mércores, 8 de decembro de 2010

La Visera: Zuzen


O 11 de novembro quedei con Toño para escalar unha vía nova que abriron uns mozos de Pamplona este verán na Visera, chámase Zuzen, logo me enteraría de que significa “directa” en euskera; realmente trátase dunha liña bastante directa! Ese día todo o mundo decidiu ir á Visera, había cordadas na Mosquitos, Zulu, Fiesta, De Naturaleza…. O Pison creo que baldeiro, son cousas da vida!!
O primeiro longo é común coa Popeye (este viote que vai á dereita da Fiesta de los viceps abrírono Toño e David hai uns anos) e logo continúa paralela a esta ata a cima, entre a Directa e a Popeye, cunha saída moi lograda, e, aínda que pareza que as vías aquí van un pouco con calzador non é así, está perfectamente buscada e non se mete en territorio de ningunha outra; é unha boa liña que posiblemente chegará a ser unha clásica de dificuldade. Os aperturistas propoñen cinco longos con este grao: 6b, 6c, 7b, 7a+ e 7a+, o último de 57mts; nós non encadeamos os longos duros pero a nosa sensación foi de que o segundo longo era algo máis forte, como de 6c+/7a (tamén é o máis roto) e o último longo de 57 mts pode dividirse en dous (facendo unha reunión da directa que está practicamente ao lado) saíndo aproximadamente de 6c (25 mts) e 7a (32 mts). En conxunto unha vía estupenda que cando estea máis limpa será magnífica, os meus parabéns para os aperturistas! Podedes ver o croquis en recstones
Toño no 2º longo, 6c+, aquí xa hai que porse as pilas e andar atentos coa rocha que está bastante rota, despois mellora, aínda que cómpre que pasen máis cordadas.

Unha cordada ao noso lado pola Directa, gozando dos bolos!

Toño comeza o 3º longo, 7b, ao principio hai que andar moi fino, longo duro pero bonito

Os que ían por De naturaleza salvaje tiñan unhas fotos preciosas despois do teito

Toño de novo no 3º longo, despois de pasadas as primeiras chapas xa é un longo máis humano
Comezando o 4º longo, 7a+, segue o bolo...

Uns franceses que ían pola Zulú demente

Toño atacando o 5º longo que nós dividiriamos en dous, esta parte andaría polo 6c.

Comezando o noso 6º e último longo, pensamos que sobre 7a, cando agarras bolos que non teñen magnesio vas como tentando non tirar deles, o problema é que estás na Visera e todo desploma.

Ningún comentario:

Publicar un comentario