mércores, 24 de novembro de 2010

Pared de Aragon: CADE

Un día en Riglos Toño fálame de ir a Montrebei, vale! ao final ningún dos dous fixera a CADE, 550 mts, 6c, (obrigado V+) así que estaba claro… é unhas das clásicas de Montrebei, talvez a clásica da Pared de Aragón, a máis repetida, a máis loubada e, pode que, a máis desexada… todos os escaladores din dela “boísima”. Había que ir facela!!

Compre saber que a pista que se collía desde Tolva agora está case impracticable, pero abriron unha nova moito mellor desde Viacamp, imaxino que para traer turismo, tamén funciona o refuxio que está ao final da pista, nun lugar privilexiado para a vista, ben… a visión do congosto de Montrebei sempre nos deixará impresionados polo salvaxe, isolado e rebelde dese piar da natureza. A aproximación hai que controlala, sáese da pista principal, en terra de ninguén, por outra pistiña na que hai un letreiro de “reserva de caza” ou algo así? logo esa pistiña desaparece nunha loma e descemos por terreo difuso ata a canle que seguimos, veremos fitas, ata que comezamos a ver a auga da presa, aló unha fita grande cun ferro chantado no medio sinala o camiño que de forma pouco definida, pero suficiente, nos leva a media ladeira ata o comezo da vía, 1:15h de pateo non nolo quita ninguén.
A vía é unha clásica entre as clásicas, pero non nos pareceu “boísima” nin moito menos, os primeiros 4 longos son malos, e o resto mellora pero non demasiado, sálvanse os dous longos de 6c e o de 6b que está preto da cima, o mellor sen dúbida. Unha vez na cima hai que seguir subindo ata o cumio do Monsec de Estall como 1:30h, isto é o verdadeiramente desagradable, hai como 45 minutos de subida arrastrándote entre rochedos e bojs de forma inmunda; desde o cumio outros 45 minutos de baixada por camiño evidente e chegamos ao coche, en total 2:15h. En internet podes encontrar croquis excelentes da vía, aínda que ten bastantes clavos son os orixinais de 1977 así que non te fies, Toño arrancou dous só con tocarlles, son históricos pero van pasando á historia, cada vez haberá menos, aínda que a vía protéxese perfectamente sen eles; nas reunións soe haber un parabolt, aínda que non en todas, hai algunhas que terás que reforzar; controla o tempo, a nós levounos 7:30h sen contar aproximación nin descenso. Déixovos con algunhas fotos.
Toño ataca o segundo longo, V+, ten algo de expo antes de chegar á reunión, de frente vese a Pared de Catalunya
Outra foto no segundo longo, ía frío pola mañá e os dedos quedaban tesos, aínda que a parede é sur ata as 12h non nos deu o sol.

Toño no 5º longo, 6c, a partir de aquí pensabamos que a rocha e a escalada ían mellorar, pero non foi moito, este é dos longos que merecen a pena.

Empezando o noso 7º longo, 6c, apretada no desplome e de cazo en cazo.

Segundo tempo nese séptimo longo, pillar a raíz da sabina que está á esquerda mola moito...

O séptimo longo e o octavo unímolos (6c e 6a), Toño chega á reunión que, neste caso, houbo que reforzar. O sol comezaba a animar o noso espirito!!

Detalle de reu histórica.

Toño no noso 9º longo, o da media lúa, 6a/A0, chimenea loitadora con saída fina en placa.

De novo Toño, esta vez no 10º longo, V, xa estabamos metidos debaixo do gran diedro.

Toño escalando no gran diedro,longo 11º, V, desde aquí sairíamos cara a dereita buscando o espolón que nos levaria ata o cumio

Boa foto que me fai o Toño nese longo durante a pequena travesía que levaba á reunión

Esa reunión é bastante aérea e pódese ver o camiño que, entalado na rocha, conduce á Pared de Catalunya, realmente vense dous: o vello que está cuberto pola auga e o novo que vai moito máis alto

Este diedro é o mellor da vía, 6a, ao longo danlle 6b porque ten unha pequena travesía fina para meterte no diedro.

Outra foto de Toño no diedro, é que era moi bo! quedaba un longo malo máis, aproximación de 100 mts ao último longo (o do diedro oculto) e cumio.
Toño no cumio, "Hominus Escalatorus Riglensis" coa silueta debuxada na Pared de Catalunya.
















Ningún comentario:

Publicar un comentario