luns, 22 de agosto de 2011

CARROS DE ROC

Había tempo que non nos viamos por aquí… mais de novo andamos pillando canto e esta vez cunha historia un pouquiño diferente. Os CARROS DE ROC son unha variante da carreira á que chaman CARROS DE FOC, que se fai no parque nacional de Aiqüestortes i Estany Sant Maurici, agora dícéselle trail-running a estas travesías, en concreto ás/aos máquinas que fan esta carreira circular que pasa por 9 refuxios chámanlles sky-runners, hai que ser un pulmón para facer esta macro-maratón, e nos tempos en que a corren parece misión imposible (a máxima é facela en menos de 24h pero hai quen a fai case na metade do tempo). A versión CARROS DE ROC non é mais que a mesma travesía meténdolle vías de escalada entre refuxios… imos bautizarnos como sky-rochers, entón xa non somos mindundis… somos máquinas de trepar… hai que entender que o márquetin tamén conta, he he!!

En fin, ao tema… resulta que esta actividade comprende as nove estapas que van de refuxio a refuxio. Hai un par de anos un grupo de escaladores tiveron unha visión explendida e decidiron enlazar estas etapas metendo cada día unha ou varias vías de escalada que as unisen, hai que felicitalos porque se trata dunha gran idea! pero ademais fixeron a actividade… e publicouse no Desnivel 288 (xuño de 2010). Desde este día Albert quedou coa nota e este verán andou procurando outro iluminado que o acompañase, e quen ía ser mellor có Jesus, mas isto sempre ten consecuencias así que un contoullo ao outro, enterouse Pablo, contoumo a min, bla bla bla… e finalmente eramos catro iluminados: Albert, Jesus, Pablo e eu, que por razóns de curro me uniría a eles despois da terceira etapa, no refuxio de Colomina. Albert e Jesus fixeron todo o traballo informativo e planificaron a estratexía, un bo traballo porque hai que reservar refus, organizar material e a intendencia necesaria (lembremos que tes que ser autónomo durante 9 dias e escalar normalmente con mochila), ademais de escoller as vías, porque finalmente levabamos preparados máis metros de escalada cós nosos predecesores, sobre o terreo xa o veriamos pero, en principio, a maioría das xornadas escalariamos dúas vías ao día, alén diso algunha rota da proposta inicial decidiron trocalas por outras que parecían máis apropiadas. Alen diso, no medio do traballo descubriron que iamos ser os primeiros en repetir esta actividade, actuar sempre che mostra cousas que desconoces ou, en palabras do Horacio Oliveira de Rayuela, “como siempre, me costaba mucho menos pensar que ser”; sexamos pois, aínda que nos coste, non vaia ser que pasemos pola vida e non nos enteremos!ETAPAS 1, 2 e 3: As tres primeiras etapas eu non as fixen, a culpa é dos que decidiron que para vivir hai que currar, eu prométovos que non tomei parte desa decisión… Albert, Jesus e Pablo dicen que son das etapas máis longas para patear e que as vías están bastante ben, principalmente a do Gran diedro. Na primeira xornada foron do refu da Restanca ao Ventosa i Calvell escalando o Drac de Tumeneia pola vía do Gran diedro (220 mts, V+), din que é unha boa vía pero que os V+ parécense máis a 6b, estas cousas só pasan na serra! A segunda xornada foi do refu Ventosa i Calvell ao do Estany Llong escalando a Punta de la Solitud nas Crestes Barrades polo Esperó de rongbuk (400 mts, V). A terceira etapa fixerona