martes, 20 de agosto de 2013

Riglos: Norte do Puro

O día seguinte ao Espolón Este do Midi, despois dunha longa noite de pedra... había que seguir mantendo o espírito das boas clásicas así que nada mellor ca unha Rabadá-Navarro. A noite de Julián e Perico non sei como foi mais pola mañá atopeinos coma rosas, Ángel xa recollera e marchara para Andorra coa familia pero os murcianos seguían con gaña de estopa, a Norte do Puro era unha boa escolla! Esta vía abríuse en 1960, un ano antes do espolón do Fire, está claro que Rabada e Navarro pensaban nel mentres acometían esta escalada. Nun dos intentos anteriores, conta Villarig nunha das súas múltiples charlas, que un ano antes de que se escalara a Norte do Puro fixo un intento con Rabadá no que abriron ata a segunda tirada, nunha longa xornada, tendo Villarig unha caida ao saltarlle unha pitonisa na panza do segundo longo e caendo 15 mts por baixo da reunión (factor 2) encordado cun inxenioso nó inventado por Rabada, e que puido comprobar que funcionaba e non se saiu do encoramento... e dille Rabadá: "este nó quedou certificado como nó Edil" rindo a gargalladas mentres Villarig se recuperaba da caída. Tiveron que abandonar a escalada rapidamente porque o "cabalo de ferro" marchaba en dirección Zaragoza e ao día seguinte tiñan que traballar. Toda unha aventura!!


Nós entramos pola entrada directa da Normal do Puro ata a reunión que está por riba da cova e continuamos en travesía uns metros para facer a reunión da Norte, situados mesmo na liña de panzas que camiña por esa cara do Puro. A vía non ten pasos difíciles nin panzas apretonas mais hai que collela con respecto porque cómpre ler a rocha, protexer algunhas seccións e trepar na procura do equilibrio da escalada pracentera para ir gozando dunha ascensión histórica, que podemos descubrir grazas ao estupendo reequipamento que realizaron Ignacio Cinto e Toño Carasol hai catro ou cinco años. Non esquezades levar un bo bosquexo, nós fomos co de A0 A vista e pareceunos caralludo. Sobre o material penso que cun semáforo de aliéns, 0´75 e 1 de camalot, ademais de 4-5 empotradores medianos-pequenos, teredes máis ca suficiente; van unhas fotos:

Perico comezando a entrada directa da Normal do Puro
Vaites como me creceu o nariz! he he, neste espolón do Fire pensaban Rabadá e Navarro cando escalaron o Puro pola norte
Julián continúa pola Normal do Puro, o trato era que eles treparan a normal e a min deixábanme a norte, sempre gozando!
Perico na travesia de IV que te pon na R0 da Norte do Puro
De novo Perico, a mocidade murciana trepadora en estado puro!! bonito longo de 6a!
As chambonadas murcianas nas reunións! he he, hai que atarse recio que apreta o cu!!!
Os meus dous compis nese L2 da norte, 6a+.
Perico, co Gállego detrás, chegando a esa R2; hai que salvar unha panza moi á dereita.
Julián chegando ao cable do cumio, os longos catro e cinco enlázanse perfectamente e sairán como de 6a.
Con Julián e Perico no cumio do Puro, dous omeyas pura sangues, he he... e dous colegas cos que é un gran pracer compartir escaladas!!

2 comentarios:

  1. Pero esta no ibamos juntos???
    Me eres muy infiel, y eso me pone más....

    ResponderEliminar
  2. vamos cuando quieras... o mejor, cuando sepa quien eres, aunque como imagino que serás Pablo serña un placer repetirla contigo perro!!! he he!

    ResponderEliminar