xoves, 14 de novembro de 2013

Cienfuéns: Kundalini

Como se soe dicir... nin tan fácil nin tan rápida! he he. Grazas ao nome das vías ás veces adquirimos certos coñecementos, este é o meu caso con kundalini. O nome non lle vai mal á ruta, parece que fai referencia a un concepto de enerxía que todos temos e que pode significar un portal para crecer cara a nosa consciencia (velaí o miolo, non é pouco!). Á marge de que consideremos, ou non, as diferentes disciplinas ou meditacións que cren nisto, o certo é que parece ser que a enerxía kundalini nace dun chacra na base da columna vertebral e represéntase como unha serpe durmida, ao despertala esta serpe sobe pola columna  activando todos os demais chacras e promovendo a nosa evolución espiritual, cando a serpe chega á caluga prodúcese unha experiencia mística que algúns describen como un transo ou éxtase profundo de conexión co mundo espiritual. 
Para min, que son moi vulgar, isto é un pouco rollo, mais, como nome, á vía non lle pinta nada mal... e digo isto con plena consciencia, he he. Este paralelismo sérveme para sinalar que o inicio da vía ábreche o camiño superior porque é o máis duro, o resto da ruta supón evolución persoal porque non che regala ren, e a serpe vai despertando a medida que nos metemos en tramos de rocha dubidosa que te pode morder. Aínda que polo bosquexo poida parecer das vías "amables" de Cienfuéns eu penso que non é tanto, claramente máis dificil ca Directa Osborne e onde hai que navegar e, ás veces, moverte por rocha mediocre con delicadeza, iso si: ao chegar ao cumio non entras en transo... pero para chegar tes que activar os cracras e, cando chegas, algo de evolución persoal seguro que percibes, he he. Fomos co bosquexo de Juan Corcuera e pareceunos moi bo, simple e efectivo, tal e como nos ten acostumados!

Martin na pista que vai dar á presa, na ladeira (na liña de sol) vemos o refuxío de Peña Guara

Cienfuéns, magnífico!
Martin no primeiro longo, o comezo está moi roto e é delicado pero despois convírtese unha fenda-diedro boísima, o bosquexo chámalle 6a mais a nós pareceunos un bo 6b.

Foto desenfocada da trave do L2, curto pero bonito longo con algo de picante, un paso de A0 e un 6a fino, talvez máis, o fámoso chumbo xa non está, foise de paseo con alguén! aínda así pásase ben só co buril e o pitón!

Matin deixoume o L3, sempre me engana! he he, vas enfiando diedros por terreo no que hai que ir con moito coidado, V+, fixemos reunión á esquerda baixo unha sabina (variante da ruta orixinal)

Martin no L4, desde esta reunión este é un longo alucinante, penso que do mellor da vía, atlético e con canto sobre rocha bastante boa, 6a.

O último longo, fenda-diedro, cheminea... danlle IV+ pero de V/V+ non baixa, mais é o habitual na vía, en xeral penso que se lle podería dar un grao máis a toda a ruta, ou dous nalgúns casos! he he.

Ningún comentario:

Publicar un comentario