sábado, 28 de xullo de 2012

Midi d´Ossau: Sur-Este Directa

Despois de un par de anos por fin voltei ao Midi, viñamos de Ordesa onde Toño, Manolo e máis eu fixeramos a Somontano, a idea era subir un día antes a Pombie para facer os 7 primeiros longos do Espolón este pola tardiña... mais... literalmente non houbo corpo; ese día pasámolo na piscina de Panticosa recuperando a paliza que nos meteu Ordesa, xa imos maiores así que subimos ao refuxio tranquilamente a cear, sen tensións que estamos nisto para gozar. Manolo marchara para Riglos que tiña familia que atender, é o que ten a chavalada!!
Cando lle propuxen a Toño subir ao Midi eu faleille da Ravier ao Pilier de L´Embarradère, pero a súa resposta foi que xa a tiña feito e que, entre a aproximación e o descenso, era tal paliza que molaba facela unha vez pero para repetila había que estar moi motivado... un argumento de peso. Deste xeito decicimos facer outra Ravier, tamén preciosa, audaz e técnica... pero na muralla de Pombie, a Sur-Este Directa, a 20 minutos do refuxio. Sempre que se poida... gozando!
A vía é magnífica e bastante mantida. Foi aberta en 1964 por P. Bouchet e J. e P. Ravier e, ao chegar ao cumio da Aguillette Jolly, pregúntaste cómo é posible que estes monstros subisen por eses diedros e placas co material que tiñan (aínda se atopa algún taco de madeira nalgunha fenda), realmente eran uns mestres! Os cravos da vía nunca sobran e, neste caso, quedaron ben asegurados despois dun inverno no que, co xeo, soen saírse un pouco; así nolo dixo o garda do refu cando soubo que iamos escalala, deixounos unha maza e engadímoslle peso ao noso arnés, era certo... a metade dos cravos precisaban dun apretón. A vía levounos algo máis de 9h, tivemos varios embarques que se solucionaron consultando todos os bosquexos que levabamos connosco, que eran varios, por esta razón curreime un bosquexo que podedes ver ao final desta entrada, penso que está completo e que con el non vos perderedes, alen diso tedes todas as indicacións precisas para facer a vía sen problemas. Descendemos polas Viras en 1:10h, están arranxadas para baixar, con numerosos cordinos que van marcando o terreo. Ao final da entrada tamén vos deixo unhas indicacións para que o descenso polas Viras se vos faga máis levadeiro. Agora vexamos unhas fotos.

Toño almorzándose este 6c co que comeza a rota, longo duro no que te aseguras dunha falca de madeira que algún dia a alguén lle vai dar nos dentes

Outra foto no mesmo L1, difícil e laborioso, grado Midi!

De novo toño, no diedro aberto do L3, V

O L4 é o primeiro do grande diedro de 70 mts, Toño en acción neste longo que tamén é duro e laborioso; os empotradores e micros serán os teus mellores aliados, 6c. Por debaixo nosa unha cordada crúzase polas víras da S.E. Clásica.

Toño comezando a segunda tirada dese grande diedro, precioso este quinto longo, 6a

No L6 hai que ir buscar un diedro cara a dereita e logo unha grande ponte de rocha na que facer reunión, V+

Toño de novo, agora no L8 que tiña uns pasos curiosos nestes teitiños, 6a

No L9 cómpre non despistarse para atopar a travesía que vedes na foto, nós perdimos algo de tempo nesta parte, 6a+, longo onde hai que moverse ben.

Toño chegando á R10, 6a+, por debaixo a cordada de franceses na S.E. Clásica e a neboa subindo por momentos comezaba a meternos algo de friaxe

O que escala ese diedro segue sendo toño, he he... monográfico de toño, este e L11, 6a+

A muralla de Pombie imponente vixíanos, unha anarquía de diedros, placas e fendas rodeada desa misteriosa neboa sempre asexando, como a meiga que defende o seu castelo das incursións duns bárbaros cos seus raros cacharros colgados do cinto.

Autofoto ao inicio da vía, ao pé das mochilas despois dunhas dez horas e media.
O Bosquexo (croquis) que fixen, penso que é bastante completo e creo que ao imprimir sairá de bastante calidade, senón pegádeme un toque que volo mando.

 ALGUNHAS INDICACIÓNS PARA BAIXAR POLA VIA DAS VIRAS:


A.- Desde o cumio da Aiguillette Jolly facer o paso da brecha (V, un cravo evidente) e atravesar á esquerda ata atopar o rápel.
B.- Rápel de 25 mts ata unha plataforma herbosa ancha (non baixar pola canal)

(todo o descenso pode facerse encordado en ensamble cuns 15 mts de corda entre escaladores e asegurándose nos numerosos pitóns e pontes de rocha)

1.- Subir por un bloque cun cordino evidente (lado oposto ao rápel) e atravesar xardíns herbosos, primeiro descenso e logo subir ata unha nervadura rochosa (unha fita), os cordinos vannos mostrando o camiño (sempre á dereita no senso da marcha)
2.- Ao pasar a fita, buscar unha especie de canal e desescalala (III) ata unha plataforma, logo subir unha especie de diedro (III+) ata unha vira horizontal (á esquerda nosa porque estamos trepando -dereita no senso da marcha-). Hai cordinos para marcar o percorrido.
3.- Seguir o sistema de viras fáciles con cordinos en pitóns e pontes de rocha que nos mostran o camiño, algunhas desescaladas fáciles e curtas.
4.- Chegamos ao final das viras e por baixo nosa vemos un espolón ancho evidente, pódemos destrepar pero un bo rápel de dous cravos facilitaranos un destrepe delicado (25 mts, ou menos).
5.- Desde o rápel descender varios metros á dereita (no senso da marcha) por gradas fáciles e logo subir, na mesma dirección, seguindo cordinos cara un espolón que se marca no horizonte, e atravesando á esquerda  en horizontal (senso da escalada) para atopar un corredor fácil duns 12 mts.
6.- Baixar o corredor ata atopar unha travesia á esquerda (senso da escalada) por un gran paso (III+) e logo subir para salvar un pequeno pilar; os cordinos seguen marcándonos o camiño.
7.- Seguir as viras descendentes (II) que levan ao rápel final (30 mts), desde aquí ata a pedreira descenso fácil

4 comentarios:

  1. Estades feitos uns máquinas... Pedazo vía e moi boas as fotos!!! Parabéns.

    ResponderEliminar
  2. Si, si, a vía é caralluda pero as fotos... son algo chambonas, he he

    ResponderEliminar
  3. Regalai un cascu a esi jovenzanu que lleves por ahi jejeje un saludo

    ResponderEliminar
  4. Voy a tener que pegarselo con loctite, he he

    ResponderEliminar