luns, 4 de marzo de 2013

Dolomitas: Colfosco, Vallunga e Val Porsilia

Outra saída rápida a Dolomitas. As condicións do xeo eran escepcionais en toda a zona e a idea era escapar con Diego uns días ata Vallunga e, talvez, a algún val austríaco... lugares que eu non coñecía e Diego tampouco. Un voo low cost levoume a Treviso e con chegada accidentada polo "bruto tempo", aló perdín un día pola tremenda nevada que caeu a mesma tarde na que aterrei; Diego non me podía vir buscar porque Simon (así é como se chama á súa furgo) estaba soterrada baixo un metro de neve e, para ir ata Feltre (onde vive Diego), tampouco Trenitalia me serviu... ergo, tiven  que pasar a noite nun hostal e ao día seguinte rescatárome Diego e Carin ao lombo de Simon que, como sempre, se portou coma un titán. Ese día estaba perdido para o xeo mais despois de xantar, e de degustar o estupendo tiramisú que fai Carín, fomos facer unha foqueada ata a pequena estación de esquí de Feltre, unha ascensión con neve recen caída por un bosque precioso, con esa neve vale a pena investir en esquí! o descenso polas pistas da estación foi levadeiro e, aínda que rematamos de noite, mereceu a pena tirar a ferruxe que me metera no corpo a accidentada viaxe, en Dolomitas sempre á carreira!!
 Ao día seguinte comezou o noso periplo xeado, un día menos polo que rexeitamos a idea de ir ata Austría. Directamente a Colfosco, onde Diego xa tiña falado cunha señora dun bed and breakfast para ficar unhas noites (o  máis económico por estes lares), en dúas horas de Simon e uns 45m de raquetas estabamos ao pé das fervenzas; escalamos Solo per pochi (II/4+,5) e Brivido sottile (II/5), dúas boas cascadas, a segunda cun diedro de entrada moi fino e de difícil protección. O segundo día visitamos Vallunga, lugar máxico para a escalada en xeo, liñas longas e continuas, fervenzas de lenda e nun contorno magnífico, coido que é un sitio ao que hai que voltar con máis días para gozar de todas as súas posibilidades, moi recomendable. Ese día fomos facer Droc (III/5,5+) e non erramos na escolla, fantastica cascada duns 300m, a que se accede por unha bonita canle encaixada con resaltes e, despois dun último muro continuo de preto de 200m, remata na cima mesma do val e... escalando ao sol! Para o día seguinte deixamos outra boa cascada a que Diego lle tiña gaña: La Piovra (III/5), e que, ao estar ao final do val e do lado norte, permite ollar todas as posibilidades de xeo deste val onde, cousa curiosa, a maioría das fevenzas están orientadas ao sur e dándolles o sol gran parte do día. Para rematar a semana animámonos a un encontro de glaciacistas que se organizaba nun novo terreo de xogo: Val Porsilia; bo lugar descoberto o ano pasado polo guía Peter Moser e publicado este decembro na revista "Stile Alpino", é un val baixo pero cun circo interesantísimo e, segundo Peter, con outras posibilidades de fervenzas de ata 300m, iso sí... a aproximación é longa, principalmente se hai neve, máis o encontro foi con motos de neve, sempre gozando... subíronos e baixáronos... alén do bo ambiente da reunión, así dá gusto! A xuntanza era de fin de semana mais Diego tiña unha cea inexcusable na casa do seu amigo Franco, á que tamén me invitaron, festa rachada para rematar a miña estadía en Dolomitas... pero iso é outra historia, he he. Por certo, Dolomitas é un privilexio da natureza tanto en verán coma en inverno, se hai un Demiurgo... aló parou, recapacitou e... decidiu construír a perfección. Déixovos cunhas fotos!

En Colfosco, de esquerda a dereita: Spada di damocle, Solo per pochi e, con ese diedro fino ao inicio, Brivido sottile.
Diego comezando Solo per pochi
Saíndo á segunda reunión que se fai a tope de corda, no val vemos Colfosco.

Diego de novo, agora no primeiro longo fino fino de Brivido sottile
Ese L1 era un diedro que alén de fino tiña difícil protección, Diego encaramado ao xeo groso despois da sección clave
De novo o meu compi currándose ese longo delicado mais fantástico, aínda que algunhas coladas metíanche a friaxe no corpo
De novo o L1 de Brivido sottile, chegando á reunión. Agradécese o xeo tocho, he he.

Comezando o L2, desde embaixo a saída parecia fina mais apoiado contra a rocha era moi cómoda, un longo precioso e continuo
Diego volve tomar a cabeza no terceiro longo de Brivido sottile, titaaaan!

