mércores, 16 de outubro de 2013

Arguis, parede de Bones: Con Coco y Alicates... e recuperando o cóbado!

Nunca subira trepar a esta parede aínda que estea situada nun dos lugares privilexiados próximos a Huesca. Arguis é, cada vez máis, un espazo de ocio e pracer para correr, andar en bici, patear, escalar (deportiva, bloque ou con ferralla), visitar aos colegas, baños de verán... en fin, un lugar onde gozar das actividades ao aire libre e... ao pé da casa! alén de que desde que Martín, Mari e Carliños se foron vivir aló subo con máis frecuencia! he he.
Levaba como 20 días sen trepar e dopándome con antiinflamatorios, tres sesións de fisio truncadas pola burrocracia e dándolle todo a cariño á tendinite do meu cóbado, masaxes, estiramentos e sesións de frío... sen saber se daría algún resultado. A parede de Bones era un bo lugar para comezar a probar se seguía con molestias e a vía Con Coco e Alicates era das máis suaves. Finalmente foi un bo día, acompañado por Martin as cousas sempre melloran e o tendón só me deu algunha que outra molestia na operación coas cordas permitindome escalar sen problemas... pouco a pouco as cousas ían andando. A rota, equipada por Óscar Buil e Pedro Díaz, é boa para iniciarse en vías de varios longos equipadas e a rocha, típica arenisca de Arguis, é alucinante. O menos atractivo é a aproximación que é un pouco recia, aínda que non me imaxino a Cristian Ravier na procura dun acceso á parede a primeira vez que subiron por aquí... iso debeu ser realmente duro! Podedes ver os bosquexos no blog de Óscar: guara vertical

Martin nas placas iniciais, os catro primeiros longos fixémolos en dous, curiosa rocha nun contorno excepcional. Ao fondo vese o Fonton de Gratal
Martin acata o último longo, o máis interesante da rota! 6b+

De novo Martin saíndo dese último longo, arenisca que na zona branca (nos pés de Martin) ten unha vea de caliza cunha chorreira, para flipar!

Ao día seguinte, para seguir probando o cóbado, marchei con Miguel a Riglos, el quería facer a normal do Puro pero estaba petada de cordadas así que fomos escalar a Todo tiene fin, boa rota que supuña todo un reto para o cóbado e que superou con nota, he he, delicado nas operacións de cordas pero permitiame tirar dos cantos sen problemas!

Con Miguel na cima de Todo tiene fin, unha vía da que gosto e un bo dia de escalada!



2 comentarios:

  1. Paréceme que ese cóbado o que quería era un pouco de acción, hehe

    ResponderEliminar
  2. Non creas! a acción xa lle chegou, he he, algo de estopa e algo de descanso e probando.... a modiño máis sen deixar que pille vicio! saudiños!

    ResponderEliminar