luns, 10 de decembro de 2012

Riglos. La Visera: Shackleton

Finalmente rematamos de equipar esta vía que nos permite seguir gozando da escalada de novas rutas na Visera, con todos os números para convertirse nunha clásica unha vez que se limpe; levounos tempo porque tivemos que sanear bastante, principalmente na parte baixa, alén da nugalla que nos daba dedicarlle tempo a equipala os días que podiamos utilizar para ir trepar, he he.

Fantástico debuxo-bosquexo cortesía de Armand Ballart, un artista en todos os sentidos!
Bosquexo orixinal

A vía, equipada con chapas douradas, comeza uns metros á esquerda da Torrijos, crúzase con El vuelo del fénix na R1 e coa Moskitos por baixo da reunión anterior á travesía que accede ao Trono; a ruta progresa practicamente paralela a El zulú demente, pola súa dereita. A parte inferior caracterízase pola escalada de panzas e, como soe ser costume na Visera, por ter unha rocha mediocre, principalmente no L1 e no L3; na parte superior a rocha é excelente, excepto nunha panza do L5 que deixamos en A0 (3 pasos), onde ademais de limpar abondo non demos atopado cantos para liberalo (seguro que co paso das cordadas e dalgúns "lolos" se atopará a maneira), cómpre salientar o L6 porque é boísimo. Non me quero esquecer de agradecerlle a Ignacio Cinto todo o seu apoio, unha persoa grande en todos os aspectos. Lembrar tamén que parte da vía coincide cunha ascensión en solitario de Israel Blanco de hai uns anos. Déixovos co bosquexo e algunha foto, espero que a gocedes.
[Pd.- Sobre o grao podedes piar porque nós vímolo así pero... xa sabedes que se trata dun punto de vista bastante subxectivo.]

Nota: Atendendo algunhas suxestións, que agradecemos, subimos a última reunión (R6) uns metros por comodidade (era algo que xa tiñamos visto mais a nugalla...), tamén engadimos unha chapa que mostra a saída das últimas dificuldades e protexe a chegada á nova reunión. (decembro de 2014).

Un día de "maquina" e baleiro baixo o cu!!
Toño no L2 durante a primeira ascensión.
De novo Toño, este cuarto longo é fantástico!
No L5, seguimos no territorio bolo e desplome típico da Visera.
A guinda do pastel é o sexto longo, acho que por si mesmo xustifica a visita: precioso.
A faena de equipar na Visera évos toda unha experiencia, vaia desplomaco!

2 comentarios:

  1. ENHORABUENA¡¡¡¡¡¡ OTRA MAS PA LOS MALLOS , TENDRE QUE IR A ARRANCAR ALGUN BOLO JEJEJEJ AUNQUE NO PAEZ QUE TE ROTA, BUENO YATE CONTARE CUANDO VAYA , UN SALUDO.

    ResponderEliminar
  2. Gracias Edu, hemos limpiado pero en la parte de abajo te puedes quedar con alguno, he he, arriba si no te equivocas será más raro, ya nos contarás del grado, un abrazo

    ResponderEliminar