entre o refu Estany Llong e o Colomina escalando a 5ª Agulla de Delluí polo Esperó esmolat (275 mts, V); nalgunha destas xornadas pillaron unha “variante” de saída (Pablo ía de primeiro e xa se sabe que ten un trasno que o despista e ao que lle mola a “aventura”) chea de mofo, na que creo que o pasaron de medo, a variante quedou bautizada como musgogénesis, en memoria das placas da Pedriza do mesmo nome, e, aparentemente, pola cantidade de “mofo/musgo” pola que tiveron que trepar.4ª ETAPA: Esta foi a miña primeira xornada, vai do Refu da Colomina ao J. Mª. Blanc, ese día fixemos dúas vías por cordada, agora eramos catro e dividímonos en dúas cordadas, eles subiran dúas cordas para escalar en simple e eu carguei con todo o material dunha cordada ata o refu da Colomina (excepto a corda), seriamos dúas cordadas escalando con corda simple e subindo ata o mesmo punto cando necesitasemos dúas cordas para rapelar, a estratexia estaba servida e funcionou á perfección!! Perto do refu da Colomina hai unha parede que te chama desde a outra punta do estany… é o Pic da Colomina, cunha placa de arredor de 150 mts de bastante calidade, subimos dúas vías que van en paralelo, Pablo e eu fixemos Cigrons amb xampinyons (6a) e Albert e Jesus escalaron De picos pardos (V+), pero o día non rematara… recollimos as mochilas que deixaramos algo altas, para non ter que baixar ata o pé da parede, e enfiamos por un lombeiro orográfico cara noso segundo obxectivo que podiamos ver ao lonxe: a cara noroeste do Pic de Peguera, o cumio máis alto ao que subiriamos en toda a travesía dos CARROS DE ROC (2984 mts), cruzamos o Col de Peguera e estabamos diante da parede vendo o itinerario que nos esperaba, a vía Reiers (325 mts, V+), a rota non é ningunha marabilla pero era unha forma estupenda de acadar a cima e situarnos no camiño do refu, ademais había algún longo que merecía moito a pena. O descenso ao refuxio é por un bo camiño que soe ser a normal do Peguera desde o J. Mª Blanc. 5ª ETAPA: Esta comprende desde o refu J. Mª Blanc ata o E. Mallafré. O tempo era inestable así que mudamos o noso plano inicial, a idea era facer a vía que abriron os pioneiros da CARROS DE ROC no Pic de Sobre Monestero (vía Carros de rock) e ampliar o día con outra rota na Punta Negra. Finalmente decidimos facer algunha vía na Punta Negra porque son semiequipadas e rapelables, así, en caso de choiva, a baixada sería máis amable. Pasamos o coll de la Valleta Seca e, desde aló vimos o Pic de Sobre Monestero e por onde vai a Carros de rock, pareceunos que non enlazaba realmente o percorrido senón que suporía facer un pequeno bucle na travesía. En fin… o tema é que fomos ata a Punta Negra (que queda no mesmo camiño do refu) e escalamos a vía Rock and roll (265 mts, 6c) e, como o tempo ía respectándonos, decidimos escalar tamén Cabrú (235 mts, 6b/Ae), son dúas rotas de placa con algún longo no que hai que apretar, algo de herba e de lique nalgún sitio pero de bastante calidade; no descenso recollinos as mochilas e a chegar ao refu para a cea. 6ºETAPA: Este día foi perdido! fomos desde o refu E. Mallafré ata o de Amitges nun curto paseo cando a choiva nolo permitíu… porque estivo chovendo case todo o día, a noite anterior caeu unha pedriza pola que ata acordamos asustados da violencia coa que batía sobre o teito do refu, ben… acordaron porque