domingo, 26 de novembro de 2017

Montrebei. Paret de Catalunya: Tempestad Nocturna + No Future

Montrebei é ese lugar onde che toca experimentar todo tipo de sensacións, as veces alucinas coa calidade das vías, outras coas súas peculiaridades, tamén sofres, exposte, éncheste de terra, podes asarte de calor ou pasar un frío demoledor... mais cando saes por riba a sensación soe ser boa, alén de que fixeras unha vía máis ou menos longa, e cada rota atesoura algunha característica definida e moi marcada, poden gustarche ou non mais neste lugar as liñas de ascensión teñen tal multitude de personalidades que as fan meritorias de adxectivos propios da condición humana: vías con sentimentos.
A Tempestad nocturna é un rutón, bonita e de currar, non ten ningún longo no que te poidas relaxar e, no entanto, tampouco é excesivamente dura, porén non vaiades moi xustos porque o grao está apretado e penso que obriga en 6b claramente. Estética, vertical e aérea, traza unha diagonal na procura das fendas que cortan o piar e vai salvando varios teitos, moi continua e co material xusto para pasar sen manchar os pantalóns. Unha xoia que nos levou sobre 8 horas. Nós fomos perfectamente co bosquexo da guía de luichy... déixovos un enlace ao de camptocamp, que non me parece ningunha marabilla máis ten unha boa descrición por longos.
A No Future ten outra personalidade. Unha vía ben bonita e rápida, cunha rocha curiosísima e magnifica na maior parte do percorrido (e algunha zona puntual rota), que perde algo de atractivo no L5 e na que hai que buscar a saída na parte superior. O primeiro longo é fantástico e o grao está bastante cómodo. Bosquexos moi bos no blog de jesusalmarza.

Martin camiñando polo congostro entre a néboa. Mañá ben fría.
De novo Martin, agora Chegando á R1, 7b+ (6b+/A1), un dos máis laboriosos e difíciles. A zona onde caeu o bloque ten algún pitón para pasar e vaise facendo.
Comezando o L3, unha trave estética cun paso apretón para superar o teito, 6b. Había algo de vento e iamos algo tesos de frío.
O L4 está algo descomposto, 6a
Ao chegar o sol todo mudou e comezamos a gozar, este é o inicio do L5, 6c/Ae, a parede de Aragón maxestuosa!!
O L7 é continuo, comeza cun teitiño fendido de 6c/A1 e continua por unha bavaresa de 6a alucinante, sen tregua e posiblemente algo máis duro do que pon no papel.
Creo que é o L8, fenda bonita, 6a.
Fotón que lle fixen a  Martín na trave do L10, V+. En troques de facer o péndulo diagonal aproveitamos un cordino longuísimo que alguén deixou no pitón superior e que fai este longo menos engorroso e máis estético. Boa iniciativa!

O L11, non infravaloredes a saída, V+, ata o rabo todo é touro!!
Xogamos en No Future. Esta vez fun con Lucas, é o que vedes na foto escalando o L2, V+.

Lucas de novo chegando á R3, 6a+, as cores do Noguera, preciosas, deseñan a súa silueta!!
O meu compi dándolle estopa a esa fenda do L4 que uniríamos perfectamente co L5, 6a.
O L7 que nos leva ata o cumio, hai que buscar! V+.

O milagre das pedras florecidas!! A natureza en Montrebei ten sentimento!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario