venres, 20 de agosto de 2010

Maratón de tresmiles pirenaicos: zona do Perdiguero

Hai unhas semanas xuntámonos Jorge, Pablo, Fernan, Jesus e o que subscribe para pegármonos unha paliza de crestas no Pireneo, ben… a verdade é que a min algo me enganaron, os maquiavelos foron Jesus e Pablo, como de costume, os demais sabiamos que nos iamos dar un palizón pero… as veces váiselles a pinza, o tema é que son dous petardos: sacan o libro do Capdevila e deciden enfiar dúas xornadas nunha soa, botan contas de máis de 12h. de actividade; ir con Jesus é un pracer porque nin tes que mirar o mapa, coñece o terreo perfectamente e iso permítenos movernos moi rápido (o ano 1999 fixo todos os tresmiles do Pireneo, ver http://www.barrabes.com/revista/reportajes/1-980/212-tresmiles-ano-objetivo-cumplido.html) o Pablo é algo inconsciente a sabiendas, ademais vaille a marcha e apúntase a un bombardeo, iso si… non vai só antes engana a uns cantos incautos entre os que me conto, o certo é que tamén nos deixamos enganar!!


O venres 30 de xullo saio de Lugo ás 5:30h, ás 14h. recóllenme Pablo, Fernan e Jiorgio en Huesca, ás 17h estamos en Benasque xa con Jesus que vén de Lleida e en 1,35h. estamos no refuxio de Estós preparados para a cea que deixa bastante que desexar, ao final mendigando algo acabamos enchendo o bandullo. O sábado cedo comezamos subindo cara o Gías, logo fixemos os Clarabides, o pic S. Saud e o Camboué, enlazando con toda a cresta dos Gourgs Blancs, Jean Arlaud e toda a cresta de Seil de la Baque ata o Perdiguero, logo do pico Royo chegamos ao collado inferior de Lliterola onde descendimos cara ao refuxio do Portillón a pasar a noite, deixando un depósito de material ao pé do Crabioules. En total foron 23 tresmiles nunha xornada e, aínda que a idea era continuar ata o Lézat, non houbo forzas para chegar, cando pisamos o refuxio iamos literalmente destrozados, polo menos eu, pero a un nivel no que falar era un esforzo, foran 12,5 horas a unha media de 118 pulsacións, as miñas pernas xa non coordinaban ben nin para andar de vagar. Sempre gozando!!


Ao día seguinte estabamos moito mellor, obviaremos á noite hostil dos refuxios en verán, só lembrar a máxima de que en xullo e agosto non pises un refuxio se non é estrictamente necesario. En fin… subimos ao Crabioules, ao pé do que deixaramos o deposito de material, coa intención de chegar ata o Maupas, porén viamos entrar o marrón por Benasque así que despois de facer o pico Rabadá e o Navarro descendimos polo val de Remuñé, un descenso longo, en total 7 horas de actividade e 7 tresmiles máis. Foran 30 tresmiles en dous días e eran as 14h do segundo, cando entramos no coche comezou a chover coma se os deuses estivesen cabreados. Xantar cos colegas e cada un para súa casa. Sempre gozando! e mellor acompañado é imposible!

Déixovos con algunha foto, se queredes ver máis sobre a actividade de forma pormenorizada visitade o blog do Jesus ou o do Pablo, neste último tamén poderedes ver un vídeo sobre a actividade.

http://jesusalmarza.blogspot.com/2010/08/sabado-31-julio-23-tresmiles-2350-m-de.html

http://www.pablovelasco.com/dblog/storico.asp?s=Perdiguero


Os catro máquinas antes do comezo das dificultades, que nunca pasaron de IV, na foto Fernan, Jesus, Jorge e Pablo antes de comezar a arista dos Gourgs Blancs

Jesus na arista dos Gourgs Blancs

Baixando do Jean Arlaud cara o Port d´Oó, vese a cresta de Seil de la Baque

Jorge e Pablo nalgún punto da cresta de Seil de la Baque

Esta vez son Pablo e Fernan na cresta de de Seil de la Baque

Jesus contorneando xendarmes perto do pic do Portillón

Descendendo cara o Portillón d´Oó, diante temos o Perdiguero

A ascensión ao Perdiguero ten os pasos máis difíciles, Pablo embárcase unha vez máis e métese pola zona máis vertical e máis rota, non o deixamos volver ir de primeiro porque xa nos liara varias veces!!

Jesus lidera unha das cordadas nun longo de IV durante a subida ao Perdiguero, aquí fixemos un longo encordados e o que tiña gatos púxoos, as cordas eran necesarias pero os gatos puideron quedar no coche.

Comezamos o descenso desde a cima do Perdiguero, o cansancio era importante. Aviso a navegantes: pór bandeiras co teu nome, escribir nomes ou datas en rochas e demais "rotulos" nos cumios é de mal gusto e urbaniza un espazo que é de tod@s, imaxina se todos fixeramos o mesmo!!

Jiorgio chegando á cima do Perdiguero, ao fondo o lago do Portillón e á súa dereita vemos a presa e alvíscase ao seu carón o refuxio do Portillón

Chegando ao pico Royo, diante temos o Maupas, obxectivo para o día seguinte.

Chegando ao refuxio, as nosas caras falan por si mesmas, iamos realmente reventados!

Segundo día, Jorge no noso primeiro tresmil Punta Mamy, camiño do Crabioules

Boa foto que me fai o Pablo mentres o Jiorgio me asegura na arista que está próxima á agulla Jean Garnier, entre o Crabioules e o pico Rabadá.

Máis nesta preciosa arista, o Jiorgio atado a min en ensamble e, ao fondo, a cordada de Jesus, Pablo e Fernan

Descendendo cara a brecha que nos separaba do pico Rabadá

Jesus, Pablo e Fernan nun dos dous rápeles que había que facer para este descenso

Jesus, Jorge, Pablo e Fernan na cima do pico Navarro, o noso último tresmil, o marrón entraba por Benasque e decidimos non seguir ata o Maupas que se ve perfectamente desde este punto. Non está mal rematar a aventura cos dous tresmiles que homenaxean á celebre cordada aragonesa Rabadá-Navarro!!

O descenso polo val de Remuñé é longo e salvaxe, na foto Jesus e Fernan xóganse o tipo no río. Deixaramos un coche na entrada do val (fronte ao hospital de Benasque) e outro no parking de entrada ao val de Estós por onde comezamos a ascensión.

2 comentarios:

  1. Un placer disfrutar de estas actibidades con vuestra compañia, la proxima seguro que sera peor: mas largo y peligroso... Seguro que os dejais engañar de nuevo. Abrazos pa tos

    ResponderEliminar
  2. Para la próxima iré entrenado y te sacaré los colores. Realmente siempre es un placer compartir montañas con vosotros, la compañia no podría ser mejor.

    ResponderEliminar