mércores, 19 de outubro de 2016

Peña Bovín (Tozal del Vero): No se lo digas a nadie.

Rota seria. Complexa, laboriosa e que non dá tregua en ningún longo. A Peña Bovín (ou Tozal del Vero) é a raíña do lugar, con rotas modernas en libre impulsadas por fortes escaladores, aperturistas incansables, que están convertindo este precioso recuncho de Guara nun terreo de aventura excepcional. Neste caso foi outra liada... como son algo mindundi necesito acicates e Chavi pode liarte en calquera empresa, alén de que eu déixome fácilmente; á vía xa lle tiña botado o ollo aínda que sabía que non era o tipo de escalada do que máis gosto, entre iso e a fama de malvada sempre ia quedando para máis tarde, he he, o impulso de Chavi foi definitivo e aló fomos cargados con todo para darlle estopa.

Contan os mentireiros sobre as covas de Alquézar que aló habitaba unha meiga que se facia chamar Bovina, durante a reconquista foi expulsada polos cristiáns e, contraríada pola senrazón humana, procurou un lugar onde a maxia poidese existir ceibe, deste xeito adornou o río Vero con todo tipo de formacións e avalorios, modelou a rocha construíndo precipicios e esculpindo formas de beleza indescritible, chamoulle “o Vero encantado” e sentiuse tan orgullosa que se deu a coñecer como a demiurga do lugar, e aló se agacha desde entón. Mais a meiga non quedou tranquila e, temendo que os humanos chegasen a construír máquinas que desfixesen a súa creación, soltou ao longo do Vero algúns trasnos e diaños para que facendo das súas impedisen a colonización. Hoxe nada sabemos da meiga mais, polas noites, pódense ouvir pequenos movementos e ruidos que nos aseguran as trasnadas, e na Peña Bovín, o diamante máis brillante creado pola meiga -ao que lle deu seu propio nome-, é onde máis se verifican estas falcatruadas. Aló vive un trasno, as agachadas viaxa pola tapia grazas ás multiples canais que ten escavadas na rocha, aquí rompe un canto, aló tira un buril, máis adiante roe un cordino dunha ponte de rocha, hai chumbos (plomos) que non se sabe onde van… cantos máis anos leva unha vía máis trasnadas ten, vainas facendo aos pouquiños para que non se note, mais incalsablemente o trasno da pena vai destruíndo todos os restos humanos, facendo o labor que a meiga lle tiña encomendado.

A No se lo digas a nadie é unha rota de artifo principalmente, alén dalgunhas saidas en libre delicado, con certa exposición, moito traballo e algunhas batallas. Penso que a estratexía máis realista é facela en dous días (rematar nun día paréceme só ao alcance dos escollidos), o primeiro ata a R3/R4 e o segundo ata arriba; nós tivemos un pequeno problema -unha uña que quixo saltar e un pequeno golpe que levei nas costelas, curiosamente no mesmo sitio no que me deu unha pedra hai 20 anos- e aínda que rematei o longo notaba bastante dor ao respirar e ao levantar o pé dereito, porén na parede a loita seguia parecendo "animada" asi que... descendimos desde a R6 para volver unha semana despois e, como repetir outra vez eses longos non era opción, atacamos por arriba grazas as indicacións de Edu (reverencia che ofrecemos por librarnos deses primeiros longos!! he he), xabarineamos ata a cima e rapelamos ao lugar onde o deixáramos unha semana antes, deste xeito mesmo arranxamos algunhas cabronadas para non sufrir demasiado durante a subida -si, somos algo caguetas-. Estes avatares fixeron a vía máis humana pero non a infravaloredes, ningún longo se deixa escalar sen oficio, alén de que terás que pensar abondo e botarlle morro para superar algunas zonas. A nós pareceunos que cos anos, talvez debido ao trasno, foron desaparecendo algún buril, chumbos (plomos) e deteriorándose pontes de rocha, o resultado é unha rota moi laboriosa, difícil e delicada, na que hai tensión, con seccións que destilan certo veleno en practicamente todos os longos. Levamos un bosquexo da primeira repetición, cortesía do señor Ballart, moi bo e moi detallado, aínda que con máis seguros dos que hai actualmente... ao final da entrada podedes ver un propio que creo servirá, con info actualizada e todo o necesario para repetila. A piada de Chavi nos caracolesmajaras non ten desperdicio, VENENO!