Colfosco é un lugar de gran beleza situado na vertente sur do Sassongher e do Sass de la Crusc, os cais se ven privilexiadamente desde as fervenzas.
Entrando en Vallunga ao lado da pista de fondo, impresionante val... longo e alpino!

Esta canle de 300-400m, con pequenos resaltes,  levaríanos ata Droc, a nosa primeira fervenza neste val e, talvez, a mellor destes días. A verdade é que non sabemos moi ben se se trata de Droc ou doutra máis a esquerda pero as características son similares, 300m e III/5,5+. Unha xoia!

O primeiro longo era delicado porque tiña unha columniña pola que había que pasar sen que se enteirase, se lle dabas un pioletazo tirabas todo!
Despois do L1, logo dunha pequena campa de neve, atopariamos isto: uns 200m de xeo unindo saltos superverticais que remataban na cima do val.

Despois dun ensamble de resaltes a 60/70º Diego chántase ao pé do primeiro muro vertical, estabamos flipando!
O dominio do xeo sobre o sol: unha quimera que había ser resolta cun cambio de estado próximo, he he

Marabilloso muro para comezar a última parte da fervenza, continuo e algo desplomado, cun xeo plástico que era unha gozada e... ao sol!!!

O lorenzo dábanos aos ratos e metíanos calor... mais eu non deixaba de flipar con esta preciosa escalada

Unha foto máis neste estupendo muro
Despois dun longo a tope de corda Diego toma a dianteira por outro muro vertical algo máis humano, aínda que neste caía algo de auga!

O último longo era outra auténtica xoia, outra tirada a tope de corda cuns 40m verticais e continuos dun xeo plástico excepcional
A baixada toda en abalakovs, excepto o primeiro rápel que foi dunha árbore; hai que economizar cordinos que a corda corre fantasticamente!

Desde Vallunga ollábase perfectamente esa nova apertura de Adam Holzknecht y Hubert Modorer na cara norte do Sassolungo: La lágrima. Segundo se pode ver o nome vaille perfecto!
Diego subindo a campa de neve que nos situaría ao pé de La Piovra, menos mal que levabamos raquetas!

Ese día, ao ter que ir ata o fondo do val, descubriríamos auténticas belezas que pedían ser escaladas

Entre elas... outra xoia do val, só para intrepidos: Illuminati, M11+ e 6+, uff!! Agora entendo a Penin cando me dicía que non se atreveran co último longo de xeo! ese ano estaba fino e... aínda estando tocho non deixa de parecer un bacalao! Hai que estar aló mais... repito: ufffffff!!
Diego atacando o L1 de La piovra, á dereita vemos outra liña de sexto que se forma poucas veces, cun teito expectacular, pero non houbo narices para atacarlle; alén diso as cordas estaban humidas do día anterior e, despois de usalas, quedaron coma arames.

O L2 de La piovra tamén era precioso, continuo e vertical!

Diego saíndo do terreo vertical nese L2

Ao baixar, no val, atopámonos este "mocoso de chupete" xogando aos trineos! flipamos porque estaba case a unha hora a pé do aparcadoiro. Realmente un bebé das neves, he he, estaba ben guapo!

O último día de escalada fomos á xuntanza de xeo organizada por Peter en Val Porsilia, un lugar novo que merece a pena visitar. Quedamos con Luca (un colega de Diego fanático da patagonia) e con dúas motos subimos todos, uns arrastrados e outros sentados na máquina, ha ha. Isto foi, sen dúbida, o máis perigoso da semana, completamente tolos están estos Dolomitis!

O muro dereito de Val Porsilia, impresionante! fixemos vaias liñas mais só pola parte de embaixo porque había moita xente para trepar e non se podían tirar cousas, unha pena!

Na parte esquerda do circo estaba, entre outras, esta xoia: Baci al veleno, II/6
Luca gozando coma un cocho na pía! ha ha, grande Luca!! ás súas costas vemos Baci al veleno.

De novo Luca chupando cámara! he he, agora chegando á R1 de Baci al veleno. Embaixo ambiente na xuntanza! Ese día a fervenza estaba ben picada e non creo que chegase nin a 5.

Máis Luca, agora aguantando as coladas do L2

Diego na R1, impresionantes os muros deste circo da Val porsilia!

Luca segue negociando este L2, antes de saír a un terreo máis humano!

Está claro que o máis guapo é o do medio!! ha ha, con Luca e Diego... grandes!!

Diego fixome este pequenísimo video nun dos muros de Droc

Ningún comentario:

Publicar un comentario