xoves, 1 de febreiro de 2024

El Peñotillo (La Maliciosa): Diedro Mogoteras e Son Rumores

De volta escribindo algo para arquivar/socializar, exercicio que non quero deixar de facer alén de que cada día me coste máis poñerme diante do computador. Hai uns meses, fuxindo das persistentes choivas deste ano no noroeste, e como tamén estaba o concerto de Screamin' Cheetah Wheelies en Madrid, marchei a ocuparlle a casa a Pablo unha tempada e que me sacase de paseo. O tempo estivo algo raro tamén na zona centro pero poidemos aproveitar e gozar da compañía doutros colegas, neste caso tamén nos acompañou Ivan, enorme persoa e especime trepador de calidade, he he.

Nunca escalara no contorno da Maliciosa. O Peñotillo é unha parede un pouco máis modesta que podemos ver á súa esquerda e un pouco máis baixa segundo ollamos para a serra, como a unha hora a pico camiñando desde o aparcadoiro da Barranca (ao se accede desde a vila de Navacerrada). A rocha é excelente, percorrida por placas e fendas de calidade cunha lonxitude de arredor dos 100 mts. Ese día ía fresco e, pola tarde, levantouse vento asi que fixemos dúas vías e saimos pitando. Quentamos no Diedro Mogoteras, clásico a tope e moi recomendable para tomar contacto, e despois fomos apretar na Son Rumores, cun primeiro longo moi bonito, aínda que cun final finísimo de placa, porén necesario para a beleza granítica dos longos superiores, máis humanos e de grande calidade. Perfectamente equipada. Unhas fotos

Na segunda tirada do Diedro Mogoteras, V+

Iván gozando do L3 do Diedro, tirada longa ata arriba.

 

                  Video que me fixeron no L1 da Son Rumores, pouco durei subido a esa placa, he he.

Ivan soluciona con mestría o L2 negociando unha fendiña preciosa, 6c.

Bosquexiño que fixen da situación das dúas vías, fusilando unha foto da zona central do Peñotillo que saia por internet e que espero que non moleste a ninguén.

Ao día seguinte que daban malo fomos coñecer San Martin de Valdeiglesias, este sector El Callejón ten moi boas vías. Pablo baixando de Elevando los sentimientos, un 7b ben chulo... e ao solazooooo!!!



Ningún comentario:

Publicar un comentario