eu nin me enterei, é que me levaban desfeito estes bechos pirenaicos! Porén, tampouco foi moi grave porque ese día a proposta publicada no Desnivel era a Cerdá-pokorski do Encantat Xic, e, aínda que os Encantats son a cume “bonita” da zona, polo visto tamén son a escombreira máis grande que te podes atopar, xa tiñamos dúbidas de subir esa vía! Finalmente un día de mus no refu, ollando para as agullas de Amitges que serían o noso destino ao día seguinte e que, por veces, despuntaban entre a néboa.7ª ETAPA: Do refu de Amitges ata o de Saboredo. Contornamos o Estany Gran d´Amitges e escalamos a Agulla Gran d´Amitges pola cara E. vía El diedro (130 mts, IV+), que merece a pena polo diedro do último longo, a primeira parte da vía só é unha transición herbosa para entrar nese magnífico diedro. Baixamos cara o O. e buscando fitas pillamos o camiño do Port de Ratera, a vista de aguia de Jesus axuda sempre! quen ma dera! e despois de subir un pouco estabamos baixo o noso segundo obxectivo: a Punta Estasen polo Esperó Konyoski, pero se ese día a neboa e a humidade non axudaban a animarse… ao chegar baixo a rota vimos un primeiro longo empapado e unha fenda chea de herba mollada que nos puxo a moral polo chan, con esas condicións decidimos que tirabamos para o refu e ao día seguinte máis mandanga. O refu de Saboredo é o máis pequeniño e, talvez, o único con auténtico sabor a refuxio, levábano unha moza francesa e un mozo da Rep. Checa, ademais do bo rollo o tio cociñaba con creatividade, ata o Albert o felicitou cando rematamos de cear, e sabe do que fala porque vive diso; o dito… o refu máis pequeño pero o máis auténtico e, ainda que aló non chegan os vehículos, onde mellor comimos. Os meus parabéns para os dous mozos e o ben que se curran este refu situado nun lugar realmente bonito.
8ª ETAPA: Vai do refu de Saboredo ao de Colomers. A nosa primeira vía é a Taco-locao (115 mts, V) na O. do contraforte de la Tuqueta, finalmente escollemos dúas variantes de entrada que nos pareceron mellores, Jesus e Albert tiraron pola Je suis plus vierge (6b), logo un longo de transición de IIº, continuaron polo diedro de fronte e saíron pola Taco-locao; Pablo e eu comezamos por unha placa moi boa á esquerda chamada C´est beauh, c´est bio! (6a), logo o mesmo longo de transición para pillar a Taco-locao, que ten un segundo logo bastante bo, e saímos por unha fenda, variante tunante, que Pablo víu e que deu de resultado unha saída de 6a/6a+ cuns bloques rotos que finalmente tiramos, aínda que apoiandose antes no meu ombreiro… sen consecuencias saímos detrás de Albert e Jesus que contornando o contraforte por riba xa se metían no diedro onde comeza Jocs paralimpics (230 mts, V+/A1), o segundo longo desta vía viu como primeiro Albert e despois eu baixabamos co rabo entre as pernas, o A1 era o paraiso de calquera escalador: un diedro herboso, mollado e roto, pasar por aló era algo expo pero principalmente unha porcallada de ir arrincando terróns mollados da fenda para meter algún friend, á esquerda víase unha liña máis limpa pero moi expo sen cravar, ademais podía estar algo rota, nunca o saberemos ata que non voltemos cuns pitóns! O tema é que nos baixamos… contornamos a parede para pillar unha canle de descenso, despois un universo tolo de grandes bloques e buscamos enlazar co GR-11 ata o refuxio de Colomers.

