mércores, 15 de maio de 2013

Ponotx: Alfa Centauro

Escapar con Martín uns días pola costa mediterránea, subidos ao "hotel california", é algo máis ca un pracer... é unha aventura de suavidade e incertezas porque todas as engranaxes van perfectamente lubricadas e a mente camiña "on the road", a vida lévate con calma de tapia en tapia (sempre subido a algunha pena) e de colega en colega, "insha´Allah" é toda a planificación que te fai volver á natureza da vaguedade do tempo, onde pasa sen pasar, onde só existen o día e a noite, onde volvemos ser donos dos nosos instintos; ata que estás debaixo do muro e sacas o bosquexo... ese sendeiro de fendas e ferralla que te levará ao cumio! Ata Alicante veu Julián un par de dias e compartimos rocha, risas e, por suposto, algunhas birras, he he.

A Alfa centauro é unha vía das que realmente valen a pena, cómpre felicitar aos aperturistas porque deixaron unha xoia para os demais, ningún longo ten desperdicio, entras na vía flipando coa escalada e rematas a rota facendo un cuarto que é parte da vía, hai que facelo! e polo medio non hai nin un só longo que se poida chamar de transición, todos teñen miolo, ata o cuarto que te mete no cumio! Personalmente coido que é unha gran vía de corte clásico, do mellor que teño escalado no Ponotx, das máis longas e, case seguro, das máis bonitas. Por internet anda un bo bosquexo e a seguir déixovos unhas fotos.

O primeiro longo é unha fenda ben bonita seguida dunha placa, 6a+, a rota comeza algo a esquerda das Adas.

Martín e Julián no L4, 6a+, seguindo "a cicatriz" que cruza de dereita a esquerda todo este muro vermello.

Continuamos na "cicatriz", este é o L5, tamén de 6a+

O L7 pasa un teito pola esquerda en Ae, realmente o bosquexo pon A2 pero nós non o vimos; na foto Martin traballando!

Murcianoooo, a tope nese mesmo longo!!!

Despois dalgúns outros Ae, un paso de ombros que nos reconcilia cos antepasados e algún longo ben bonito de aventura chegamos ao cumio, algo tostados polo sol mais felices como perdices, ben... o murciano non se tosta só se pon un pouco máis mouro!! he he! Martín gozando da enerxia desa barra de salchichón!

Tozal de levante, Torre de enmedio e Ponotx, neste vemos perfectamente "a cicatriz" e, á dereita da foto, tamén se alvisca a liña deixada pola vía Jesucristo, destaca perfectamente na parede! A rota foi rebentada recentemente e é o novo motivo de polémica na zona!

Ningún comentario:

Publicar un comentario