venres, 14 de outubro de 2011

Dolomitas exprés: Cassin á Trieste e Roberta 83


Viaxe rápido a Dolomitas aproveitando e abusando da hospitalidade de Diego, cinco días a tope contando con só tres para trepar, a idea de Diego é facer dúas rotas longas, unha na torre Trieste e outra na sur da Marmolada. Baixo do avión en Venecia porque Treviso está pechado por reformas, 30 mn de bus, outro tanto de tren e aparezo en Treviso onde Diego e eu nos damos un abrazo, montamos en Simon (a súa furgo) e saimos disparados cara a Val Corpassa, pizza de camiño, porque algo hai que papear, e pasa das 12 da noite cando chegamos á Capanna Trieste, a unhas dúas horas de pateo da torre Trieste. Todo vai a correr e eu case non me entero pero ao día seguinte e con unhas 4,30h. do sono pracentero que nos concede Simon estou metido en faena, cando me quero dar conta xa estou colgado dunha tapia dolomitica, mellor non se pode!!
A nosa rota é no espigolo Sureste, vía Cassin-Ratti, aínda que se soe nomear como a Cassin da torre Trieste, 600 mts de tapia alucinante, 22 longos cunha rocha bastante boa contando que estamos en Dolomitas, aínda así hai algún longo no que tes que ir como pisando ovos, lembro o L4 no que nos perdimos un pouco e acabamos trepando por esa rocha amarela onde tes que tirar das ñapas cara abaixo porque se o fas cara fóra quedaste con elas nas mans, dá medo trepar esa rocha e ademais non protexes nada, da R3 tedes que saír totalmente en travesía á dereita como 8-10 mts, hai dous cravos enriba da reu pero non os sigades porque vos metedes en territorio cabrón (dígoo por experiencia), nesta zona debe perderse todo o mundo porque hai tres reus bastante próximas, a nosa é a que está máis á esquerda (R4) e o seguinte longo continúa por debaixo duns teitos saíndo da reu cara a esquerda, hai cravos pero hai que velos. O resto da vía séguese ben, unha rota bestial, con longos atléticos e bastante física no seu conxunto, outra obra de arte dese monstro chamado Riccardo Cassin, aberta en 1935, sen palabras, para quitarse o chapeu e recordar... con moito respecto. A baixada tamén ten o seu, finalmente e por indicacións dun colega de Diego, baixamos a primeira parte da torre, ata a gran vira, por un sistema de rapeles superverticais nos que podedes pillar reus con paraboles (son doutra vía), cóllese ao rematar a canle de saída da via á dereita, uns metros antes do cumio, dous paraboles cun cordino azul, nós fíxemos os dous primeiros e logo seguimos con tres ou catro rápeles máis de cravos, no penultimo quedas algo no aire e costa chegar á parede, grazas a eses rápeles non penamos nun descenso con frontais (ou nunha noite conxelados na cima), despois séguese a vira ata unha gran canle que hai á dereita e continuanse outros 4-5 rápeles ata o chan, finalmente tivemos que acender o frontal porque no último rápel se nos enganchou a corda e houbo que subir a soltala. A rota levounos 10h, e dous a baixada, e Diego dándome caña para que fose máis rápido, hai que foderse!! iso é algo que fago eu habitualmente!! he he, o tema é que os catro ultimos longos de Vº fixémolos nunha hora, nesa parte creo que non baixamos de 150 pulsacións, he he, iamos subidos nun ferrari, he he. O dito, un viote!!
Esa noite durmimos na casa de Diego ata que o corpo dixo basta. O día seguinte foi de relax total e tamén de reprantexamento de realidades, decidimos deixar a sur da Marmolada para outra ocasión porque eran 1000 mts de tapia e ao día seguinte eu tiña que estar ás 11h. no aeroporto de Venecia e, aínda que me achegara Diego, tiñamos que sair de Arten as 9h, se pasaba calquera cousa e tiñamos que facer noite na Marmolada (que polo visto pasa máis do que parece) estabamos fodidos! En fin... ese día fixemos un pateo mañaneiro polo Val Canali ata o Rifugio Treviso onde tomamos unhas birras e charlamos cuns colegas de Diego que curran no refu, moi amables... coa birra convidáronos a unha "polenta" (creo que se chama así, hai que probala, son coma unhas tortiñas para picar), rodeados de tapias e de rotas para soñar, un lugar precioso. Pola tarde Dieguin "dolomiti" tíñame preparadas unha apretadas deportivas nunha escola ben chula que se chama Castel Pietra, boas vías... pena que fosen só unas horas! e á tardiña, xunto coa súa moza e uns colegas, fomos escoitar un grupo italiano (romano) de dous tipos, cañeros a tope, que se chaman Bud Spencer Blues Explosion, e que me molaron bastante, porén en compañía de xente tan caralluda a vida sempre é algo máis pracentera, nunca deixedes de ser como sodes porque así sodes autenticos!!
