pagar, desa que se ve unha vez ao ano nas estacións do Pireneo. Só me queda lémbrarme da hospitalidade do Diego e da amabilidade dos seus pais, bo rollo e boa pasta para cear, sen esquecer eses fantásticos gnocchi que fai a nai de Diego. Déixovos cunhas fotos sen esquecer unha consigna desta zona: "autonomia para o Belluno".

Diego "dolomiti" no primeiro longo de Cattedrale Destra, 4+, en Sottoguda

Martin chegando a esa primeira reu da Cattedrale Destra
O segundo longo da Cattedrale Destra era tamén interesante, a reu estaba nunha pequena coba no xeo, iso sí... paraboles brillantes!!


Primeiro longo de Excalibur, 4+, esta casdada estaba algo picada pero era interesante a saída do río e tiña certa continuidade

Martin ataca o segundo longo de Excalibur, 4+, Diego gozando da comodidade desta primeira reu, menos mal que Martin confía en que o aseguremos... que se nos chega ver!!

Diego no terceiro longo de Excalibur, ao máquina vaille a marcha e métese polo lado malo da columna, sempre gozando!!

Boa foto de Martin no L3 de Excalibur, ao fondo vemos a pista de acceso á zona que tamén serve de baixada da estación de esquí da Marmolada

O muro principal de Val Travenazes, este sítio e marabilloso, as dúas grandes masas de xeo que se ven na foto son o Pilone centrale (á esquerda) e Sogno canadese (á dereita)

Martin asegura a Diego no primeiro longo de Pilone Centrale, 5+.

Aquí as tiradas van a tope de corda, outra foto de Diego no L1 de Pilone Centrale.

Inicio da columna no L2 de Pilone Centrale, había que sanear porque o xeo estaba algo cascarilla na superficie e oco no interior.

Parte dereita da Val Travenanzes, cascadas ao sol, de dereita á esquerda: Moby dick, Nicotina e Principe stravogin, só con moito frío!!

Boas fotos na columna do L2 de Pilone Centrale, ese día este longo estaba máis próximo ao 6º que ao 5+, había bastante traballo de saneamento e problemas de proteción na primeira metade da cascada

De novo o L2 do Pilone Centrale, é que era un longo magnífico!!

No terceiro longo de Pilone Centrale, este xa permitía relaxar un pouco os antebrazos.

Diego no último longo, trátase da saída máis interesante para acadar o corredor de baixada (moito mellor que os rápeles -se non hai perigo de avalanchas-), realmente este longo é o último de Belvedere, 4+.

Diego neste último longo de Belvedere, a parte final era pina!!

Os tres felices despois desta estupenda ascensión, a este sitio hai que volver!!

A Civetta, magnífica. En Dolomitas as tapias fálanche, son longas e salvaxes... e están esperando que te encarames a elas; hai que regresar a escalar en xeo, pero sen esquecer que este é un dos paraisos das tapias de rocha en todo o mundo.


Ningún comentario:

Publicar un comentario