mércores, 26 de setembro de 2012

Picu Urriellu: Directísima

Levaba tempo sen escalar con Manu en tapia e tamén había tempo que queriamos ir ao Naranjo de Bulnes facer a Directisima, fixemos que os astros se aliñaran e saímos cada un da súa punta da península para quedar na veiga de Urriellu e gozar da presencia deste marabilloso tapión. Eu saín de Huesca e, de tardiña, subín o camiño sabendo que Manu, que viña desde Galiza, xa estaba na veiga acompañado por Victor e Lucas... asenteime nun vivac e despois de cearmos fun ollar para as estrelas desde o saco. Pola mañá almorzo no refu e ao comezarmos a subir vemos a parede chea de xente, Victor e Lucas ían á Rabadá-Navarro e tiñan que pedir billete ás 3 ou 4 cordadas que os precedían, a Murciana estaba petada e mesmo levamos un susto ao romperse parte da travesía do inicio, eses rapaces baixáronse pero non sen antes montar un circo para rapelar; na Directisima tamén había unha cordada e outra na Gizon berri bat naiz ("son un home novo"); en fin! finalmente os sevillanos da Directisima eran caralludos e ían ao noso ritmo e co "comando madroño", da Gizon berri bat naiz, parolamos coma cotorras e fixémonos fotos interesantes... todo sobre rodas!
A Directísima é outro viote do Naranjo... pareceume dunha beleza excepcional e cunha rocha fantástica, altamente recomendable se te moves nese grao. Ningún longo ten desperdicio, exceptuando o que vai á altura da Laja España que está algo roto, os muros máis compactos van dando canto para pasar en libre, asegurándote das múltiples "P" que usaron para abrila, e nos longos máis fáciles hai que ir currándose a protección en buracos de múltiples formas a base de micros e empotras, fascinante rota! Os longos chave, desde o meu punto de vista, son o primeiro, terceiro e sexto, e, aínda que todos me pareceron bonitos, o L1, L2 e o L6 son alucinantes. O almorzo pode atragoársenos no L1, nunha fenda limpa cun paso "morfo" e físico que nos pilla fríos e cunha praca, ben asegurada, na que teremos que apretar para chegar á reu; o L3 é unha ristra de "P", aínda que nalgún caso teremos que movernos entre elas, porén hai unha sección completamente limpa, onde teremos que botarlle algo de morro, ata que aparece unha "P" que non se olla desde embaixo; o L6 é boísimo pero, ao pasar un pitón que está por riba da reu, hai que currarse a protección ata chegar á praca gris onde podemos seguir polas "P" ata a reunión. Penso se pode liberar toda a vía perfectamente, menos o L3, neste longo teremos que navegar dun lado a outro das "P" para localizar a rota... e apretar duro! A nós levounos 10h... e fomos tranquilos... pero sen pausa... e agarrándonos despiadadamente!

Para rematar gostaríame, sen ánimo de polémica, deixar unha reflexión sobre o ambiente nos refuxios masificados e, principalmente, sobre o esmorecemento da cultura de montaña nestes ámbitos. Levaba uns sete anos sen subir á veiga de Urriellu, teño vivido a masificación neste refu hai moito tempo, e por iso mesmo, acostumo comer nel pero nunca pernocto, sempre en tenda ou vivac, e pareceme normal porque a montaña non me pertence e todas temos dereito a vivir a nosa relación coa natureza. Alen diso, sempre me trataron correctamente, lembro a Tomás apagando as luces e deixando as do comedor, vernos chegar cansos e famentos e dicíndonos que ceásemos tranquilamente, aínda que pasara das 11h... penso que é, dalgún xeito, normal que a masificación cambie iso co tempo, mais considero que debería seguir habendo cociña libre no refu e a auga, aínda que a falta obrigue a unha xestión máis controlada, debe estar socializada. Todo isto, a masificación o primeiro, fai mudar unha cultura solidaria que sempre gostei de atopar na montaña, o bo ambiente e o esforzo en mancomún son valores que sempre me atraeron entre as persoas que gozamos da montaña e da escalada. Por primeira vez, despois de case 30 anos de batalliñas, roubárome un forro fino que deixei a pé de vía, á marxe do roubo... atopei persoas na Rabada-Navarro que non sabían onde estaban, para eles a Gizon berri bat naiz era a Murciana, cando lles dixeron que non entón a Murciana era a Directisima e, imaxino, seguirían así toda a travesía ata chegar ao gran diedro... e conto isto con todos os respectos para esa cordada, o que quero refexionar aquí, e facelo en público, é chamar a atención sobre a posible nova cultura que se esta forxando na montaña, si, xa sei, en zonas masificadas, porén eu dubido que quede aí, góstame o meu deporte e penso que, talvez, estea callando unha forma de relación máis urbanita, egoísta e sen esa cultura de respecto que sempre nos moveu cara a liberdade das cimas, esa cultura que non descoñece a parede pola que escala, na que os forros non desaparecen e na que non se pecha con candado a cociña libre do refu para convertila nunha sala privada de fregar pratos. Non sei que pensades vos? en fin... hai van unhas fotiñas. Se queredes ver máis visitade o Blog de Manu

