martes, 9 de febreiro de 2016

Patagonia 2016: Fitz-Roy pola Supercanaleta, Guillaumet pola Brenner e outros contos


Se tivese que describir estas montañas da Patagonia cunha primeira impresión diría que son unha experiencia educativa. Un alpinista aprende de vivir nestas montañas… o sur profundo lévate ao lado salvaxe, a percorrer montañas de lenda sen ningún medio ao teu alcance, é un andinismo primario, dalgún xeito cohetáneo do que desenvolvían os clásicos mais con tecnoloxía atmosférica, unha mudanza fundamental… e porén sempre voluble, coma un quinceañeiro cabreado que cada día vive as catro estacións do ano, e cando vén o inverno sorpréndete cun temporal que descoñecías!

As montañas destas terras son preciosas... durante a construcción do universo as ninfas da beleza repararon neste lugar e decidiron reflectir a súa imaxe, crearon o macizo do Chaltén como aquel que daría ciumes ao resto do galaxia. Tamén lle deron carácter, por iso son montañas codiciadas e temidas ao tempo que amadas, si,  son amores difíciles que che piden cada vez máis, que te seducen encamiñándote lonxe do teu espazo de  confortabilidade, mais son amores puros, que te reconfortan con experiencias novas cada día e con recompensas incribles en calqueira outro lugar. Un cumio na Patagonia é algo máis… non se vai deixar conquistar facilmente e, cando te agarre, non te vai soltar ata que non esteas de volta na comodidade do fogar, subiras ou non á súa cima. Aló todo é moi longo, moi duro, difícil e laborioso, sen refuxios, teleféricos nin equipos de rescate, con aproximacións brutais e vías enormes para soñar durante varias vidas. Nós podemos estar preparados mais son os “deuses patagones” os que se teñen que aliñar para que trunfemos: bo tempo, condicións da parede, elección adecuada da ruta, boa estratexía e paciencia son fundamentais, non só porque as vías son longuísimas e os descensos complicados senón porque a espera dunha “ventá” de bo tempo pode acabar cos nervos de calquera e, aínda que pareza mentira, a precipitación pode botar por terra todos os plans e rebentarnos a estratexia… saborear o mel mais sen podelo probar!
As cimas máis codiciadas do macizo do Chaltén son o Cerro Fitz-Roy (chamado Chaltén polos Tehuelches, primeiros habitantes destas terras) e o Cerro Torre, porén é un terreo moito máis interesante e con montañas que non teñen nada que envexar a estes dous colosos. Camiñadas alucinantes, expedicións polo “Campo de Hielo” (Xeo Continental Sur) onde descubrir lugares remotos, escaladas e encadeamentos de conto de fadas, só reservadas aos/ás escollidos/as… hai agullas para namorar, con vías difíciles e complexas de lonxitudes imposibles e cumios, sempre, inesquecibles: a Egger, a Standhardt, a Bifida, a Mermot, a Guillaumet, a Poincenot, a Desmonchada, a Saint-Exupéry… e outras tantas agullas impresionantes para a vista e para a mente do alpinista, con paredes enormes de aspecto inexpugnable e sobre glaciares preciosos de aproximacións titánicas; na Patagonia debemos ser máis rápidos e máis lixeiros, debemos ser máis resistentes, “be water” e adaptarnos aos continuos cambios climáticos e aos contratempos que nos vai pór a montaña, temos que facernos recios e vivir varios días sen comodidades sendo autosuficientes e, finalmente, temos que saber valorar as retiradas cando o cumio está demasiado lonxe ou as condicións se volven precarias, alén de que cando cheguemos ao chan comprobaremos que aínda nos queda moito destrepe, moita camiñada por reviradas colas glaciares e moito que "continuar" para saír de terreo inhóspito.
Déixovos cunha montaxe fotográfica do noso periplo polo sur profundo. Saiume algo longa máis, para os que teñades interese no lugar, coido que non ten desperdicio. Quen queira máis info ou algo de lectura tamén tedes un relato, ao meu xeito, destas semanas de escalada e unhas fotos escollidas. 
Son montañas que te pillan de tal maneira que se fai difícil non repetir, 
esta entrada no blog é a miña forma de non irme de todo dese marabilloso lugar!

