venres, 27 de xaneiro de 2012

Écrins: en busca do xeo

Pode que sexa isto do quentamento global, pode que os bancos e políticos descobrisen un sistema de control do clima e nos estean tocado os... na procura doutra forma de tocarnos o peto, ou talvez sexan os deuses encolerizados porque un só deles acapara todo o clube de fans... en fin... o feito é que este ano en vez de inverno estamos tendo unha primavera, en terras máis frescas tampocuco é que anden sobraos mais as súas malas condicións son un agasallo para nosa fame de pinchar, o feito é que cada ano que pasa, sen continuidade pero sen pausa, temos que ir peregrinando en busca do xeo.
Era primeiros de xaneiro e no Pireneo non se podía pinchar nada, Toño e máis eu escapamos para o "Pays des Écrins" na procura de vales xeados e temperaturas frías, aínda que as condicións nos Alpes do Delfinado tampouco parecían boas, segundo viamos en Ice Fall, pero Toño falou con Pau Escalé que lle contou todo o que se podía facer pola zona, este si está motivado, cada gramo de xeo que se forma esta controlado, non para, fanatismo en estado puro!! Ben... hai que dicir que os primeiros días a cousa non pintaba ben, había xeo pero moi pouco comparado con outros anos, as mellores liñas estaban sen formar, isto desmotiva un pouco, porén fomos mantendo o tipo a base de clásicas e pinchando todos os días, despois do terceiro día comezou a facer frío do da zona, pola maña saíamos a -13 e viamos como o xeo engordaba cada día, e sempre cun tempo excepcional. Finalmente podemos tirar unha boa conclusión destes días de xeo, fixemos bastantes metros e algunhas cascadas de calidade, pasámolo ben e coñecimos novos trepas cos que poder compartir momentos de risas e adrenalina.
Comezamos trepando en Freissinieres, como a pista estaba aberta ata o final (aparcadoiro de Dormillouse) fomos facer Impatience, unha clásica que parte do Torrent des Oules e que foi un bo comezo, ao baixar vimos a Tête de Gramusat e metía medo, nese estupendo muro non se podía trepar nada, xeo fino e escaso, igual pasaba con Les Viollins, unha fina candela que daba máis respecto que vontade por escalala. Ao día seguinte fomos a Cervières, despois de facer Impatience levamos algo de desilusión, xeo en pesimas condicións, o lugar serve para xogar algo pero é máis interesante para o Drytooling que para a cascadas de xeo, fixemos a Cascada du bourget e Petit bourget, ademais fixemos unhas poleas en Aux lames citoyens (M5+/5+) e en ...du détecteur de touffes (M6+/5). O terceiro día xa nos baixara algo o ánimo así que marchamos facer unha rota que nos recomendara Pau en Ceillac, chámanlle Pelouses, aínda que realmente na guía vén como Cristal salace, parece que é bastante boa, 50 mts de quinto, pero o noso gozo nun pozo porque hai 1,30 h. de aproximación e non había traza, podíamos morrer no intento, finalmente fomos repetir Sombre Héros, esta vez era realmente un quinto, sen picar e desfacéndose, e achegámonos as Les formes du chaos para facer uns metros máis, pero había dúas cordadas e, ademais de correr auga por toneladas, caeu un bloque de xeo do tamaño dunha lavadora, ufff, saímos correndo.... para embaixo! ese mesmo día achegámonos a Fournel, iamos ver se as furgonetas da xuntanza de xeo de Argentière, organizada por Ice Fall, estaban aló e nos achegaban a algures para completar ese día de xeo, foi un éxito, subíronos ata o aparcadoiro de Moutons, xusto fronte Davidoff, así que escalamos esta cascada, aínda que chovia por ela, e de novo furgo de baixada e para casa, supercómodo e accesible. Ao día seguinte Toño quería descansar esquiando, máis ca descansar eu petei as miñas pernas pero... pasámolo ben facendo unhas baixadiñas e gozando do sol en Serre-Chevalier, estación pegada a Briaçon.
 