9ª ETAPA: A última etapa levaríanos desde o refu de Colomers ata a o da Restanca, onde comezara todo, e desde aló ata o coche que nos levaría ata a birra desexada. Ese día Pablo tiña presa por baixar, e neste caso non era polas cervexas, así que madrugamos e subimos rapidamente o Port de Caldes, desde o que se ve perfectamente o noso obxectivo: El maravilloso mundo de los Pax (135 mts, 6b), na cara sur das Agulles de Mangades, esta vía ten dous longos en placa perfectamente chapados e moi recomendables, descendemos a toda ostia cara o refu e desde aló a pillar a pista ata o coche. O que pasou despois case queda entre nós, aínda que podedes imaxinar… había unha chatis cachondas esperándonos, que nos axudaron a tomar uns baños e felicitáronnos cariñosamente pola actividade, convidáronos a unha boa cea, fixéronos o amor apaixoadamente, logo déronnos unhas maxases relaxantes e, finalmente, choraron tristes mentres nos despediamos porque nunca poderían volver a sentir a paixón despois de ternos coñecido, así foi, tal e como volo conto! e polo que soubemos despois isto pasalle a todos os que fan esta actividade!!!

A MODO DE CODA: Estamos diante dunha actividade de tipo pireneista, moi interesante para tod@s os que gocedes das aventuras alpinas. As vías soen presentar unha dificultade aparentemente asequible, mais non debemos esquecer que nos atopamos en terreo sen equipamento, ou case, onde debemos orientarnos para atopar a vía, seguir a rota e atopar os decensos máis “harmoniosos”… e todo isto sendo completamente autónomo durante 9 días, ademais non hai que esquecer certo aillamento que lle imprime algo de carácter á travesía, e algunha importancia ao condicionamento físico, non esquezamos que, segundo os dados que se currou o Jesus, todos os días fixemos entre 6h e 9h de actividade (en total case 67h), superamos uns 7879 mts de desnivel de subida (que tamén baixamos porque voltamos ao mesmo punto) e escalamos uns 2160 mts de rocha; quero dicir que se trata dunha actividade recomendable para moita xente pero con algo de experiencia en moverse e trepar pola montaña.
Dito isto, tamén digo o contrario… he he… se buscades vías de calidade, rocha excelente, apretadas de gozar e cumios coma os Drus… este non é o sitio; estamos a falar dun lugar precioso pero con montañas modestas, paredes modestas e rotas de calidade mediocre ou mala, aínda que hai excepcións realmente boas. Os refuxios son bastante bos, con moi bo rollo en xeral, aínda que a comida pareceunos algo mediocre (salvando o de Saboredo no que foi excelente), principalmente se contamos que a moitos deles se pode subir en todo-terreo ou taxi. Os prezos son relativamente caros e hai bastante xente nesta época, seguro que acrecentado polas facilidades que administran nos diferentes vales para que a xente suba a dar un paseo por, por suposto, un prezo módico, ergo… lembrade reservar con bastante antelación. En conxunto unha actividade moi interesante que se pode facer á carta, escollendo as paredes e rotas que máis vos motiven e, disto estou seguro, onde gozaredes dun contorno sen comparanza nunha parte humida e salvaxe deste precioso anaco do Pireneo catalán.
Ben… despois deste peñazo déixovos con algunhas fotos e lémbrovos que haberá unha peli, máis que peli film! que se está currando o noso Ridley Scott particular… e en canto Pablo acabe de montar porei un enlace á súa páxina para que o vexades, eu vin o trailer e asegúrovos que non vai defraudar, he he.
Chegou o filme... podedes velo no Blog de Pablo, espero que o gocedes!!


Jesus navegando no Gran diedro

Pablo pedriceando nas placas de Cigrons amb xampinyons Pablo continua plaqueando en Cigrons amb xampinyons mentres o Jesus, por riba, resolve a zona desplomada de De picos pardos


Pablo de novo nun diedro bastante bo que había na primeira parte da Reiers


Parte superior da Reiers, xa vemos a chimenea de saída, Albert comeza o longo mestres Jesus o asegura.



A placa fina de 6a+ en Rock and roll

Pablo no último longo de Rock and roll (6c), tamén tiña unha placa fina e con de lique, molestaba pero non impedía! Enriba vese ao Albert e ao Jesus


Outra visión do Pablo apretando no mesmo longo


Agora o Albert en acción, saíndo do teito de Ae en Cabrú.


De novo Jesus e Albert, agora comezando El Diedro na Agulla Gran d´Amitges


Saíndo do último longo de El Diedro na Agulla Gran d´Amitges


Dúas cordadas en paralelo no contraforte de la Tuqueta, Jesus comeza Je suis plus vierge (6b), e eu arrinco na placa de C´est beauh, c´est bio! (6a).


Jesus faime esta magnífica foto nesa preciosa placa, C´est beauh, c´est bio!


Albert apretando na parte superior dese longo, Je suis plus vierge (6b).


Agora é Pablo na saída de C´est beauh, c´est bio!


Pablo de novo, agora currandose o segundo longo da Taco-locao, foto con ambiente!


Outra visión, agora desde enriba, dese L2 da Taco-locao


Talonando na variente de saída que fixemos para fuxir do diedro mollado da Taco-locao, (variante tunante) que nos costou algunhas suores e un pequeno susto con bloques soltos.



Magnífica foto e magnífico segundo longo en El maravilloso mundo de los Pax, 6b.


Outra visión, desde enriba, agora é o Jesus o que navega nese mesmo L2 de El maravilloso mundo de los Pax, estupenda placa perfectamente asegurada


Catro iluminaos!!


A pista que nos levaria ata o coche onde lles esperan aventuras insospeitables a todos os participantes da CARROS DE ROC!!



Ningún comentario:

Publicar un comentario