O NOSO RELATO PATAGÓNICO (para quen queira máis info ou simplemente ler un pouco)
Cerro Fitz-Roy pola Supercanaleta
Chegamos ao Chaltén despois dun mes de decembro caluroso e inestable, Manu e eu eramos primerizos mais Diego xa estaba curtido de varias visitas anteriores, el era a nosa experiencia, o noso faro patagónico! Situámonos comodamente en "Lo de Trivi", como as cabanas están carísimas a mellor solución é un hostel. Despois duns días parecia alviscarse unha “ventana” (así lle chaman aos períodos de bo tempo), que máis tarde foise definindo e dábanos 3-4 días para atacar o Fitz-Roy polo noso obxectivo primario: a Mate, porro y todo lo demás, unha ruta de 900 mts na cara oeste do Pilar Goretta que queríamos continuar ata o cumio, despois dun vivac, pola Casarotto, o que supuña arredor de 300-350 mts. máis na parte superior. Despois da longa aproximación que te leva por Piedra del Fraile, Piedra Negra y Paso del Cuadrado chegamos ao glaciar Fitz-Roy Norte,  onde montamos a tenda desde a que atacariamos o piar. Comezamos a rampa de neve coas primeiras luces, antes de pór os gatos aínda hai varias tiradas mixtas e, xa en modo rocha, despois de varios longos descubrimos que iamos moi pesados, a estratexia en estilo alpino era errada, subir con esas mochilas escalando fundíanos en cada longo, subimos uns 300 mts e decidimos descender rebentados polo esforzo, o noso gozo no fondo do pozo!
Despois de descansar esa noite, decidimos que tiñamos que aproveitar esa ventá de bo tempo e a mellor opción era a Supercanaleta, (Diego tiña feito a ruta máis non fixera cumio así que tamén decidiu que era a súa opción) pedímoslle dous piolos que nos faltaban a uns colegas italianos que baixaban (casualidades da vida, logo me enteraría que fixeran a Poincenot con Israel Blanco había unhas semanas) e, aínda que estabamos acampados algo baixos para entrar na vía, saímos a noite seguinte en dirección á Supercanaleta. Pasamos á rimaia cando eran as 2:30h. do día 8 de xaneiro, sobre as 5h. estabamos no bloque empotrado, despois de case 1000 mts de corredor nocturno entre 45º e 70º (bloque empotrado que non existe… é coma un piar!!) e facéndose de día tomámonos un té como re-almorzo hidratante e encordámonos; Diego comezou por un diedro mixto desplomado que te mete á dereita nunha placa ben cabrona e de difícil protección, ese primeiro longo xa che indica de que vai isto (logo nos dixeron que se pode escaquear pola esquerda¿?), os longos de xeo e mixto vanse sucedendo ata chegar á arista, por veces despexa un pouco e podemos ver o cumio,  iso motiva pero, ainda que parece que está perto, faise longuisima e, para rematar, na parte final da arista o vento deunos unha paliza de órdago, hai que aguantalo e pór os gatos un par de longos, resistimos na arista refachos enormes de loucura ventosa e facemos un pequeño rápel que nos saca a terreo chan… cando rematamos a vía levabamos 14h. desde o bloque empotrado, coincidimos con outras dúas cordadas, uns viñan pola Afanassieff e outros pola Californiana, estes últimos non foron ao cumio e comezaron os rápeles sobre as 19h, nós subimos a gozar da cima que pisariamos sobre as 20h. do 8/1/2016, non podía ser doutro xeito, mais subir e baixar ao cumio, por terreo delicado, son outras dúas horas mínimo.
Eran as 21h cando comezamos os rápeles, iso permitiunos descer a primeira parte aínda de día e, cousa de todo recomendable, baixar os últimos. Cando se fixo de noite, collemos ritmo de rápel sen prisa pero sen pausa, cunha paradiña nunha repisa para facer líquidos e comer un liufilizado, en total 11h. rapelando eses 1600 mts de desnivel en arredor de 32 rápeles, cando cruzamos a rimaia eran as 8h do dia 9 de xaneiro, levabamos case 30h. non-stop e xurando non volver facer un rápel en moito tempo. Un soño realizado! A Supercanaleta é un rutón, aberta por Comesaña e Fonrouge en 1965, e na que ningún longo ten desperdicio: algo de xeo vertical fino, moito mixto de currar e algúns nos que hai que apretar, moverte nunha gran parede, longos de rocha con crampóns e outros para os que precisas gatos... é a icona estética de calqueira alpinista (iamos facendo a broma de se acabariamos trepando con crampóns e guantes de fenda, he he.). No glaciar, moi cansos pero felices, compartimos risas comúns cos compañeiros norteamericanos que acababan de descender diante nosa e, despois de adormentar unhas horas ao sol do verán austral, houbo que facer os petates e saír cara o Chaltén, non debíamos chegar moi tarde á ponte do río Eléctrico porque precisabamos que alguén nos levase a dedo ata a vila, esa noite a ledicia podía co cansancio e non lle perdoamos a un bo bife arxentino, porén,  ao día seguinte, o asado de cumio coa xente de NIPO-NINO foi brutal, os asados foron outra experiencia patagónica que fica na nosa memoria… e no noso bandullo!