Manu atacando a fenda onde comeza primeiro longo, 7a, nese paso baixoulle o almorzo ao antebrazo e... empopellao!! creo que se di así cando che incha como ao mariño ese que fuma en pipa e toma espinacas! he he.
Manu chegando á R1, finalmente subín eu ese primeiro longo metendo un micro no paso "morfo" e tirando del coma se fose un párabolt... esa placa fina para chegar á reunión había que apretala!
Manu, recuperado da petada do antebrazo, escalando o L2, precioso muro, 7a+. Por riba a cordada de sevillanos márcannos a rota... boa xente e bo ambiente!
No L3 agarrao a todo e recollendo cintas, 7b, para min de "P" a "P" e tiro porque me toca!! aínda que ás veces tes que trepar e hai unha zona onde... se che pode apretar o traseiro!!
Manu nese terceiro longo que chega á reu por un diedriño. Á esquerda o "comando madroño" apretando en Gizon berri bat naiz, ao ser de Madrid e falando... finalmente David era amigote de Pablo, este mundo é tan grande como pequenas son as súas aldeas!!
Magnífica rota que estaban facendo estes dous máquinas en paralelo á nosa, haberá que ir probala algún día!
Eles tamén nos tiraron a nós algunha boa foto na Directisima, e como Pablo estaba por medio rapidamente nos puxo en contacto para intercambiarmos fotos... e quen non coñece a Pablo! he he... así da gusto!
Muros excepcionais onde Manu ía gozando coma un cocho na pia! Este é o L4, 6b+.
Para gozar eu que ía flipando coa rota, esa lingua é erótica eh?
Manu segue navegando nese quinto longo, 6a+. Eu xa estaba na vira que cruza a oeste... por onde vai a Ravadá-Navarro. Aqui rematan as reunións con párabolts... que ademais son completamente rapelables!
Manu inicia o L6 que sae da gran vira da cara oeste, boísimo! 6c, despois dun pitón que ten Manu por riba do xeonllo había que buscar protección para chegar ata as "P".
Outra foto neste mesmo longo, un muro de infarto cunha rocha inmellorable! reu en dúas "P" e unha ponte de rocha
Manu no L7, 6b, outra xoia de longo! estes dous longos de 6c e 6b penso que poden unirse a tope de corda (60 mts) pero non sei se merece a pena. Reu en dous pitóns que se pode reforzar.
David chegando á última reunión que fixeron en Gizon berri bat naiz, despois a rota uníase coa nosa e, para non ser multitude na mesma vía, decidiron baixarse, un rápel longo ata a gran vira e 5 máis para chegar ao chan.
Manu escalando o L8, V+, desde esta reu nós fixemos tres longos para chegar á parte superior da Laja España pero faise perfectamente en dous, para iso tedes que facer esta R8 no alto dun diedro onde podemos ver un anaco de corda colgando, hai dúas "P".
Manu chegando á nosa R9 que fixen nunha "P" e con friends, V+, se facedes a anterior reu na "P" que ten o anaco de corda esta saltádela e chegades á cima da Laja España
Manu de novo, agora chegando á cima da Laja España, IV+, alguén que andaba pola cima mandounos varias pedras que estiveron a punto de crear unha traxedia, unha delas pasoulle a Manu rozando e a min a metro e medio da cabeza, hai que ter un coidado extremo coas pedras e máis en sitios onde cun pouco de atención se pode evitar tiralas!
Na parte de arriba tamén hai muros excepcionais!
O noso L11 era outra gozada, V+ buscando buracos e fendas para protexerte!
Manu chegando á nosa última reu antes do cumio, finalmente, e para non misturarnos cos nosos amigos sevillanos, fixen á reu en dous parabolts con anilla que son da Murciana e que estan uns metros á esquerda da reu da Directisimada, e xa postos, para non esperar polos sevillanos, rematamos polo último longo da Murciana que tamén é de V.
Manu no cumio do Naranjo de Bulnes, onde algún desalmado tirou, por dúas veces, a virxe que o coroaba, eu tamén son ateo pero a virxe do Urriellu tiña un "color especial"!!
Foto de cumio, felices pola preciosa vía que acababamos de gozar! un pracer compartir vías con Manu, un dos bos cabos de corda que podedes ter convosco nunha parede.
Un pequeno bosquexo que mostra como penso eu que se deben facer os longos, nós fixemos un máis!

Ningún comentario:

Publicar un comentario