Finalmente aconteceu! Algúns de
vos xa sabedes que cada vez que percorría a pista de volta dos sectores da
Hanna ou Supertanker facía o mesmo comentario: “alguén terá que abrir unha vía
nese espolón algún día” (seguro que todos/as os que vos fixastes nel desde o
aparcadoiro da presa pensastes o mesmo!). Se Fernando Pessoa fose escalador -por
sorte non foi así- tería mudado a súa inmortal sentenza: “O poeta é um fingidor” pola de “O
escalador é un imaxinador”. Esa fantasía imaxinativa que deseñamos sobre as
vetas naturais da rocha soe ser recorrente e mesmo a compartimos cos/coas
colegas. Tiña na miña retina diferentes posibilidades de ascensión por ese
atractivo espolón, mais nunca tiraba o tempo preciso, nin a vontade, nin o
compañeiro/a adecuado. O pulo definitivo veu coa tendinite que pillei o pasado
inverno, como non podía apretar tocaba desenferruxar a maza, os pedais e toda a
ferralla que fixera falla, e, alén diso, apareceu casualmente o mellor compañeiro:
Ricardo –Richar-, nunca escoitarás del unha queixa, sempre atento, sempre con
bo rollo… sempre a tope! Os astros estaban en liña, o imaxinador comezaba a realización!
O Espolón Fiz-Roi percorre un dos contrafortes calcarios que forman o
precipicio oeste do Penarrubia, curioso paredón que se ergue na marxe esquerda
do encoro, lindando co parque natural da Serra da Enciña da Lastra. Penso que é
a primeira vía que se abre nesta parede, non é estraño porque a rocha é
sospeitosa desde que te arrimas, con tramos bos e outros bastante mediocres,
alén de zonas onde a herba e a terra nas fendas se fai presente. Porén, despois
da apertura, fixemos un traballo de limpeza e, coido, quedou unha ruta bastante
boa, diría incluso que é unha vía semiequipada de certa calidade. Gustaríame
ser obxectivo -iso intento- cando digo que o segundo, terceiro e quinto longos
son moi bos, dos que merecen ser escalados, principalmente neste canto da
península. Salvando as distancias creo que a vía ten algo de Montrebei, con rocha
dubidosa ás veces e máis compacta outras, atlética e con sabor a tapia, iso si…
con máis seguros, he he. Abrímola combinando libre e artifo, en días soltos
durante o verán, levándonos da orde de longo por día (horario caracol); a
escalada foi laboriosa, e toda unha experiencia, porque había que ir saneando a
parede segundo subiamos, por esta razón quedou bastante equipada con pitóns e párabolts,
aínda que tamén teredes que facer bo uso dos friends e dos empotradores.
Nesta parede pódese trepar todo o
ano, fuxindo das choivas. A orientación é oeste polo que en verán estaremos
protexidos do sol ata as 13:30, hora na que fai presencia na parte alta do
espolón, pola mañanciña a temperatura é ideal para escalar. No inverno
buscaremos o sol, a parede é vertical polo que tarda en mollarse e seca
bastante rápido asi que, aínda que faga frío, se non vai aire, penso que se
estará quente polas tardes, aproveitando ao máximo o día para que non nos pille
a noite. Nos bosquexos (topos) tedes toda a info para a aproximación, a
escalada e o descenso. Para rematar cómpre sinalar que o Fizt-Roy é unha preciosa
montaña da Patagonia mais Fiz e Roi, por curiosa coincidencia, tamén
son os meus fillos. O nome da vía, co permiso do Richar, é unha celebración das
risas e o amor que me dan cada día, alén da miña desculpa polo tempo que lle
“roubo” a toda a familia. Espero que a gocedes!
Queremos agradecer a Diego que viñese probar a vía e, principalmente,
ao Clube O Veral de Lugo polo seu
apoio material provéndonos dos bolts que veredes nela, esa é unha das formas de facer deste deporte algo para beneficio da
colectividade!
PD.- O grao da vía é a nosa proposta, xa sabedes que sempre é
subxectivo, agradécese que opinedes sobre que vos parece e poder fixalo con
máis criterios. [Despois de varias escaladas e das opinións dalgúns colegas cremos que para o segundo longo sería máis adecuado un grao de 6b+]
|
Diego saíndo da apretada do primeiro longo! |
|
Nos inicios do segundo, seguimos apretando! |
|
Ricardo e Diego nese L2, esta tirada é moi boa! |
|
Agora no L3, este pequeno diedro coido que é o paso máis duro da vía, por riba hai unha fenda ben bonita! |
|
O meu compi chegando á R3, como vedes a parte do espolón que está máis norte é un campo de nabos! Nese mochilón Ricardo carga co taladro, desta tamén deixaremos montados os rápeles de descenso. |
Dúas fotos no L4, comezando a placa e chegando á R4 (a "árbore do aforcado")
|
Diego comezando o último longo |
|
Richar de novo, agora atacando o inicio do desplome que o levará ata o cumio |
|
Fantástica travesía e final de festa compañeiro! |
|
Boa foto que me fai Diego no último rápel, directos ao chan! |
|
Bosquexo de acceso, 20 min. de camiñada desde o aparcadoiro. ACTUALMENTE
O ACCESO FAISE ANTES PORQUE HAI UN BALADO ENORME, CRUZAMOS POR UNHA
APERTURA DO MESMO E CAMIÑAMOS POLA SÚA PARTE SUPERIOR ATA A PEDREIRA
POLA QUE ACCEDEMOS DO MESMO XEITO |
|
O bosquexo da vía, con toda a info para a escalada e o descenso. [Despois de varias escaladas e das opinións dalgúns colegas cremos que para o segundo longo sería máis adecuado un grao de 6b+] |
Velaí vai unha montaxe dalgunhas fotos da apertura
Hai que darvos os parabéns pola vosa visión e as grazas por ise laborioso traballo de limpeza, xardinería, albañilería e equipamento. Tamén pola vosa vontade e perseverancia para non ter abandoado a pesares das dificultades. Aínda habendo treitos en principio mediocres, fostes quen de sanealos para enlazar unha liña excepcional, con pasos alucinantemente bós e moi variados. Non era doado... Pero nótase que levas moitos kilómetros de paredes ás túas costas, meu.
ResponderEliminarGrazas Diego, repítome máis penso que a vía merece moito a pena... e tan cerca da casa!
EliminarImpresionante. Ainda que entrenes pouco no roco (según dices) non che fai falla.
ResponderEliminarSaúdos
Todo fai falla e todo vén ben meu, he he, apertas!
Eliminar