venres, 2 de decembro de 2016

Mallo Frechín: Aires del sur + Negro sobre rosa

Dúas máis do universo riglense que tiña sen facer, nada en particular pero as dúas navegando no mundo Frechín polas bandas. Este mallo estase convertindo no referente das vías pracer de Riglos, case todas as rotas que o percorren están bastante equipadas e non obrigan demasiado, unha boa alternativa cando queremos escalar tranquilos e nun grao aceptable, porén a gran afluencia de cordadas e a baixa calidade da rocha sitúanos nunha ecuación de carácter simple, cuxa constante mostra pedras voando e persoas embaixo. Despexar a incógnita é fácil... teñamos coidado e busquemos rotas alternativas cando haxa cordadas por enriba.
Menos mal que os amigos me sacan de paseo... un día Martin e outro Suli, compartindo corda e bo rollo. A Aires del sur é unha vía interesante, situada un pouco á marxe das aglomeracións, na que cómpre salientar os dous primeiros longos, aínda con certa terra nos cantos e algún pasiño algo obrigado que lle dá interese, en conxunto un bo traballo e unha vía que mellorará co paso das cordadas. A Negro sobre rosa é algo diferente, claramente máis fácil e menos obrigada, recupera a vía da Rosaleda e soluciona a parte final con tres longos no muro virxe superior, levándonos ata a cima do Mallo de Enmedio. Bo traballo de indagación e de limpeza dos aperturistas. Os bosquexos en Mundo vertical e en Sueño vertical

Martin saíndo do abismo no L1 de Aires del sur, 6c
De novo o meu compi buscando a maneira neste L2, 6c+
Martin sacoume a corda e aló vai, este é o L3, 6a.
Negociando a panza de saída deste L4, 6b.
Xogamos en Negro sobre rosa, Suli no L1, V, común coa Rosaleda! e coa Tacones rosas de la tía Glori!
Na fácil travesía do L3, III+.
Fotón do Suli na mesma trave!
No L4 a rocha non é moi boa pero coido que é dos mellores, V+/6a.

Suli comezando o torreón final, este é o L6, V+/6a
Outro fotón de Suli no L7, outro dos bos, 6a+
O meu compi nese mesmo longo, ía algo de friaxe!
Escorzo escalatorío de Suli que é un artista, he he, O último longo cunha panciña que había que facer! 6a.
Unha cordada en De naturaleza salvaje, superando o "teito do cu estreito". Foi unha pena non gravalo porque uns segundos despois da foto, cando xa parecia que saíra do teito, pegou un voo ao baleiro que, nese teito en concreto, lle debeu pór a tope a glándula esa que... nos pon as pilas a to@s de cando en vez. Si! a do esfinter traseiro!

Ningún comentario:

Publicar un comentario