Intento á Aguja de la Medialuna pola Rubio y azul
A ventá de bo tempo foi excelente e extendeuse un par de xornadas porén estas palizas pídenche, máis ca descanso, recuperación. Os seguintes días parecía que podería haber outra ventá e iso facíanos saborear o que sería o noso novo obxectivo: a Ragni do Cerro Torre. Mais isto é Patagonia e finalmente esa semana non foi nin boa nin mala, foi inestable barometricamente e, talvez, algo mellor do que indicaban as predicións, porén o Torre está lonxe e as aproximacións en moi mal estado debido á calor intensa deste ano, precisabamos unha ventá estable. Co tempo inseguro, decidimos atacar a Aguja de la Medialuna pola Rubio y azul (ruta aberta en 1994 por E. Salvaterra), un día que parecia daban tempo excelente. A estratexia foi vivaquear por riba da Laguna Torre, xusto antes de meternos no glaciar, con idea de facer a aproximación sen peso na mochila. Así foi, cruzamos ese longo glaciar, primeiro o Glaciar Grande do Adela e logo o Glaciar Torrre, pasamos Niponino (campo habitual desta zona) e subimos esa pendente inmunda que te leva ata Noruegos (campo avanzado) e a pé de vía, total 5h. de aproximación e máis gaña de trepar ca forzas no corpo, alén de que eu levaba un pé dolorido por un xoanete, andaba ben mais cando puxen os gatos vía as estrelas.
No inicio da ruta o sol quentaba coma no caribe, case quedo durmido mentres Manu aseguraba a Diego, mais non creo que este gozase tanto porque o primeiro longo e expo levando o material que indica a guia, cómpre levar outro nº4 e, talvez, un nº5, con todo Diego botoulle un par pegándose unha babaresa ancha de 10-15 mts sen meter nada, e non era fácil. Seguimos ascendendo por terreo máis humano ata que, nun longo de 6b, vemos dúas fendas e coido que pillamos a equivocada, de novo Diego tivo que botarlle outro par e facer un slab a unha repisa que nos conectaba coa fenda da dereita, aínda que neste caso había un pitón, todo vantaxes! Pasaba das 16h. e o vento comezaba a soplar con forza. Manu pillou a corda e tirou ata a arista que nos conectaba coa parte final da ruta, mais xa era algo tarde, tiñamos que volver cruzar o glaciar mellor de día e, sorpresa patagónica, os refachos de vento eran cada vez maiores e na arista era fortísimo, demasiadas incógnitas! O meu pé ía moi dolorido, iamos bastante cansos e o reloxío corría na nosa contra, alén de que o vento era inaguantable na parte superior… decidimos baixar! mais aqui nada é gratuíto, a tres rápeles do chan a corda enganchouse (probablemente o vento liouna sobre si mesma) e como faltaba pouco para o chan, e aquilo era un escenario moi desagradable, cortamos a corda e seguimos descendendo tendo que deixar algún empotra e algún cordino na baixada. Patagonia is diferent, por iso a cousa non rematou aquí, a baixada de Noruegos tamén se converteu nun suplicio, terra e rochas desprendidas que facían a baixada dura e perigosa, en fin… cando saímos do glaciar e chegamos ao vivac iamos humillados e rebentados, polo menos eu! había 17h. que comezaramos a camiñar, todo para trepar uns longos e penar coma felinos en plena choiva, e grazas que Diego coñecía perfectamente o camiño porque cruzar ese glaciar pode levarche o dobre de tempo, chámanlle alpinismo!
Aguja Guillaumet pola Brenner-Moschioni
De novo no Chaltén, comendo carne de calidade e visitando aos amigos da Rotisería NIPO-NINO, as mellores empanadas do lugar e moi boa onda, Jerry e familia son uns verdadeiros anfitrións, por aló andaba tamén Miguelito, ao que non vimos nos últimos días pero soubemos que fixeran a Torre Central do Paine, noraboa titáns! e tamén Pablo, que procuraría un par de días de descanso no curro para encordarse con Manu e cun servidor na Guillaumet. Nós ao noso, ollando para o tempo na última semana e sen ver unha ventá para o Torre, algunhas escaladas na Pared de los Cóndores ían animando os días ata que observamos que parecía abrirse outra ventá de 3-4 días, a dous dias da nosa viaxe de volta! a fodida lei do Murphy ese, dábanos tempo de ir ao Torre pero non de volver a tempo de pillar o avión!! En fin… Manu e eu escollemos un destino rápido, aínda que o rápido aquí son un minimo de 2-3 días, como a Brenner-Moschoni á agulla Guillaumet, Pablo tamén se apuntou. Diego tiña máis días, mais o noso colega dolomiti ten unha debilidade co Fitz-Roy, así que se aliou con Luca e marcharon de novo a intentar a Mate, porro y todo lo demás, esta vez ían ben lixeiros, crampóns de aluminio, sen botas, jumars e un petate, non querían que os pillase o touro dúas veces!!
Subimos a Piedra Negra sen tenda e esa noite choveu bastante, por sorte as fundas de vivac aguantaron, mais saímos algo tarde para arriba espectantes do que pasaría co tempo, finalmente o día abriu e deixounos gozar dunha xornada de escalada espléndida. A Brenner-Moschioni é magnífica, percorre todo o espolón este da agulla, de escalada fácil ata que te sitúas baixo o piar que domina o corredor Amy-Vidailhet, aló hai 4 fendas, aínda que o bosquexo só fala de tres e diche que collas a da esquerda, a cuarta está algo máis desprazada á esquerda máis eu penso que se refire a esa porque parecía máis humana, nós pillamos a terceira, debía ser 6b mais aquilo parecíase máis a 7b que a 6b, he he, fixemos unha boa aceirada a aínda así custounos o noso, logo a ruta continúa por fendas máis amables pero nas que tamén hai cachondeo, algo de arista fácil e remata na brecha común coa Amy-Vidailhet, para chegar ao cumio hai que facer 150 mts máis de escalada cómoda pola Comesaña-Fonrouge. A Guillaumet é utro cumio precioso! Descendemos, aproveitando as últimas luces pola Comesaña-Fonrouge, o máis rápido era descender pola Amy-Vidailhet, mais para iso cómpre levar botas e piolos, e a nosa estratexía neste ano seco era pasar lixeiriños en zapatillas, foinos ben! Cando chegamos ao final dos rápeles, nun colladiño ao pé do fío noroeste, fíxose de noite. Parecía que todo ía ben, mais isto é Patagonia ata o final, e para non meternos no neveiro, moi duro, tivemos que destrepar uns centos de metros por uns bloques enormes e facer varios rápeles curtos, cando chegamos ao vivac en Piedra Negra era a unha da mañá, de novo outras 17h. sen parar e máis cansos do que o corpo está disposto a asinar no contrato de actividade alpinística, outro liufilizado e a durmir coma bebés. Pola mañanciña descendemos felices por ese novo cumio, aproveitamos esa tarde para descansar no Chaltén e chourizada en NIPO-NINO pola noite, os bos costumes non se poden perder! he he! ao día seguinte Pablo tiña que currar e Manu e eu 40h. de viaxe ininterrumpida para regresar ao terruño.
Para rematar cómpre dicir que tivemos moita sorte co tempo este xaneiro, e non só nós, as dúas ventás boas (nos só pillamos unha completa) deron como resultado algunas ascensións de lenda: fanse carreiras épicas como a de Colin Haley e Andy Wyatt, subindo a Supercanaleta, desde a ponte do Eléctrico, en 21h.; o mesmo Colin Haley realiza a primeira en solitario á Torre Egger, impresionante!; ábrense novas rutas como The Colorado Route na cara sur do Fitz-Roy (no paredón á dereita da Californiana –entre a Washington e a Canadian-); repítense outras 30 anos despois da súa apertura como a Psycho Vertical, na Torre Egger, aberta no 86 por unha cordada eslovena que impón só co nome dos seus integrantes: Jeglic, Karo e Knez. Tamén cómpre felicitar ao nosos colegas David e Matteo por facer a primeira repetición doutra Ragni no Fitz-Roy, aberta en 1976 coa sinatura de Casimiro Ferrari, trátase do Pilar Este, unha xesta impresionante que, despois de limpar o ano anterior de toda a ferralla que había na parte baixa, conseguiron rematar en estilo alpino en tres días de escalada efectiva, uns auténticos máquinas, os meus parabéns por esa impresionante ascensión! E o bo tempo debeu continuar porque semana e pico despois Colin Haley volve a darlle estopa, esta vez con con Alex Honnold, e fan a segunda repetición da Travesía del Torre, e esta vez no día, en 20:40h, alucinante!

MÁIS PALIQUE
Por se a alguén lle interesa sinalo outras cuestións e datos prácticos a ter en conta para vivir no Chalten e para trepar nestas míticas montañas.
v     Visitade pataclimb.com, a auténtica biblia da zona con todo tipo de información práctica e de escalada.
v     A guía do lugar chámase Patagonia vertical, excepcional, é obra de R. Garibotti e D. Pietron, editada por Sidarta en 2013. Haina no Chaltén en español e en inglés.
v     As mellores empanadas e milanesas do Chaltén están na rotisería NIPO-NINO, tamén podedes alugar unha bici a bo prezo ou tomar unha birra acompañada dunha tarta de verduras excelente, alén da boa onda… iso si, sen presas, hai que saber esperar! he he.
v     No Chaltén os prezos son próximos aos europeos, e subindo cada ano, as cabanas están moi caras (30 eur. dia/persoa), o máis económico é o camping, máis se queredes algo de comodidade o mellor é un hostel (entre 10-15 eur. diarios), nós estivemos en “Lo de Trivi”, totalmente recomendable, moi cómodo e con boa onda. Hai moitos mais mellor reservar por internet porque aló é verán e está todo petao.
v     Sobre o diñeiro: o mellor é levar euros, en calquera sitio podedes cambialos ou pagar con eles, sen trapicheos no cambio nin cousas raras.
v     Para mirar o tempo, que é o estigma diario de calquera visita ao lugar, soen ter algún ordenata nos hostel mais tamén teñen wifi para conectarnos co teléfono, iso si… internet vai a pedales… Os mellores sitios para mirar o tempo son o NOAA (hai que meterlle as coordenadas, en pataclimb tedes máis info para un uso correcto desta ferramenta) e o WINDGURU, os dous fan unha predición do tempo mais o primeiro dache unha predición barómetrica, que é importantísima, e o segundo soe atinar co vento, algo fundamental tamén.