[Sobre o topónimo PEÑA BOVÍN. Cando traballei con toponimia quedoume clara unha cousa: sen documentación é imposible asegurar nada de forma eficiente, agora ben... en Aragón, como noutras partes, existe unha Comisión Asesora de Toponimia (dependente da Dirección General de Ordenación del Territorio -DGOT-) que imaxino ten encomendada a normalización dos topónimos e, seguramente, colabora cos cartógrafos para mellorar os mapas -por algo os dous organismos pertencen á mesma DGOT-. Por esta razón parece importante o feito de que na cartografía apareza Peña Bovín (topónimo aparentemente transparente), talvez foron os lugareños os que nomearon esta pena co nome propio da gandea do momento, motivo común a toda a toponimia aplicar as características da actividade humana á nomenclatura, ergo, gando BOVINO, que en aragonés, como ocorre con moitos topónimos asturianos, se denominaría BOVÍN (nda que non pareza zona de gando vacuno, pola escaseza de pastos, era común a todo o territorio a utilización destes animais para labores agricolas). Non sei cando se dá o de Tozal del Vero pero, sendo un nome máis romántico e talvez máis propio de visitadores que de lugareños, na zona tamén é común o uso do corónimo TOZAL,  voz aragonesa da que se descoñece a procedencia (pénsase que vén dunha forma prerromana Taucia=tocón dunha árbore/ pasou a Tozo=cousa voluminosa/ e de aí ata o significado de Tozal=teso, cima ou alto)  non sei se podería ser o topónimo máis adecuado para unha pena que, probablemente, fose unha referencia para a xentes lugar. Por outra banda, tamén hai que ter en conta a pequena posibilidade de que un accidente xeográfico reciba máis dun nome. Cómpre ver catastros e documentación local... labor dos técnicos! ]
[Pd: enviei un correo a toponimiaaragonesa.org pero aínda non recibín resposta, se me contestan intentarei difundir a nova]
Chavi comezando por unha fenda evidente que ten algúns cordinos, a entrada orixinal foi secuestrada por unha planta trepadora -cousas do trasno da pena-
O meu compi na parte final dese traballoso longo. Unimos L1 e L2 do bosquexo orixinal e é a mellor opción.

O L2 é o mais humano, un precioso diedro para libre cómodo e unha placa finísima na que tiven que pór un pedal e estirarme abondo para chegar á reu.
Os voitres asexan a Chavi neste laborioso L3.
Mais o meu compi ao seu, e traballándose o desplome!
Exemplo de como destrozar o cable do entalador!! pero que gustiño dá enfialo!
Coido que atopamos catro chumbos en toda a vía, este era sen dúbida o exemplo de como currarse un chumbo. Os demais nin miralos, é dicir... cólgaste a tope pero non os miras!!!
Recursos Chavi, o cravo quedou moi ben coa falquiña! O curioso é o desconchao con furado por riba, en tempos houbo un buril pero foise coa rocha, cousas do trasno cabrón!

Yumars e estática para comezar o día, non hai como yumarear para facerlle sitio ao almorzo!
O noso L4, hai que curralo e salvar os obstáculos máis vaise facendo!
Coido que é o L5, non hai tregua e segues con seccións onde darlle á cabeza e botarlle morro.
Este é o L7, na R6 foi onde o tivéramos que deixar por un pequeno golpe nas costelas, aqui regresamos pero por riba... que repetir os primeiros longos era gozar demasiado!

O noso noveno longo e último, a Cova da Figueira, actualmente limpa, saneada e preparada para pasar sen cravar, mais non é fácil... ainda que vendo o que deixas atrás isto é unha gozada. Aqui únense dous longos e chegas ao cumio escalando como as persoas, probablemente do mellor da vía...
Un dia con tempo púxenme a riscar e foi saíndo este bosquexo, coido que ten todo o necesario para repetir a vía sen problemas. Atade ben os gatos e paciencia!!




2 comentarios:

  1. El fisurero de cable haciendo de puente de roca en lugar de un cordino tiene su explicación.
    Utilizo ese recurso cuando la posición es incomoda y sólo puedo usar una mano, la rigidez del cable me permite hilar con facilidad el puente de roca a una mano y a continuación de nuevo solo con una mano chapo el extremo del fisurero que se puede escapar en la foto el izquierdo y tiro de el para chapar el otro extremo del fisurero.

    Hacer todo eso con un cordino que se resiste a entrar si el puente de roca es estrecho o con giros y luego hacer un nudo con una mano me resulta imposible.

    Chavi

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Imaginé eso en cuanto lo ví, además a veces no está el horno como para pararse a dudar, lo que entre más rápido!! he he, Por cierto... gran piada, expontánea y del realismo más auténtico, para temblar de terror!! ha ha, VENENO!

      Eliminar