Mais voltemos ao xeo... a experiencia das furgos en Fournel fora fantástica así que repetimos, había que aproveitar que era  o último día que as tiñan, fronte ao aparcadoiro escalamos Les nains des ravines, no sector Colosse de rhodes, vía pouco continua pero de 300 mts e que ten á súa dereita varias liñas máis curtas pero pinas, así na baixada fixemos Croc blanc, unha boa candela para completar un bo día de xeo! Ao día seguinte quedamos con Mario e Francesca no Valle Argentera, coñecer a Mario Sertori foi para min un pracer, guía de montaña e gran divulgador da escalada en xeo en Europa, en 2009 publicou ALPINE ICE, a guía de referencia para a escalada en xeo en todo o dominio alpino, ademais tanto el como súa compañeira son unha xente estupenda e pasamos dous días fantásticos, no Valle Argentera fixemos unha cascada marabillosa chamada L´altro volto del pianeta, (a mellor deses días, xoia que lle debemos ao mestre G. C. Grassi) e de volta a Fournel facemos, tamén con Mario e Francesca, Capitaine courageux, bela cascada do sector Damocles. Para rematar a semana, e cos nosos amigos xa camiño de Milano, Toño e eu madrugamos e escalamos nun pis-pas Ice Pocalypse en Freissiniers, esa noite xa durmiamos en territorio español, mais as condicións ian mudando e ao pasar por diante de Les Viollins xa vemos a columna preparada para recibir uns pioletazos, había uns días estaba imposible, iso si... na Tête de Gramusan imposible escalar, aínda que vimos uns máquinas que se meteron en Juste une illusion, había que ter valor nesas condicións, e polo que puiden ver logo nunha web subiron ata o cuarto longo pero a candela a seguir estaba de morte e baixáronse, o dito, uns máquinas! Vexamos unhas imáxenes, tamén podedes ver algunha foto máis de L´altro volto del pianeta en up-climbimb.com
-SERTORI, M. (2009): Alpine Ice. Le 600 più belle cascate de ghiaccio delle Alpi. Milano: Ed. Versante Sud

Il "monstro" dell gliaccio, he he, Toño as veces ten imaxes xeniais!!
Dúas cordadas no L2 de Impatience, 150mts, III/5
A entrada de Impatience (L1) podíase facer tamén por unha columna, á dereita, que apoiaba na auga do torrent des Oules
Toño ao pé do muro de Cervières, as condicións do xeo eran pésimas
Aínda así aproveitamos todo o que puidemos... Toño en Petit bourget, 20 mts, II/4
Toño de novo, agora polea en Aux lames citoyens, 30 mts, II/M5+/5
En Sombre eros, 100 mts, II/5, esta vez era realmente un quinto!!
Unha cordada comeza o L2 de Davidoff mentres Toño rapela pola dereita, 200 mts, II/4+, realmente este longo podería ter sido bo... pero parecía unha ducha!!
Toño mostra o seu dominio sobre os esquís no último descenso en Serre-Chevalier
Tamén demostra o seu dominio no xeo en Les nains des ravines, 300 mts, IV/4
Toño segue chupando cámara en Croc blanc, 80 mts, III/5.
De novo Croc blanc, esta columna era moi boa e había que currala!
Esa noite vimos a compe de Dry organizada por Ice Fall, este tipo que vai de fresco é o que gañou!!
Comezando a mellor cascada que fixemos eses días, L´altro volto del pianeta, 130 mts, III/5+
Magnífica cascada! na guía francesa danlle sexto... e realmente ese día era un sexto coma un campano!!
Outra foto máis en L´altro volto del pianeta, amais da estupenda cascada é moi fotoxénica...
He he, e outra! paga a pena porque Mario e Francesca fan unha fotos caralludas!! Grande candela!!
Mario e Toño gozando no L2 de L´altro volto del pianeta
Voltamos a Fournel, agora os catro atacamos en paralelo Capitaine courageux, 200 mts, III/4+ (na foto Toño no L1))
O L2 de Capitaine courageux, Mario asegura a Francesca e eu a Toño
Francesca en guerra contra o xeo!! he he.
O último longo de Capitaine courageux é o máis interesante, Mario pola dereita e eu pola esquerda na procura da conquista desta bela columna!!
O último día fomos a Freissiniers e escalamos Ice pocalypse, 100 mts, III/4+.
De novo Toño en Ice pocalypse, o L2 era bastante bo!!
Francesca, Mario e Toño gozando dun té despois da batalla!!!

video
Pequeno vídeo que me fixo Francesca en L´altro volto del pianeta e que 
mostra a calidade desta excelente cascada no Valle Argentera

1 comentario:

  1. COMO TE GUSTA PICAR XEO CABROMMMMMMMMM, VAYA CHURRA MAS IMPRESIONANTE, SE ME INFLEN LOS BRAZOS DE VER LE S FOTOS ,,,JEJEJE. UN SALUDO

    ResponderEliminar