Ao día seguinte non tiñamos que madrugar moito porque decidimos ir trepar ao grupo do Sella, no Piz Ciavazes, unha vía duns 260 mts que se chama Roberta 83, nesta vía case non hai compromiso porque está chapada, aínda que ás veces hai que apretar o cu porque alonxan de verdade, pero é nestas rotas agachadas, que as veces descobres sen querer, onde escalar se convertiu nun pracer, via marabillosa, na que ningún longo ten desperdicio, escalar esta rota é unha obra de arte, un Moises de Michelangelo! estas vías lémbrannos eso da Arte de Escalar, convírtennos por uns momentos nun pincel dando forma a un cadro que sobrevivirá á historia, esta rota só é para recomendar aos amigos. Os meus parabéns a Roberto Platter e a Luigi Felicetti porque descubriron, e crearon, unha autentica xoia para a escalada. Xa postos... ao baixar de escalar, despois de Agordo, non deixedes de parar nun bareto ao pé da estrada que se chama La Estanga, poderedes comer as súas famosas "polpete" (albóndigas) e xuntarvos cun nutrido grupo de escaladores que tamén pararán a comentar as últimas trepadas, de feito, entre novembro e marzo fan unha compe de polpete e apuntan que grupo come más polpete durante estes meses, he he, están tolos estes dolomitis!! poren é unha loucura ben sana!! Podedes ver o bosquexo da Cassin na páxina de Sergio Ramella e de Roberta 83 en Planetmountain. Ben... vexamos unhas fotos.
O tapión da torre Trieste, alucinante!
Diego comezando a vía, IV+, os dous primeiros longos enlázanse perfectamente.
Diego "dolomiti" antes da travesía que nos situaba na R4, VII-, mellor facer a travesía desde a R3, pero uns cravos fora da rota métente en zona cachonda, longo algo expo! Posiblemente o longo chave para perderte.
Buscando a rota cara a dereita da R4, finalmente Diego viu un cravo por riba e á esquerda da reu, regreso e volta a empezar, o tema é que perdemos arredor dunha hora
Finalmente atopamos a liña boa, Diego salvando os teitos do L5, VII+. A rocha melloraba notablemente
Chegando á R6, había unha zona de VI- e logo IV+
Creo que é o L9, magnifico! VII-.
Con este  longo que Diego se pegou a tope de corda chegamos á gran vira, V, a rocha aquí era excelente!
O primeiro longo despois da gran vira era un diedro ao que lle caera unha das paredes, ese gran bloque que se ve nesta foto no chan, detrás de Diego, o tema e que quedaban os cravos espetados nunha pequena pedra que se mantivo, subimos acerando e sen tirar moito dos cravos porsi.., VI.
O L13 era moi bo, Diego chegando á reu, VI+.
Seguro que Diego coincide comigo en que este debe ser o longo chave en dificuldade, a chegada a reu, que fixemos mesmo debaixo do teito nunha ponte de rocha, era obrigada e dura, VIII-.
Boa foto de diego continuando en travesia baixo o teito, despois da travesia pillábase un diedro onde a rocha volvía mellorar, VI-, eran as cinco da tarde e quedaban catro longos, a partires de aquí correndo ata a cima porque nos pillaba o touro.
A foto artística! he he, e móstra onde está o primeiro rápel que hai que pillar despois da gran vira para entrar na canle de baixada.
Paseo polo Val Canali para chegar ao Rifugio Treviso que se atopa ao pé da Pala del Rifugio (a tapia máis evidente que vemos ao fondo) con vías de 700 mts, e á súa dereita vemos o Sass d´Ortiga.
Diego apretando nun 6b de Castel Pietra, chamábase Wisky time, neste muro non deixedes de facer Gargamela, un 6c precioso.
A nosa tapia do día seguinte no Piz Ciavazes (Grupo del Sella)
Diego comezando Roberta 83, ao L1 danlle 6a+ pero creo que é algo máis duro, e hai chapas que tes que buscar con catalexo!
O L2 era curtiño, un 6a que polo menos era 6b/6b+, comezabamos a flipar co grao, he he, como sería o longo de 7a+?
Terceiro longo, 6b, a partir de aqui o grao humanízase e convírtese en normal, he he.
Boas fotos que me fai Diego no L3
Sigo chupando cámara no mesmo longo
Seguimos tirando, agora Diego no L4, 6a, estamos flipando con esta preciosa escalada e na mellor rocha
Diego no L5, 6a, por riba vese o teito e a placa que o segue que serán o longo chave da vía
Entrando no teito do L6, 7a+.
Diego apretando no teito, a saída era un bloque de 7a e a placa que viña a continuación era superfina, 7a+.
Apretando na placa de 7a+ que sería o único que non encadenamos a vista
De novo Diego na placa, había un cambio que costaba de dedos e de equilibrio, boísima!!
O L7 tamén era fantástico, 6a+, por riba non andan voitres... son parapentes!!
Diego chegando á R7, seguiamos flipando coa beleza da vía!
O L8 tamén era do mesmo pao, precioso! 6b/6b+
Comezando o noveno e último longo, 6b/6b+, os pés comezaban a sufrir pero a escalada seguía sorprendéndonos pola beleza.
Diego gozando nese último longo antes de chegar á reu. O descenso tamén era superchulo, unha vira ao pé dunha parede preciosa, un tubo na rocha para destrepar e multiples destrepes de IIº-IIIº ben divertidos
A nosa cara describe a beleza da rota que acababamos de escalar, teño que agradecerlle a Diego que faga de anfitrión e que me leve por estas preciosas vías e neste privilexiado lugar do mundo. Detrás e ao fondo vese o glaciar da Marmolada

Ningún comentario:

Publicar un comentario