domingo, 30 de outubro de 2016

Arguis. Pared de Bonés: Bloka + Maldita sea mi suerte + Acabruñar

Para estar ao sol e gozar de vias pracer non hai como achegarse a esta parede. Ultimamente estou comezando a apreciar moito esta zona próxima a Huesca: o carreiro de acceso mellorou considerablemente e agora faise moi cómodo, a miña sensación das vias tamén está mellorando (niso influíu Monsanto la muerte... mais non só ela!), a rocha alucinantemente curiosa (pena que non dea máis canto) e o lugar, mirador privilexiado, que te amosa a beleza da natureza e o insignificantes que somos respecto dela.
Son tres as vías das que falamos. Hai uns días fun con Toño a facer Bloka e Maldita sea mi suerte, as dúas da factoría Suli/Óscar, de características parecidas aínda que con algunhas variedades, que se algo de empotre, que se fenda esvaradiza, que se placa fina ou greta vertical, con algúns longos bonitos e onde hai que apretar... nas dúas atoparedes estes condimentos e sairemos satisfeitos por seren en conxunto unha boa actividade. A Acabruñar abrírona Edu e Marta, é a segunda vía que se fixo nesta parede e tivo que ser reequipada debido a unha desfeita accidental, para min xenial porque, despois do reequipamento, casualmente coincidin con Suli e Óscar que me adoptaron para a primeira repetición. A vía é similar a todas as demais nas placas e nalgunhas fendas, nada que salientar ata chegar ao último longo que a min parceume ben bonito, principalmente a saida da reunión, un empotre de mans precioso e de colocarse. Todos os bosquexos cortesía de Óscar en guaravertical.

No L2 de Bloka, 6b

Toño no L3, embaixo del hai unha fenda de apretar e con pés sucios e esvaradizos, 6c
Agora en Maldita sea mi suerte, saíndo da R2 podemos gozar da vista de todo o val.
O inicio deste L3 é plaqueiro fino... e mellor con envergadura, 6b. (sii, xa sei que a palabriña dá xogo!!!)

Xogamos en Acabruñar. Suli plaquea no L2, un pasiño ben esvaradizo, asegurado atentamente por Óscar, 6a+.
A saída do último longo, un empotre boísimo no que poden vir ben os guantes, 6c.

Preciosa foto que me fixeron os meus compis, magnífica sección de empotre de mans!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario