Escalar no centro comercial.

O título intenta ser conscientemente impertinente. A maioría dos escaladores/as temos na natureza unha das nosas razóns para practicar este deporte de risco... ou non? talvez haxa quen prefire só instalacións cubertas? (indoor chámase agora), e pregúntome se realmente estamos diante dun deporte de risco? talvez haxa que redefinilo pero o certo é que os accidentes suceden... hai masificación na escalada actualmente? mudaron os valores ao tempo que a sociedade tamén na escalada? quen establece os parámetros polos que vai camiñando este deporte? Tentarei facer o esforzo de pensar sobre estes e outros temas relacionados a ver que vos parece e se chegamos a tirar algunha conclusión interesante... só por iso de continuar coas "conquistas inútiles".
Hai uns días lía un bo artigo en rocanbolt.com sobre canta xente escalaba no mundo, á marxe das cifras orientativas, que poden estar perfectamente instruídas por intereses ou paixóns, o certo é que 35 millóns son moitos aínda sendo un dato especulativo, porque, como dicía o artigo, a quen nos referimos: deportivos, clásicos, alpinistas, bloqueiros... alén de que é imposible establecer unha etiqueta de escalador/a, hainas/os que levamos un cartel na fronte pero actualmente a escalada é un deporte con moitos practicantes ocasionais e/ou puntuais, mesmo utilizada como método de diversión e xogo, realizado maioritariamenete en instalacións similares a calquera outra tradición deportiva, situadas en pavillóns ou ximnaxios. As etiquetas son fáciles de colocar pero enganosas, deste xeito poderiamos considerarnos nadadores por ir á piscina unha vez á semana? non, non se trata de cuantificar nin de etiquetar. Desde o meu punto de vista este é un erro propio dunha sociedade consumista e alonxada do ritmo natural das cousas, a masificación existe actualmenete na escalada e hai que abranguela mais non perder a perspectiva: a ollada cara o tema debería ser cualitativa se non queremos convertirnos noutra actividade máis do centro comercial. Cómpre sinalar que a Galiza penso que aínda non chegou esta masificación, neste caso temos a "sorte" de ser discretos na cantidade de rocha e termos un clima atlántico e húmido que dificulta planificar as escaladas nalgúns períodos do ano.
Estamos diante dun problema que debería ser tratado segundo cada circunstancia. Que a xente escale e teña instalacións onde facelo é bo para a escalada e para as persoas, isto é a alma dun deporte, o xogo, a diversión e a superación, neste sentido non hai dúbida de que a escalada está tendo éxito como actividade, mais iso tamén fai que haxa máis xente na natureza e que se multipliquen os lugares onde poder escalar, neste sentido comeza a haber zonas que precisan regulación, tamén debería valorarse moito o interese dunha zona para a escalada antes de comezar a condicionala, non podemos xogar coa natureza que xa está bastante "resentida" pola man humana. Pero non esquezamos que este é un problema puntual dalgunhas zonas e practicamente dunha única modalidade de escalada: a deportiva. O impacto mínimo no medio debe ser o noso primeiro obxectivo, a masificación de zonas naturais privilexiadas é un problema ecolóxico, e por moito que nos perxudique, a min o primerio, non debemos esquecer que unha das motivacións importantes da práctica da escalada sempre foi o contacto coa natureza desde o respecto e a conservación. Se hai que regular nalgunha zona debemos respectalo e defendelo... do mesmo xeito que non se pode restrinxir a escalada en lugares onde non hai impacto ecolóxico ou ás que non chegou a masificación.
Mais antes falaba da perspectiva cualitativa... talvez a mellor ferramenta para poder reaccionar como seres sociais, en troques de individuos de consumo, sexa a educación, grazas a ela podemos valorar explicacións máis complexas e acertardas que a sinxeleza elaborada dos cantos de serea. A escalada como deporte xeralizado está estourando e de nós depende que explosione adecuadamente, por iso penso que hai que introducir elementos no discurso que impriman valores, o simbolismo da nosa linguaxe debería engadir, alén de proximidade e sociabilidade, certa intersubxectividade dos valores da escalada: palabras como tecnificación, aventura, alpinismo, viaxes, exploración ou evolución persoal deberían ser o noso catecismo. Non se trata de demonizar unha modalidade de escalada como a deportiva, talvez a máis importante e significativa actualmente, o tema é que a escalada está quedando varada nesa modalidade que curiosamente naceu co obxectivo de entrenar para empresas maiores e que, desde o punto de vista cualitativo, reduce o universo da escalada a unha galaxia pequena. A especialización dos modelos de escalada fixo posible acadar cotas impensables hai pouco tempo, permite que cadaquén procure aquela modalidade da que máis goste, facilita a práctica, o entrenamento e a evolución do deportista, porén os exemplos de transversalidade desas experiencias son poucos. Nesta sociedade, obsesionada pola seguridade, a  aventura é unha quimera dificil de defender, porén parece que ten algo que ver coa esencia mesma deste deporte. Non vos parece?
Acho que hai un erro de concepto, esa aparente seguridade na escalada non é tan real, é un deporte de risco no que hai que saber o que se fai e estar moi atento, de feito os accidentes ocorren habitualmente en zonas "seguras" aparentemente, lugares tamén máis masificados e onde nos relaxamos polos hábitos comúns, alén de descoidar a nosa tecnificación para abranguer problemas que se nos poden presentar, convertíndonos en repetidores habituais das mesmas operacións e facéndonos vulnerables ao adverso, que sempre aparece. Alguén ten parado a pensar na inseguridade da maioría das vias ferratas? Tamén nos rochódromos hai altura e tamén accidentes, cómpre estar formados e preparados técnicamente para gañar experiencia e coñecer métodos que nos poden salvar a vida. Por esta razón falo de transversalidade.. non coñezo unha modalidade de escalada que dea máis tablas e seguridade nun mesmo que a escalada artificial, case desprezada na actualidade, basicamente porque non é completamente segura, hai incerteza, aventura, risco... pasemos en libre pero non esquezamos que a esencia mesma da escalada é multidisplinar, transversal a varias prácticas que hoxe se separan dándolle prioridade absoluta a unha delas, que está ben, que é a principal talvez... pero non é suficiente!
Finalmente acabarémonos preguntando se todo vai ben ou se debemos parar para continuar... preparando a seguinte secuencia de movemenos, reflexionando un pouco, mesmo pode que todo corra segundo certos intereseses, que sempre hai, e o ritmo que levamos nolo estean dando feito. Patrocinadores de todo tipo, administracións, tendas, revistas, editoriais... todos queren "estar" e que a situación lles sexa proveitosa, que os escaladores/as camiñen na súa onda. Se queres ser algo tes que saír ao público, eles promocionante, patrocinan aos/ás mellores e dirixenos cara un modelo de actividade que é o que precisan para mostrarse eles mesmos e os seus produtos, e se non te promocionan basicamente non estás. Neste mundo o merdado está inventado e funciona como funciona, vivimos nunha época de "domesticación das necesidades" polos aparatos culturais e simbólicos da sociedade de consumo, onde non existe o "consumidor libre" senón aqueloutro controlado e dirixido cara os intereses impostos por ese mercado, e iso non é fácil de cambiar, precisanse patrocinadores e difusores da actividade máis iso non debería ser a cambio da des-orientación do deporte de base, da fin dalgúns valores fundamentais nin da morte da transversalidade deportiva, debemos manter os piares que fixeron grande a escalada, reivindicar a historia, os Ravier, Rabadá-Navarro pero tm os Galvez, Picazo, Ballart... e tantos outros descoñecidos totalmente pola maioría, que nunca figuraron e que teñen vias que intimidan aínda hoxe, pero principalmente debemos reivindicar o que facian, a intrahistoria desas escaladas era construír unha aventura en cada actividade, o obxectivo era romper as barreiras do imposible con creatividade e tenacidade. Co tempo liberamos estas vías e iso está xenial, é unha proeza e é evolución, pero pregúntome por qué comezamos a ter éxito como deporte e iso só incide nunha única modalidade? Eu reivindico a liberdade e penso nunha montaña libre de ataduras onde cadaquén faga a actividade que lle apeteza, mais tamén creo que non se pode levar o modelo da escalada deportiva ás grandes paredes nin á alta montaña, cousa que está acontecendo con  reequipamentos e aperturas en terreos de aventura, nos que se prioriza unha seguridade aparente a base de multiples seguros fixos. Curiosamente son esas vías as que tamén se masifican, confeso que a min tamén me gusta certa seguridade pero isto é cambiar as regras e os valores, alén de enganar a certa parte dos practicantes que poden pensar que iso é escalada de aventura, con consecuencias sobre a seguridade cando mudan de territorio e de vía. Talvez falte aventura na vida  e teñamos que buscala na escalada, aventura controlada? aventura segura? As contradicións entre o concepto aventureiro da escalada e as prácticas sociais actuais son ben coñecidas polo capital, o mercado ponse de perfil porque precisa salvar ese conflito valorando o salientable e defendendo as iconas referenciais, mais os "fetiches" son os mesmos de calquera gran comercio moderno, comezando pola individualización e a separación conceptual das distintas modalidades deportivas. Pode que este sexa o produto do mercado, pode que si haxa alguén que pense por nós... cómpre que escale moita xente e para iso hai que construír seguridade en todas partes, tamén onde non é posible que a haxa, e nós asumimos o discurso e facémoslle o traballo gratuítamente. Probablemente non pensen máis ca situarse no posto de saida para chegar antes ao centro comercial e facer o seu negocio. Definitivamente a escalada precisa diversificarse e gañar valores que sitúen a referencia á aventura no miolo conceptual da actividade, este é un deporte de risco, descubramos as súas múltiples posibilidades e permanezamos unidos porque todos e todas somos un colectivo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario