sábado, 23 de xaneiro de 2016

Mallo Frechin: Tacones rosas de la tía Glori + Currucuclillo

Riglos é beleza e tapia próxima, é verticalidade e carácter deportivo mais tamén cultivo de rutas pracer, Riglos é amor pola arte de trepar e taboleiro da paixón polo bolo e a panza, é "mon amour" na simple visión e morriña na lonxanía, Riglos é a aldea onde os soños se alcanzan na proximidade e onde cada arrecendo sabe a rocha e a magnesio, aló a xente coñece as formas da pedra e convive con elas, os mallos saben dos habitantes e agradecen a empatía coa que estes os recoñecen... en Riglos a xente fala coa rocha e a rocha comunícase coas persoas, a escalada é o meigallo coa que se fai esta maxia na que trepar é simplemente cultura!
Estas dúas vías son bastante asequibles e circulan por panos bastante próximos, porén de estilo e beleza diametralmente distintos. A Tacones rosas de la tía Glori gustounos bastante, adecuadamente asegurada e bastante limpa camiña por unha liña bastante natural, ás veces con rocha boa e outras de calidade media; a vía combina dous longos da Rosaleda con outros dous da Vía del taco e tres longos finais de nova factura que lle dan entidade e carácter propio, alén de ser unha ruta variada por diedro, fenda, cheminea estreita e panzas, en conxunto penso que é unha boa vía, o grao máximo defínese no L5 e cremos está máis próximo ao 6b que ao 6c. Bosquexo cortesía de suenovertical
A Currucuclillo xa non me gustou tanto, talvez excesivamente chapada, excepto no L6 que curiosamente muda o estilo con algún alonxamento, mais o que menos me gustou foron as múltiples reviravoltas que dá a vía, ás veces incomprensiblemente, salvando panzas continuas dun lado para outro polo que é recomendable levar algunhas cintas longas, pódense enlazar longos e o A0 do bosquexo non penso que sexa máis de 6b; a rocha, mellorada polo paso das cordadas, é aceptable, aínda que de calidade mediocre. Bosquexo en laleyendacontinua
Manolo no L2 de Los tacones rosas...
De novo Manolo reptando polos estreitamentos, he he.
O longo que nos une co muro final.
A panza de 6c que nós vimos máis proxima ao 6b
O penúltimo longo é bastante divertido e ten algún paso fino, 6a+
Xogamos na Currucuclillo, Julián comezando a vía, 6a+.
De novo o titán murciano... non hai maneira de quitarlle a corda! este é o L2, 6a+.
Martin acabou pillado corda e dándolle estopa, coido que é o L3, 6a+.
Os meus dous compis chegando ao A0 que nós non vimos!
O penúltimo longo con boa perspectiva da Rosaleda e de Riglos, 6a+


Ningún comentario:

Publicar un comentario