ALGUNHAS FOTOS ESCOLLIDAS

O Chaltén e a súa humanidade
O Fitz-Roy cuberto e a Poincenot, maxestuosa, desde Laguna Madre
Os dous titáns que me acompañaban a todas partes, he he, na Pared de los Cóndores e co Chaltén detrás
O noso primeiro intento ao Fitz-Roy polo Pilar Goretta, Manu nos mixtos de acceso á Mate, porro y todo lo demás
Na Mate, porro... cando xa sabiamos que con tanto peso non iamos a ningures!
A nosa casa no glaciar Fitz-Roy Norte, vaia espacio que nos curramos... he he, por certo, as tendas aqui polo día hai que recollelas, o día de cumio, como a predición era moi boa, deixámola e o vento rebentóunola! Desde o Campo de Hielo entran masas de nubes constantemente... á dereita vese espectacular a Aguja Pollone.
Na Supercanaleta, Diego apretando seriamente nese primeiro longo despois do bloque empotrado
Outra nos mixtos da Supercanaleta
A parte final da arista na Supercanaleta, cando xa pensas que estás chegando todo se pecha e o vento dache unha sacudida!
O segundo longo da Rubio y azul, na Aguja de la Medialuna
Os meus compis celebrando... non se sabe que? talvez estar outra vez vivos!! he he. A Aguja de la Medialuna agóchase debaixo do Torre como facendo parte del, á dereita a Torre Egger coa Punta Herron e a Standhardt, onde podíamos ver perfectamente a escaseza de xeo na liña Tomahawk-Exocet
Na Guillaumet, Manu apretando duro na fenda moi difícil da Brenner-Moschioni, encántame esta foto!
Pablo e Manu ensamblando en dirección ao cumio da Aguja Guillaumet, en zapatillas!!


16 comentarios:

  1. Enhorabuena chavales...estais mas fuertes que el vinagre. Ahora a comer buenos pucheros para recuperarse.
    Saludos

    ResponderEliminar
  2. Ole!!Enhorabuena!! Que gran viaje!!

    ResponderEliminar
  3. Xosé qué bueno! Dónde hay que firmar? Un saludo

    ResponderEliminar
  4. Este comentario foi eliminado polo autor.

    ResponderEliminar
  5. MUY BUENA XOSE...ESO ES LLEGAR Y TRIUNFAR JEJEJEJE, ESPERO QUE APARTE TRAGARAS UNOS BUENOS BIFES REOGADOS EN BASTANTES LITROS DE QUILMES, MADERAAAAAAAAAAAA

    ResponderEliminar
  6. Este comentario foi eliminado polo autor.

    ResponderEliminar
  7. Toda una experiencia! muy recomendable, en fin... en este sitio se puede repetir, he he. Como te lo sabes sabes Edu... carnaca a tope y Quilmes para hidratar... es la mejor recuperación para el cuerpo y para la mente, he he!!!

    ResponderEliminar
  8. Yo me apunto para la próxima!!!! envidia cochina la mia, qué fotazos, qué experiencia, qué suerte! Me alegro mucho de que triunfarais en la Patagonia. Un abrazote

    ResponderEliminar
  9. Muy buena! Esto no es de mindundis, jejeje
    Excelente el reportaje para dar envidia, de la mala

    ResponderEliminar
  10. Grande. Ya tenemos guia para la próxima. Fotazos. Gran experiencia.

    ResponderEliminar
  11. Gracias... yo tengo los churripuntos por debajo de la corteza terrestre pero ya volverán algún día, he he, hay que repetir así que ya hablaremos... mindundís toda la vida... más próximos a mataos que a makinas!!! he he!!!!

    ResponderEliminar
  12. Brutal, Xosé. Parabéns pola viaxe, pola escrita, e polas fotacas (fixéchelas coa Oli?). Aperta forte!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Luis... se esas fotos as tirases ti serían outro cantar, ha ha, Non a é, pillei unha boa oferta dunha compacta Nikon Coolpix P340, fai boas fotos e con ela teño zoom, a Olimpus é moito mellor pero resultabame algo tocha e sen zoom, agora deixeina para levar sen ter que colgar moito, pero aínda a uso máis ca nikon, ha ha.
      Teño que contarche outra cousa: O chaltén é coma unha vila do oeste americano, unha rúa e aos lados todo asi como algo desartellado, en fin.. aló tm hai moita afección ao bloque, un día cedo, ninguén pola rúa e descendendo aquela enorme recta baixaba unha bici enorme, odieime por non levar a cámara e lembreime de ti, era a foto icona dun bloqueiro, recapitulo: Chaltén, sen xente, unha bici ocupando a única rúa e na espalda do ciclista UNHA COLCHO ENORME, e cunha luz de abrente espectacular, ata a min me deron gañas de ir blocar! pena de cámara! Apertas, xa te chamarei!

      Eliminar
  13. Respostas
    1. Gracias, viniendo de ti es un elogio, he he, tuvimos suerte con el tiempo y lo disfrutamos, un saludo!

      Eliminar