martes, 13 de setembro de 2016

Ansó: ¡Biba Fidel! + Nora hora ardi galdu hori?

Persoalmente non acho a comprender como non coñecía este lugar, parece mentira pero nunca subira trepar neste precioso val de Zuriza que vive entre a Jacetania aragonesa, Nafarroa e a Francia do soberbio val de Lescún, coas agullas de Ansabere dominando o horizonte. A única desculpa posible sería a nugalla, alén doutras prioridades, mais as calores intensas destes días levárome na procura de camiños de frescura e seguro que repito porque, polo que puiden comprobar, alén de múltiples e interesantes vías, en verán pódese trepar á sombra pola mañá e pola tarde cunha temperatura aceptable, só tes que escoller dun lado ou doutro da estrada. Para as vías laboriosas mellor buscar o entretempo. A rocha pasa de mediocre, con algo de verde, a longos excepcionais de rocha inmellorable sobre unha caliza gris que te transporta directamente á cordilleira Cantábrica.
As dúas vías foron abertas en solitario polo prolífico aperturista do lugar Luzio Egiguren, son vías practicamente equipadas pero ben abertas e onde hai que escalar. Un bo traballo que hai que agradecer!
¡Biba Fidel! vai na procura do espolón Solitario evidente que hai á dereita da parede de Espelunga... o inicio hai que buscalo un pouco e os primeiros longos están algo rotos, e son algo matogueiros, maís a cousa mellora cando comezas o longo do 6b+, entón todo vai mudando para gozar dun final magnífico sobre o espolón Solitario, coa mellor rocha que poidas imaxinar; levade un xogo de totems. O descenso pola barranca de Espelunga é algo penoso, primeiro debes contornar a parede por riba intuíndo un camiño de xabaríns e logo descender unha barranca na que nós fixemos 5 rápeles e demos algunhas voltas, hai que tomalo con calma e leva o seu tempo. Bosquexo en lanochedelloro, tamén podedes ver o descenso.
Ao día seguinte repetímos pola tarde na parede de Ur, esta vez escollimos Nora hoa ardi galdu hori?, a partires das 14:30h. xa lle dá a sombra, a vía gústounos bastante máis. Os dous primeiros longos son bos pero están algo sucios, despois hai dous longos de transición e logo comeza un pano de rocha fantástico cunha escalada preciosa e onde se poden liberar os A0 sen ser un grao excesivo -excepto no final do L1-. Vía practicamente equipada (nós metimos un 0,4 e un 1 en toda a vía). Descenso cómodo, máis longo, polas pradarías superiores na procura do GR que nos baixa á estrada, se tedes dous vehículos deixade un ao pé da borda que hai na saida da pista para evitar 1,5 kms de estrada ao regreso. Déixovos un bosquexo escaneado ao final desta entrada. Fotos...
Na Reu que hai por baixo do muro de 6b+. Aqui comeza o melor da vía.
O 6b+ é un paso a bloque con cantos romos e pés lisos.
De como os monos se suben ás árbores!!! he he.
Ao lonxe, o meu zoom pilla o espolón do Italiano, na Karmele unha cordada comeza a segunda parte da vía.
A parte final da nosa vía é moi boa
Os dous longos de 6b poden unirse, interesante para evitar unha reunión algo colgada. Toño en acción!!
Preciosos longos que unidos non superarán o 6b+/6c de conti.
Manolo gozando desa rocha estupenda!!
Xogamos na parede de Ur, Toño no L1 de Nora hoa ardi galdu hori? 6a/A0, o A0 onde vedes a última cinta nunha placa lisa á que non lle vin cor.
Agora no L2, se estes dous longos estivesen limpos serían moi bos!!
Despois doutros dous longos de transición comeza o mellor, este L5 sae 6a+/A0, o A0 é un bloque de arredor de 6c?
O L6 é outro longo magnífico, 6b.
Mais a xoia da coroa é este precioso L7, danlle 6b/A0 pero, aínda que pringuei nun paso, trátase dunha escslada en placa de grande calidade e que non sairá por riba do 7a.
Só este longo xustifica a visita!!
O seguinte é un A1 no que mellor fabricarse algún pedal, excepto o inicio que se rompe... o resto ten cantos para saír en libre pero moi duro
Este foi o bosquexo que levamos, despois de pasarlle o ferro, he he. No Camping tedes todos os bosquexos!!
A foto artística para o descenso... enormes pradarías de encantamento!!




Ningún comentario:

Publicar un comentario